A cerámica causa furor (e nós sabemos por que)

A cerámica vive un momento de esplendor

Vaixelas exclusivas chegadas de Limoges ou de La Granja para engalanar mesas en convites de luxo, xogos de tazas exquisitas para realizar o cerimonial do té das cinco…: a cerámica na súa expresión máis sofisticada, a da porcelana, pertencía ata non fai demasiado á liga do extraordinario e caduco. Invírtense as tornas; agora é o material imprescindible en xoiaría, decoración e mesmo na moda. Coñezamos as claves da feliz (re)descuberta da loza, a porcelana e compañía.

Reinventarse ou morrer. Ese podería ser o slogan de ducias de ceramistas que nos últimos anos están a darlle un xiro ao seu oficio para conquistar un novo público e facer dos seus produtos algo máis que pezas imbuídas dunha infinita nostalxia.

A cerámica -e as súas versións de alto nivel- foi tradicionalmente un saber facer pragmático, ao servizo das necesidades instrumentais do cotián e con mínimas concesións á creatividade d@ artesá(n). Olas, cuncas, vasos, pratos e un longo etcétera de pezas saían da alquimia dos oleiros (pois eran na súa maioría homes).

A cerámica ten unha vertente artística e outra práctica
Trala visita á olería de Madoura en Vallauris, Picasso comezou a experimentar con cerámica

Pero no traballo da arxila tamén cabe unha vía artística, e con ela experimentaron a partir da segunda metade do século XX desde Picasso a Damien Hirst, pasando por Miró. Proba de que a dimensión escultórica da cerámica seduce, así como o carácter esencial, case primitivo, da súa factura manual.

E nesa tensión entre a función e a forma, entre o utilitario e o belo, en decembro de 2016 poxábase na galería Phillips unha cunca de Lucie Rie -ceramista británica de prestixio falecida en 1995- pola astronómica cifra de 196.771 euros. Un récord á altura de Warhol ou Da Vinci.

E é que a cerámica adquiriu xa a condición de obxecto de museo (e non só a través das coleccións de porcelana da realeza e a nobreza). A sede da Tate en St. Ives (Cornualles) inauguraba en xuño de 2017 a exposición That continuous thing: artists and the ceramics studio, 1920 to today.

Entre @s admiradores/-as dalgúns dos nomes incluídos na mostra está o deseñador Jonathan W. Anderson, cunha inclinación especial pola propia Rie, Bernard Leach ou Shoji Hamada.

Máis alá da simple admiración van firmas de moda como Paloma Wool, Bruta, Sur/Sac e Saskia Roberts, que ven na arxila un complemento de excepción á hora de presentar as súas propostas estéticas. Ou creadoras multidisciplinares como Nathalie Choux (ilustradora e ceramista francesa, cuxa sinatura son pezas de estilo naïf e inspiración onírica) ou Iris Blanco (fundadora de Mágicos Gagarin, que comercializa uns fascinantes corazóns sonoros de cerámica).

Nese interese suscitado polas acepcións e posibilidades deste material, pescan tanto grandes referentes da industria como Sargadelos como artistas de escolas moi diversas. Paradigmático é o caso da histórica casa galega, que foi quen de encarrilar a crise financeira a base de colaboracións como a asinada con Ailanto ou Pepa Poch. Dela é, precisamente, a decadente e preciosista colección “Porcelanas de arte para vivir”, que foi protagonista de dunha manchea de editoriais de moda e deseño nos últimos meses.

A cerámica de Sargadelos renóvase no século XXI
Inspirándose en María Antonieta, Poch deseñou esta suntuosa vaixela

O segredo do éxito da cerámica

Mentres se estende a produción de baixo custo tamén no eido dos utensilios de cociña e dos obxectos de decoración, o movemento de culto e recuperación da louza de sempre vive o seu momento álxido.

En Mi madre no me deja, selo emerxente que combina a elaboración de vaixelas con accesorios de moda, atribúen o interese a que

[…] as cerámicas son materiais tradicionais, moi resistentes e duradeiros, e tamén máis respectuosos co entorno e co noso corpo que outros derivados do PVC e similares.

Ademais, @ consumidor/-a “é máis reflexiv@ e consciente, […] e prefire ter menos cousas pero máis seleccionadas”.

Iris Blanco vai un paso máis aló e atribúe o retorno da cerámica a unha certa necesidade -case espiritual- de comuñón coa terra, cos saberes ancestrais que dela se derivan. A creadora prefire imaxinar que

dentro de centos ou milleiros de anos, o que os arqueólogos atoparán os nosos restos cerámicos e serán o testemuño da nosa civilización.

Dito queda.

@Ce_FerSan | Fotos: magicosgagarin.com, museopicassomalaga.org / Instagram @sargadelos_