A bici, máis ca un medio de transporte para urbanitas 3.0

As bicicleta están máis vivas ca nunca nas cidades

Poucas sensacións igualan o suave contacto do vento na cara ao pasear nunha bicicleta, ese particular encanto que nace da autonomía de movementos, do contacto directo co entorno, da conciencia do propio corpo e do esforzo preciso para seguir avanzando.

Se a Harley-Davidson foi nalgún tempo o símbolo da rebeldía e da liberdade individual, a bici ocupa agora o seu posto nas cidades. As connotacións que ten o seu uso están fortemente ligadas á cultura hipster, encargada de recuperala para o consumo de masas. Por funcionalidade e por estilo, é o transporte fetiche d@s urbanitas comme il faut.

A fin xustifica os medios, e é que a conciencia ecolóxica converteuse nos últimos anos no mellor estímulo para que nas cidades cada vez sexan máis @s que se animan a apostar polo transporte sobre dúas rodas. Exercicio físico e coidado do medio ambiente semellan ser a dupla perfecta, un xeito ideal de acadar a paz espiritual nun mar de cemento e ladrillo coa que a miúdo fantasean @s hispters.

A cultura hipster promove o uso de bicicletas
As bicicletas son para o verán… e para @s hipsters

As fixies –nome que reciben os modelos de piñón fixo- forman parte xa do panorama das grandes cidades europeas, contaxiadas dese espírito tan propio de Ámsterdam, por exemplo. Moz@s e non tan moz@s, hipsters ou mainstream, @s adept@s á relixión da bicicleta medran coma a escuma. Réndenlle culto con modelos vintage (sempre que sexa posible), a miúdo sen freos, con deseños doutro tempo e un certo aire decadente. Prima o estilo sobre outras consideracións, mesmo  sobre a seguridade.

Pero para @s menos arriscad@s, triunfan alternativas cuxo atractivo reside non tanto na liña do seu deseño como nos materiais empregados. As bicicletas ecolóxicas, feitas de bambú e moi resistentes, son un bo exemplo. Ou as de madeira procedente de fragas sostibles, que xa comezan a comercializar nalgunhas ebanistarías galegas. Cyclowood é unha das pioneiras, empeñada en facer das súas bicis artesanais pequenas obras de arte.

Personaxes coma Keira Knightley representan a cara con máis glamour da crecente paixón polas bicicletas no entorno urbán, presumindo dun exemplar retro “customizado” cunha cestiña de vimbio na que a miúdo pasea á súa mascota. Aínda que se de chamar a atención se trata, Solange Knowles, irmá con vocación indie de Beyoncé, lévalle vantaxe. Non hai moitas noivas que estean dispostas a poñer en risco a integridade dos seus vestidos de voda por chegar ao altar dando pedaladas  a carón da súa parella.

Os modelos retro son os favoritos dos hipsters
Desempoa a túa bicicleta e súmate á vaga de ciclistas de cidade

A imaxe d@ ciclista esforzad@, empapad@ en suor e sometido a unha rutina de preparación tiránica foi substituída por outra moito máis atractiva, sofisticada, estudadamente relaxada e un chisco descoidada. A bicicleta no tempo do “post-hipsterismo” transformouse en todo un accesorio de moda, comparable coas lentes de sol, os aneis, as mochilas e os zapatos.

E é que a bici está de moda.

Sonia Otero Ares