A blusa de lunares que Jacquemus converteu en viral

Jacquemus arrasa con esta blusa folclórica

Ecos flamencos na pasarela. Vaia novidade. De Jean Paul Gaultier a John Galliano, pasando por Dolce & Gabbana, a lista de marcas que teñen buscado inspiración no folclore español é longa. Mais o éxito que está a acadar un dos modelos da última colección de Jacquemus obríganos a preguntarnos se aínda pode haber marxe para a innovación no terreo dos lunares. Neste clixé do sur interpretado á francesa atopamos a resposta.

Simon Porte, director creativo da firma francesa Jacquemus, está a se consolidar como un dos nomes a ter en conta. E non só en Francia, senón a nivel global. Co inestimable respaldo de xeradoras de tendencias como Kendall Jenner ou Rihanna, o deseñador da Provenza ábrese camiño na industria do prêt-à-porter. A esa progresión mediática non só contribúen as súas alianzas estratéxicas con influencers. Porte e Jacquemus teñen un discurso propio e orixinal dentro dunha industria cada vez máis homoxénea e condicionada por análises de mercado e o big data.

A blusa de lunares que vén de colocar a marca no epicentro do diálogo de moda esta primavera/verán 2017 é unha síntese perfecta dos valores sobre os que se contrúe esa visión refrescante: o culto á herdanza cultural e a busca incansable de novas solucións estéticas a través das cales plasmalo.

A marca Jacquemus pon de moda esta blusa de lunares
Unha prenda a medio camiño entre a tradición rústica e a folclórica

Nesta temporada, na que os volumes e os xogos arquitectónicos volven estar en voga (véxase a homenaxe a Rei Kawakubo na gala do Metropolitan de Nova York, a recuperación das ombreiras XXL dos 80 e a influencia de Demna Gvasalia), Jacquemus explora as súas raíces marsellesas cun xiro tan contemporáneo como folclórico.

A marcada silueta en T que dominaba a moda fai tres décadas vese actualizada nesta blusa branca con motivo de lunares e manga tipo xamón. O resultado non ten nada de excesivo nin irónico, por moito que as referencias e as fontes de inspiración puidesen levar a pensalo.

Distinguida como unha das prendas estrela da colección “Les santons de Provence”, presentada en Marsella a finais de maio de 2017, nun evento cunha gran carga emotiva para Porte; racha a cadencia neutra e dunha peculiar austeridade que caracteriza as propostas. Entre o branco de camisas-vestido cuxas mangas cobran vida propia e conxuntos de dúas pezas onde a silueta tanto se esvaece como se converte en protagonista, emerxe esta blusa feita para atraer olladas.

Na colección P/V 2017 de Jacquemus destaca esta prenda
Detalle de “Les santons de Marseille”, colección P/V 2017 de Jacquemus

Sobre a pasarela, aparecía emparellada cun sobrio pantalón negro de corte capri, unha faixa vermella moi toureira e un sombreiro de á ancha. Mais non nos equivoquemos: esta prenda de lunares ten de andaluza o xusto e necesario. Por algo se combina cun canotier de tamaño xigante. Charme francés aplicado en grandes doses.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @jacquemus, @openingceremony