A cara escura da paixón polo estilo de vida saudable

A vida saudable pode tornarse unha perigosa obsesión

A locución latina “mens sana in corpore sano” está máis vixente, se cadra, que nunca. As sociedades occidentais contemporáneas amosan un interese exacerbado polo cultivo do corpo e o estímulo da mente, explorando para iso a estreita relación que existe entre o benestar persoal, o exercicio e a alimentación equilibrada. A saúde é un ideal de estilo de vida en plena expansión. Advirten @s especialistas, porén, dos riscos que conleva a súa práctica radical.

Se durante décadas a procura da beleza -e da delgadez, por extensión, desde a segunda metade do século XX- foi un dos valores sociais máis sólidos na nosa tradición estética, esta comeza a verse desbancada pola aspiración a unha apariencia saudable. O bo estado do corpo e da mente é xa unha prioridade d@s habitantes dos países chamados “desenvolvidos”, onde a sociedade de consumo se rixe agora por unha certa pedagoxía arredor da necesidade de observar uns hábitos alimenticios correctos e de manterse activ@s.

Os beneficios dunha dieta equilibrada e a observación das propiedades das comidas sobre o organismo das persoas vén de vello. Como tamén vén a íntima relación entre o estilo de vida dominante en cada época e os patróns alimentarios desta. O primeiro condiciona aos segundos, sendo estes últimos unha testemuña de excepción da mentalidade propia de cada momento histórico.

A vida saudable imponse na actualidade
A saúde física e mental vén da man dunha alimentación adecuada

O actual estaría caracterizado por un crecente interese non só por comer ben, senón por comer o mellor. Segundo observan Luis Álvarez Munáriz, antropólogo social, e Amaia Álvarez de Luis, profesora de Bioloxía, no se estudo “Estilos de vida y alimentación”,

sen apenas decatarnos, os membros da sociedade desenvolvida estamos pasando dos hábitos alimentarios aos dietéticos, da compra e o consumo de alimentos ao de nutrintes, da preocupación por unha comida sa ao nutricionismo, e do ideal dunha dieta saudable ao dunha dieta óptima.

A poboación occidental -unha vez interiorizado o ideal do réxime equilibrado e variado- está, pois, a levalo un paso máis alá, privilexiando para iso a inxesta de determinados nutrintes en detrimento doutros considerados perniciosos ou non esenciais. Dispoñemos de información técnica (calorías, porcentaxe de hidratos de carbono, proteínas, graxa, azucres, etc.) e manexámola con frecuencia para deseñar a nosa alimentación. O perfil de consumo vai evolucionando do d@ comedor/-a por pracer ou subsistencia ao d@ nutricionista amateur que atopa na comida unha ferramenta para garantir a súa calidade de vida.

Por iso é cada vez máis frecuente que a escolma dos alimentos sexa complementada pola práctica deportiva, en moitos casos convertida nunha afección semi-profesional. Hai quen descubre a actividade física como parte dun proceso de rehabilitación ou de recuperación médica, e hai quen bota man dela para potenciar a súa condición física. Disciplinas como o running, o tenis, as maratóns, o power walking, o padel ou o ioga serven para canalizar a sede de saúde que sentimos.

Cando a vida saudable se torna nun problema

O deporte regular vai ligado a unha serie de hábitos e rutinas persoais, e nestes está o xerme dun certo sentimento de pertenza a un grupo social: o d@s afeccionad@s ao mesmo. Pensemos, por exemplo, na comunidade creada arredor do running. A actividade deixa de ser un medio para traballar o benestar físico da persoa, converténdose nunha fin en si. É, en realidade, un símbolo de status público, un atributo definitorio.

De aí que cando o exercicio transcende a esfera do pragmatismo para funcionar como un elemento adicional no proceso de socialización, agromen cuestións como a súa práctica obsesiva. Porque o adestramento compulsivo, irracional e sen control pouco ten de positivo.

Como tampouco o ten a fixación crecente por levar a conta das calorías dos alimentos inxeridos. Este hábito, que ata fai só uns anos se asociaba con programas de adelgazamento, está a xeralizarse. Aplicacións como MyFitnessPal ou Lose It! permiten xa escanear centos de produtos de supermercado para coñecer con exactitude a súa composición e o seu aporte calórico. A estigmatización das calorías e a preocupación enfermiza por limitar o seu consumo está na base dun novo pre-tastorno alimentario: a permarexia.

Obsesionarse coa vida saudable ten consecuencias fatais
A fronteira entre o coidado da saúde e a obsesión pola mesma tórnase difusa

Unha visión distorsionada da alimentación saudable que caracteriza tamén á ortorexia. Esta patoloxía enténdese como o culto esaxerado á comida sa, desprezando calquera alternativa. É difícil de detectar, pois revístese dunha apariencia de normalidade. Como censurar que se observen escrupulosamente os mellores hábitos de conducta alimentaria? A alarma prende, porén, cando estes se converten nun pensamento exclusivo para quen a padece, dedicándolle horas á planificación da dieta, esforzándose por eliminar calquera elemento considerado tóxico, tanto na composición (aditivos, colorantes, conservantes, procesados, etc.) como na elaboración.

A medida que se perde o pracer de comer, adquírese unha alta autoestima e seguridade. O compromiso total coa vida sa outorga un sentimento de superioridade respecto do resto. Como observa Antonio Villarino, presidente da Sociedade Española de Dietética e Ciencias da Alimentación (SEDCA),

o ortoréxico non sente culpabilidade nin ten conciencia de enfermidade; os raros son os demais, que están matándose coa súa alimentación.

Un camiño inverso percorren @s doentes de patoloxías relacionadas coa obsesión polo exercicio físico como a vigorexia. Segundo o psicólogo deportivo Manuel Vivanco, neste caso a autoestima queda condicionada aos resultados da práctica.

O negocio do estilo de vida saudable

O saudable vende, e moito. A Internet está poboada de gurus do benestar que ofrecen todo un programa alimenticio e deportivo para guiarnos no camiño á felicidade. O blog Goop, de Gwyneth Paltrow, abriu todo un nicho de mercado, explorado despois polas chamadas “eat girls”, populares blogueiras de comida como: Calgary Avansino, Madeleine Shaw, Jasmine e Melissa Hemsley ou a estrela mediática Ella Woodward. Entre ecos aspiracionais, promocionan hábitos de vida sa, amosando que comer -determinados alimentos, iso si- pode constituír unha fonte de pracer. Sen dispoñer de coñecementos especializados, o universo foodie é a miúdo acusado de banalizar e instrumentalizar a nutrición, converténdoa nunha especie de complemento estético.

Na Internet proliferan guías de vida saudable
Calagary Avansino e o seu imperio da comida saudable

@Ce_FerSan | Foto: calgaryavansino.com