A app que te converterá en especialista en tecidos

Textilae é unha 'app' especializada en tecidos

A tecnoloxía é a grande aliada da moda actual, e non só porque facilite a experimentación con novos materiais, mecanismos de confección ou métodos de produción. Aplicada á comunicación e o estudo, permítenos xa adquirir coñecementos técnicos anteriormente reservados a unha inmensa minoría. Como esta app, que debulla o entreforro dos tecidos. Porque neles reside a esencia da costura.

O deseño de moda require, ademais da obvia dose de xenio e talento creativo, unha bagaxe intelectual que contribúa a orientar e cimentar dita imaxinación. Para bosquexar unha marabillosa prenda, non abonda con coller lapis e un caderno, senón que hai que posuír uns coñecementos específicos que garanticen que o resultado será o desexado. E niso, os tecidos, coas súas calidades e características particulares, son un piar esencial.

Consciente da importancia dunha maior e mellor formación neste eido, a enxeñeira téxtil e profesora da ISEM Fashion Business School Irene Fariña, propúxose crear unha enciclopedia dixital das teas e os materiais que marcaron e marcan a evolución do sector. Foi así como naceu a aplicación Textilãe, un verdadeiro master acelerado e a só un clic de distancia.

Esta 'app' ensínanos a entender os tecidos
Saída de Inditex, Fariña explora agora a moda desde o ámbito formativo

Como docente, Fariña botaba en falta unha ferramenta de apoio que procurase información especializada sobre o universo téxtil. E da constatación desa carencia naceu tamén o ánimo para poñerlle remedio.

Despois de tres anos de traballo, en 2017 saía á venda esta app bilingüe española e inglesa, ideal para familiarizarse coa historia dos tecidos e a súa manipulación.

Textilãe inclúe 500 referencias, cun arquivo de 2000 imaxes (entre as que hai gráficos microscópicos e animacións en 3D). A compoñente visual é, de feito, un dos seus puntos fortes fronte á abstracción habitual de manuais onde predomina o texto sobre a fotografía.

Os usos e a historia de cada tecido, reunidos nesta 'app'
Malia ser nova no mercado, a aplicación espertou a curiosidade do sector

O obxectivo é ofrecer un material accesible a un público transversal. De aí que a app estea concibida en distintos niveis de profundidade, para satisfacer tanto a perfís creativos e técnicos da moda como a xornalistas especializad@s. Estudantes e deseñadores/-as á procura de inspiración e referencias ou comerciantes de teas atopan nela abundantes recursos de traballo.

Para @s afeccionad@s, queda unha morea de curiosidades, como o uso que en Xapón se lle dá á pel do peixe desde tempos medievais e que hoxe se promove como alternativa ao coiro.

@Ce_FerSan | Fotos: Textilãe