5 it boys que deberías seguir en Instagram

nacho-selma-perfil

Chiara Ferragni, Maria Pombo ou Julie Sariñana son só tres exemplos do universo en expansión das influencers. Os seus nomes espertan paixóns non só entre os millóns de seguidores/-as que teñen nas redes, senón tamén entre as marcas máis variadas. E é que a revolución iniciada polas it girls vai alén do mundo de Instagram, cambiando o marketing de moda tal e como o coñeciamos.

Tanto deseñan coleccións (véxase a de Lovely Pepa para Tous), como desfilan sobre a pasarela (Laura Escanes para Ze García) ou se converten en imaxe de campañas publicitarias (Dulceida para Tezenis). O volume de negocio dalgunhas é tal que mesmo se atreven a probar sorte como empresarias e lanzan as súas propias marcas. Niso, Chiara Ferragni, coa súa Chiara Ferragni Collection, vai un paso por diante.

As it girls dominan o terreo virtual das tendencias, mais os seus correspondentes masculinos veñen pisando forte. Quen dixo que a moda para homes era aburrida? Velaquí cinco it boys que demostran xusto o contrario.

Leo Mandella (@gullyguyleo)

Con tan só quince anos, este rapaz de Warwickshire (Gran Bretaña) conseguiu co seu toque único revolucionar o universo dos it boys masculinos. O seu estilo é urbano e ecléctico, a miúdo transgresor. Looks inspirados na rúa (sombreiros de pescador e chándal incluídos), con toda clase de cores e estampados son o seu sinal de identidade. Por se iso non abondase, elixe para as súas fotografías escenarios que se fusionan coa súa roupa nun mimetismo total. Pura orixinalidade.

Leo Mandella é un dos máis novos e exitosos 'it boys'

I am Galla (@iamgalla)

Recentemente convertido en embaixador de reloxos de Hugo Boss, quizais sexa esa mestura entre o estilo da súa California natal e un toque neoiorquino a que converte os estilismos de Adam Gallagher en irresistibles. Co toque xusto de risco e cun resultado que ben podería cualificarse como “effortless chic”, Gallagher é fonte de inspiración para homes que apostan por unha estética sen estridencias. Os máis de dous millóns de seguidores/-as que acumula a súa conta de Instagram fan del un dos reis do mercado.  O follow aquí é case obrigado.

Adam Gallagher é un dos 'it boys' do momento

Luka Sabbat (@lukasabbat)

Con apenas vinte anos, Sabbat é xa unha das caras máis retratadas nas reportaxes de street style que rodean as grandes semanas da moda. Nacido en Nova York no seo dunha familia moi vencellada coa industria, non é de estrañar que Luka se desenvolva neste medio como peixe na auga. Con máis de oitocentos mil seguidores/-as en Instagram, non cabe dúbida de que a súa carreira non fixo máis que despegar. O seu bautismo de lume, desfilar para Domenico Dolce e Stefano Gabbana.

Entre os 'it boys' internacionais, destaca Luka Sabbat

Matthew Zorpas (@matthewzorpas)

Co seu blog The Gentleman Blogger como plataforma de lanzamento, Matthew Zorpas cultiva a súa imaxe de defensor do estilo dandy na súa versión moderna. Consultor creativo chegado a influencer de moda, este chipriota residente en Londres é un habitual de colaboracións con marcas como Harrods ou Massimo Dutti. O seu Instagram é sen dúbida toda unha oda ao bo gusto cun inconfundible toque british. 

Outro dos 'it boys' saídos de Instagram é Matthew Zorpas

Nacho Selma (@nachoselma)

Os it boys patrios tamén pisan forte na pasarela virtual que é Instagram. Ademais de Pelayo Díaz, no panorama nacional destacan perfís emerxentes como o do atípico influente Nacho Selma. Os seus eternos sombreiros (de plato, beanies, gorras…) e as súas gafas estilo Lennon marcan o seu estilo informal e colorido. A clave do seu éxito? O rastro de humor que lle imprime a moitas das súas fotografías. Un verdadeiro valor á alza.

Nacho Selma, 'it boy' valenciano que medra en influencia

María Losada @MariaLosada_ | Foto: Instagram @nachoselma