A moda galega apúntase á slow fashion

A industria téxtil galega está a rexurdir das súas cinsas baixo a etiqueta “slow fashion”. O sector, que quedou tocado, e en moitos casos afundido, pola crise económica –a excepción do xigante Inditex– , enfoca o seu futuro cara o ecolóxico e o local.

O obxectivo de todas as marcas que traballan segundo estes principios é facer moda sostible en todas as súas vertentes, tanto no que afecta ao medio ambiente coma no que ten que ver coas persoas implicadas no proceso produtivo.

Aínda non estás concienciad@ coa causa da slow fashion? Aquí che amosamos algunhas firmas que apostan por este modelo de negocio alternativo.

Latitude

Latitude é unha das marcas máis interesantes do momento
O futuro da moda galega escríbese en clave sostible

Deseño minimalista, funcional –para exemplo, un abrigo que che permite ter as dúas mans libres cando non o levas posto– e con tecidos naturais como o liño, o cánabo, o algodón ou a la merina. A roupa de Latitude ten ese pouso elegante que lle dá o ser confeccionada por mans de costureiras galegas con anos de experiencia nun oficio que aman.

A firma artellou na nosa comunidade unha rede de talleres que ofrece servizos integrais (tecidos, deseño e confección) a marcas de toda Europa. Mais eran moitas as peticións para que a marca confeccionara deseños propios, e, a finais do pasado ano, estrearon a súa agardada primeira colección.

Xiro Atlantic Denim

Seguro que unha das prendas máis habituais no teu armario son os vaqueiros. Grazas ao traballo de Xiro, agora xa os podes mercar baixo o selo ‘100% feito en Galicia’. Os seus ecojeans, inspirados na bravura do Atlántico, son de algodón orgánico, cultivado sen pesticidas nin fertilizantes, por iso teñen o certificado GOTS (Global Organic Textile Standards, estándares globais de téxtiles orgánicos).

Xiro Atlantic Denim apúntase á slow fashion
Vaqueiros estilosos e producidos de xeito responsable en Galicia

A súa última novidade son uns vaqueiros desgastados cun tratamento que reproduce as condicións do gas ozono, o que lles aporta un tacto máis suave, maior elasticidade e unha cor máis clara que o resto de modelos que teñen á venda.

Alazia Couture

Desde Lugo, Alazia Couture sorprende con propostas ecolóxicas
Alazia deseña “roupa inspiradora para xente que quere cambiar o mundo”

Sabías que se poden facer tecidos a partir da proteína do leite ou da madeira de eucalipto? Con estas materias primas traballan en Alazia Couture, unha marca afincada en Lugo que fai moda baixo unha premisa clara e directa: “para unha muller real nun mundo real”. Se che sorprende a orixe das teas, tamén o farán as súas cores, obtidas de procesos de tinxido nos que se empregan plantas e flores.

Pronto poderemos ver as creacións desta marca, que se presentou ao público a comezos de ano, en tendas de toda España e alén das nosas fronteiras, en destinos tan dispares como Alemaña ou México.

Mimico Kids

Existe mercado para a moda sostible feita en Galicia, e proba diso é Mimico Kids, que fabrica roupa ecolóxica para nen@s. Marela, Bolboreta ou Mico son os nomes dalgunhas das súas prendas. Vestidos, pantalóns, blusas ou camisas de algodón orgánico ou fibras procedentes de botellas de plástico recicladas, nas que predominan os cortes sinxelos e as cores suaves, como os crus e os pasteis.

A "slow fashion" non é só cousa de maiores
A roupa infantil tamén ten selo ecolóxico

A súa primeira colección, para esta primavera/verán, está inspirada na natureza galega, da que saen os animais e as plantas que protagonizan os seus característicos estampados. Sobra dicir que todos están feitos con tinguiduras ecolóxicas.

Tamara Navaza Sa @tamaradelareo | Fotos: Facebook facebook.com/xiroeco / Instagram @wearelatitude, @alaziacouture, @mimicokids