5 perfís de moda galega que deberías seguir en Instagram

Velaquí algunhas das marcas galegas que triunfan en Instagram

Poucas cousas hai máis visuais que o perfil de Instagram dunha marca de moda. Sesións fotográficas que son pura arte e ensaio, vídeos curtos que anuncian apetitosos fashion films e curiosos paneis de inspiración son só algún dos seus elementos habituais.

Poida que niso as grandes casas como Gucci, Dolce & Gabbana ou Burberry leven vantaxe, con presupostos astronómicos destinados a brillar nas redes sociais. Porén, o talento e a orixinalidade non son patrimonio exclusivo seu. Curios@s e amantes da creatividade emerxente, velaquí unha selección de perfís de firmas galegas que deberías seguir en Instagram se queredes darvos un festín estético alternativo.

Carla Lopez (@carlalopezstudio)

Se Dalí vivise na era dixital, sen dúbida sería un dos máis ferventes seguidores deste dúo de creadoras pontesas. Carla López e Emilia Arzúa fan do surrealismo, o raro e o inquietante o seu sinal de identidade, e alimentan o seu perfil en Instagram de impactantes imaxes nas que unicornios, bocas, ollos e naturezas mortas recrean o seu particular universo. Un certo toque kitsch e as coidadas sesións fotográficas coas que presentan as súas coleccións de bolsos e xoiaría póñenlle a guinda a unha conta que causa adicción.

Velaquí o surrealista perfil en Instagram de Carla López

Leónlagata Jewelry (@leonlagata)

A xoiaría minimalista ten en Leónlagata unha das súas máis orixinais representantes no noso país. O seu sinal de identidade son as pezas de cerámica esmaltada, que adoptan formas nas que predominan os trazos xeométricos. Mónica Bastón, a deseñadora detrás desta marca de accesorios, volve ao proceso de elaboración tradicional no seu pequeno estudo, unha mostra do seu compromiso co movemento slow. Pendentes de aires vintage e colgantes estilizados son os principais protagonistas do perfil en Instagram de Leónlagata. Delicadas fotografías entre as que se coan probas de novos deseños e tributos aos referentes estéticos de Bastón, como Sonia Delaunay ou Georgia O’Keeffe.

Coñece en Instagram Leónlagata, marca de xoias

Sheila Pazos (@sheila_pazos)

A participación de Sheila Pazos na pasarela EGO Samsung da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid en febreiro de 2016 causou un notable balbordo nos medios, e con razón. Os seus deseños beben da arquitectura, da escultura, do vestiario teatral e dos contos infantís. As propostas para home e muller da súa primeira colección evocaban o conto do Soldadiño de chumbo, con paisaxes alpinas e estampados en contraste. E desde entón, o seu abano creativo non deixou de medrar. As figuras deste panorama onírico desfilan polo perfil en Instagram de Sheila Pazos, combinadas con propostas máis pragmáticas e igualmente coloristas. Unha deseñadora á que paga a pena seguirlle o rastro.

Sheila Pazos amosa en Instagram detalles da súa colección e colaboracións

Mundaya (@mundayabags)

O normcore aplicado ao terreo dos bolsos. Así se poderían definir as creacións de Lara Santomé para Mundaya. E é que esta firma emerxente, con apenas un par de anos de historia, está a posicionarse no mercado dos complementos todo terreo a base de propostas onde a funcionalidade e a simplicidade no deseño permiten botar man delas 24/7. Ademais dos seus característicos bolsos e mochilas feitos á man, no Instagram de Mundaya abondan as escenas de making of e os vídeos que nos permiten descubrir o día a día do taller e da súa responsable.

Mundaya é unha marca de bolsos cun interesante perfil en Instagram

Knitbrary (@knitbrary)

Sobrios, atemporais, eternos: así son os deseños de Knitbrary, unha das marcas revelación alá por 2016 segundo Vogue España. O seu é o punto, conxugado en todas as súas formas e posibilidades. Apostan pola recuperación da artesanía na confección de moda e do traballo a pequena escala para garantir unha produción responsable. A súa conta de Instagram é unha fiestra aberta a unha estética  minimalista, pensada para subliñar unha certa idea de serenidade e de madurez. Tons fríos, como os azuis, o branco e os ocres, fusiónanse con paisaxes que lembran as raíces galegas desta marca 100% dedicada ao punto.

Os deseños atemporais de Knitbrary, tamén en Instagram

@Ce_FerSan | Foto: Instagram @carlalopezstudio