A moda e a decoración réndense á fascinación polo papel

O papel é o material do momento na moda

Fóra do origami de andar pola casa, ese de formas básicas co que mesmo @s menos maños@s son quen de deslumbrar, ese dos paxaros, os barquiños ou as ras existe un universo marabilloso de aplicacións escultóricas do papel. A moda e a decoración sucumben agora á sutileza deste material inesperado. Porque serve para moito máis que para poñerlle unha nota de cor ás paredes.

A papiroflexia é tan antiga como o propio papel, mais nunca estivo tan presente nin tan integrada no noso horizonte estético como neste momento. E é que esta arte (popularizada en España polo escritor Miguel de Unamuno) e as múltiples técnicas que comprende viven un renovado esplendor, ao servizo principalmente das sempre necesitadas de aire fresco industrias do deseño.

A figura d@ paper artist deixou de ser algo exótico, pouco habitual nos equipos de traballo, para converterse nunha peza esencial dentro do proceso creativo de campañas de publicidade, sesións fotográficas ou editoriais de moda e decoración.

As posibilidades de modelado do papel son infinitas
O papel é a nova plastilina, a nova goma EVA

A caída en desgraza do plástico, así como o xiro sostible e responsable do interiorismo, a arquitectura e a moda fan que o papel, un material a priori de curto percorrido, etéreo, non durable (calidades opostas ás dos derivados do petróleo) se estea a erixir, porén, na alternativa predilecta para uns sectores que buscan con urxencia a redención pola ecoloxía.

Despois de apostar por tecidos naturais e orgánicos ou por tecnolóxicos de alta calidade na confección (véxase o caso de Stella McCartney e a pel sintética apta para vegan@s), a moda da un novo paso no seu compromiso co medio ambiente botando man do papel para as súas grandes postas en escena. Marcas como Viktor & Rolf, Desigual, Camper ou Louboutin xa o están a facer, e tamén Estée Lauder e Clinique (no eido da cosmética), Nissan (no da automoción) e mesmo a casa de poxas Sotheby’s. Optan agora por contextualizar os seus produtos en sets construídos con deste material, proba do carácter transversal da “papelmanía”. Toda unha versión 3.0 da clásica natureza morta aplicada ao terreo da imaxe e a publicidade.

Desde Anaquiños de Papel, especialistas en paper art, explican así o crecente interese por esta disciplina:

A xente cando pensa en papel, pensa nos típicos folios, cartolinas, cadernos …; e cando ven ese papel transformado en flores, obxectos, paxaros, quedan moi sorprendidos. E ese efecto sorpresa é o que se busca co uso do paper art na publicidade.

A nivel internacional, Matthew Sporzynski, Adrian & Gidi ou Zoe Bradley son algúns dos nomes que soan de xeito recorrente nesta vertente do negocio. Entre as súas credenciais, ter traballado con figuras da talla de Derek Lam, Elie Saab ou Alexander McQueen, respectivamente.

Mais a revolución do origami levado á súa máxima expresión comercial non se limita á construción de maquetas e escenarios. O papel reclama a súa dignidade de protagonista en forma, por exemplo, de composición floral -substituíndo os clásicos ramos de flores frescas- ou en calidade de accesorio de estilo, adoptando siluetas de toucados ou coroas. Na decoración de interiores, tradúcese en pantalla de lámpada, centro de mesa, móbil infantil ou bibelot.

O papel é o material de moda
O papel ten moitas posibilidades, tamén na decoración

Da exploración de fronteiras entre disciplinas, en España están a nacer colaboracións e sinerxías como a da deseñadora emerxente María Liste e Beatriz e Cristina, de Anaquiños de Papel, ou a destas con Vogue para o editorial “Art in movement”.

Como acadar tal nivel de maleabilidade é o segredo mellor gardado d@s artistas do papel, alquimistas da nova era.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @anaquinosdepapel, @adrianandgidi