A (de)construción literaria dunha Patria

A sociedade vasca antes e despois de ETA, segundo Fernando Aramburu

Levamos anos baixo o dominio da novela histórica como subxénero literario, mais esta temporada libreir@s, lectores/-as e crítica coinciden en renderse aos pés dunha obra que, sen ser histórica, fala da Historia. Da Historia con maiúsculas, e tamén en minúsculas, porque, ás veces, nesta atópanse as claves para entender a outra. Benvid@s á Patria de Fernando Aramburu.

Dicía Unamuno que a suma das vivencias particulares de cada ser humano era o que, en último termo, construía a realidade dun pobo, dunha nación. E é que, malia que, a miúdo, só os grandes fitos conseguiron deixar a súa pegada no imaxinario colectivo, son as pequenas cousas, as pequenas revolucións individuais, as pequenas tomas de posición as que marcaron o devir da sociedade. Isto, que el denominaba “intrahistoria”, funciona tamén de fío condutor de Patria (Tusquets, 2016), a última novela de Fernando Aramburu.

A través do día a día de dúas familias dentro do círculo pechado dun pobo vasco, coas súas frustracións, problemas, miserias e esperanzas; o autor convídanos a profundizar na letra miúda dos anos en activo da banda terrorista E.T.A.

Dende finais dos anos ’80 e ata 2011, segue a evolución paralela de Bittori e Miren e os seus, amigos de sempre, veciños e, finalmente, inimigos teoricamente irreconciliables. Rodeados por un ambiente cargado de tensión, medo, violencia e desexos de normalidade; veranse obrigados a renunciar a moito a cambio, en último termo, de nada.

Cada unha delas encarna un polo do conflito: Bittori é a viúva dunha vítima de E.T.A.; Miren, a nai dun terrorista condenado por unha longa lista de crimes de sangue. Mais esta estrutura aparentemente construída sobre un xogo de oposicións non resulta maniqueísta. En Patria, non se trata de identificar aos/ás bo(a)s e de sinalar aos/ás mal@s, senón de explorar os territorios intermedios nos que ambas as dúas partes se moven.

Patria é a conmovedora nova obra de Fernando Aramburu
Patria, ou unha visión das últimas décadas no País Vasco

Hai un feito capital ao redor do cal xira a acción da novela, así como a propia vida de ambas mulleres: o asasinato do Txato, o home de Bittori. O atentado que lle custou a vida tivo unha onda expansiva inmensa, prolongándose no tempo ata o 2011, cando a organización terrorista anunciou o cese definitivo da súa actividade armada.

Obrigados a enterrar o pai de costas ao pobo (Bittori chega a queixarse de que, máis que enterralo, semella que o están a esconder), a filla e o fillo do Txato exílianse voluntariamente á cidade, lonxe do ambiente que os viu medrar e que agora lle resulta abafante. Con eles, unha nai orgullosa e combativa, que non renuncia á idea de recuperar algún día a súa vida.

Atrás quedan Miren, Joxian e os seus tres fillos, marcados pola pertenza dun deles á banda armad. A sombra da dúbida sobre a identidade do autor material dos disparos que levaron o Txato pesará sobre eles/-as tanto coma sobre o corazón da viúva.

Ata que, un bo día de outubro de 2011, os sentimentos enquistados agromaron de novo cun xesto tan cotián coma provocador: a volta de Bittori ao pobo.

Un novo tempo de paz e de reconciliación adivíñase no horizonte. Mais o camiño para chegar a el non será doado. Porque, en Patria, como sempre se nos dixo, o importante non é tanto o destino, senón o traxecto que se percorre para acadalo.

Aramburu, Fernando. Patria. Tusquets Editores. Barcelona, 2016. 648 páxinas.

Foto: planeta.es/es/tusquets-editores