Abraza o mundo mindfulness con esta app

Esta aplicación axudarache co "mindfulness"

Á marxe de tratamentos farmacolóxicos e/ ou terapias específicas, a práctica da disciplina do mindfulness é unha das ferramentas máis estendidas na actualidade para combater cadros de ansiedade e estrés que non revistan gravidade. Por contraditorio que semelle, existe xa no mercado unha app pensada especialmente para guiarnos por esta forma de meditación e desconexión dixital.

A técnica budista do auto-coñecemento e da contemplación, que defende a importancia de recuperar o diálogo interior e reivindica o valor da atención única e consciente está a gañar popularidade en Occidente. Os seus principios, aplicados no marco de sociedades hiper-conectadas, rexidas por rutinas frenéticas e longas xornadas laborais, soan sen dúbida a gloria bendita. Pero de pouco serve a teoría se logo non somos quen de levala á práctica. Para axudarnos con esta, e mais para facer pedagoxía desta particular filosofía de vida que é o mindfulness, temos á nosa disposición REM Volver a casa.

Esta aplicación para o móbil é o resultado dun novidoso programa desenvolvido pola área de Psicoloxía e Psiquiatría Clínica dos hospitais La Paz e Príncipe de Asturias, de Madrid. É o froito do labor de investigación levado a cabo por Blanca Amador (psicóloga e profesora), Carmen Bayón, Beatriz Rodríguez Vega e Alberto Fernández Liria (psiquiatras e profesor/-as) en paralelo á súa actividade terapéutica. Grazas a esta, puideron estudar os efectos da atención plena na conduta de persoas diagnosticadas de depresión, ansiedade, dor crónica, trastornos ou enfermidades oncolóxicas, infecciosas ou neurolóxicas.

O obxectivo último é proporcionar recursos de entretemento que permitan xestionar dun xeito adecuado uns niveis elevados de estrés. De aí que REM Volver a casa estea enfocado a orientar @s usuari@s no adestramento e reeducación da mente “para dirixir a atención ao momento presente sen xulgar, con aceptación da experiencia”.

A filosofía "mindfulness" chega ao móbil
Esta aplicación ensínanos a regular as emocións segundo o mindfulness

Nesta app preséntanse, pois, pautas para unha mellora gradual. O proceso divídese en 8 etapas, que poden representar días, semanas ou meses, segundo o ritmo ou a disposición de cada persoa. Á vez, estas etapas conteñen 3 seccións, cuxos nomes se refiren ás capacidades nas que se centran: escoitar, practicar e integrar.

A primeira delas presenta ensinanzas tiradas da combinación de coñecementos científicos actuais e da sabedoría tradicional budista, orientadas a inspirar a reflexión e a estimular a incorporación do aprendido á experiencia. A segunda contén unha ou dúas prácticas formais de meditación. Estas duran entre 8 e 15 minutos, e centradas no mindfulness e a compaixón, para achegarse a eles cun esforzo amable. Na terceira ofrécense suxestións de accións que se poden ir incorporando desde o primeiro momento á vida diaria, desfacendo hábitos tóxicos e interiorizando novos patróns que afiancen a saúde da persoa e do seu entorno.

Máis de 200 minutos de materiais especificamente pensados para facilitar a integración do mindfulness na vida cotiá d@s usuari@s fan da app REM Volver a casa (dispoñible para dispositivos iOS e Android) todo un aliado da nosa saúde mental.

@Ce_FerSan / Foto: remvolveracasa.com