A melena ao estilo Wintour, o corte máis in

As celebrities poñen toda a carne no asador nos grandes eventos e, ás veces, mesmo dan coa tecla do éxito que cambie o rumbo da moda… por unha temporada. Desde a alfombra vermella expórtanse tendencias e estilismos capilares, por exemplo. Primeiro foron Jennifer Aniston e Katie Holmes as que marcaron o paso. Este 2016, a nova estrela dos peiteados V.I.P. é Taylor Swift. E con ela, chegou o corte ao estilo Wintour.

O peiteado de Taylor Swift está de moda
Taylor Swift, prescribindo tendencias

Antes de deixarnos coa boca aberta e conquistar a fans e estrañ@s lucindo unha atrevida melena shag con espítitu oitenteiro na última gala do Metropolitan Museum of Art de Nova Iorque, a princesiña do pop deu a volta ao mundo cun estilismo capilar moito máis tradicional: o blunt bob. E grazas a ela, que nunca pasa desapercibida e é xa todo un referente estético, poida que non tardemos en ver polas rúas das cidades do noso país melenas que imiten ese peiteado da vella escola que levaba a cantante ata fai ben pouco.

Mais este corte bob ten nome e apelido propios e non precisamente os de Taylor Swift, senón os de Anna Wintour. Sen dúbida algunha, a editora de Vogue USA e fada madriña de deseñadores, estilistas e celebrities varias é por méritos propios unha personalidade do mundo do deseño e da estética. Ela, que move os fíos dunha industria tan variable coma a da moda, é coñecida por levar décadas manténdose fiel a un mesmo look. Coma se dun uniforme de traballo se tratase, a súa aparencia clásica é parte xa da súa identidade. Foi ela quen dixo: “crea o teu propio estilo; deixa que sexa único para ti e ao mesmo tempo identificable para os demais”. Dito e feito. E o blunt bob converteuse na clave desa imaxe fría e distante, extremadamente profesional, que proxecta.

O corte Wintour é o estilismo de moda
A temible Anna Wintour dá que falar… polo seu peiteado

Esa melena curta, xusto por debaixo da orella, recta e cunha franxa redondeada, acompáñaa desde a súa mocidade. Con ela pasou de ser unha redactora de Harper’s Baazar a ser probablemente a muller máis influínte da industria da moda na actualidade.

Quen diría que chegaría o día en que as celebrities máis cool habían dar en imitar o peiteado Wintour e poñer así patas para riba os salóns de estética de medio mundo!

Volta aos peiteados máis clásicos

Non é a primeira vez que as famosas botan man de estilismos con cheiro a nostalxia para sorprendernos. Ás veces, non hai nada máis rompedor que viaxar ao pasado. Cales son as virtudes do blunt bob (é dicir, o corte Wintour)? O seu longo é cómodo, discreto, elegante e formal. E todas esas calidades, que durante décadas foron o maior tesouro das señoras de clase media, acomodadas e mesmo cun punto aburrido, causan furor entre as mozas máis afeccionadas ás tendencias.

Noelia C. Gosende @Gosendee / Fotos: Instagram @taylorswift / @annawintourfans