A moda, nos brazos da muller madura

As "it avoas" triunfan na moda e a publicidade

Din que @s esquimós, unha vez pasan a delgada liña que separa a madurez da senectude, marchan lonxe das súas comunidades para entregarse ao tempo da decadencia física que ha de ter na morte o seu punto culminante. A actitude do sector do deseño e da publicidade para coa vellez -sobre todo a feminina- non é moi diferente. Ou non era. Sorte que as tornas mudaron nos últimos anos e por fin podemos ver campañas cuxas protagonistas son mulleres con enrugas. A madurez é o novo reclamo no marketing de moda.

Fai anos que Susan Sarandon vén criticando con amargura a actitude case que xerontofóbica da maquinaria hollywoodiense, que relega ás actrices de máis de 50 anos ao esquecemento. E non só iso: no cine escasean tamén os papeis realistas para mulleres maduras, caendo na perversión de caracterizar a rapazas coma se fosen maiores, se ben se podería recorrer a profesionais doutras franxas de idade máis axustadas ás necesidades do guión.

Esa é a tónica xeral no mundo do espectáculo, e tamén no da moda. As pasarelas eran un coto vedado para as modelos maiores de 30 anos ata que as tops dos ’90, aquel mítico club que se converteu nunha marca en si e nun punto de inflexión na industria, demostraron o equivocado da idea. Hoxe, Elle Macpherson protagoniza editoriais de moda aos seus 52 anos, Helena Christensen, a Schiffer e Naomi Campbell fan aparicións puntuais en campañas publicitarias e os seus nomes e os seus nomes seguen a ser sinónimo de éxito de vendas.

Nun sentido estrito, non pode afirmarse que no sector da moda escaseen as figuras femininas, nin tampouco as dunha certa idade. Iso si, os números reflicten unha triste realidade: a súa presenza limítase ao espazo do backstage, alí onde non aluman os focos e o físico semella non ser un condicionante. Diane von Fürstenberg e Vivienne Westwood -dúas das deseñadoras máis influíntes do século XX- fundaron fai décadas as súas firmas homónimas, que dirixen e das que son a mellor carta de presentación. Grace Coddington, directora creativa de edición norteamericana de Vogue e a súa man dereita e editora xefe, Anna Wintour, ven -e determinan- as tendencias desde o outro lado do taboleiro. Ninguén ousaría cuestionar o criterio de ningunha delas baseándose só en que forman parte das xeracións analóxicas, a mentalidade millennial cádralles algo lonxe e son migrantes dixitais. Porque iso é, a fin de contas, o que significa ter nacido antes de 1960.

Mais que acontece coas modelos de pasarela ou de publicidade e todas esas outras mulleres que nalgún momento participaron da moda en primeira persoa e que foron perdendo oportunidades laborais a medida que transitaban da xuventude á madurez? Con fortuna, sendo unha Twiggy ou unha Inès de la Fressange, as revistas especializadas evocan de vez en cando os seus traballos con aires de nostalxia. Para o común delas, manequíns secundarios, tan só queda o cruel esquecemento.

Ata que en 2005 o Metropolitan Museum of Art (M.o.M.A.) de Nova Iorque lle dedicou unha exposición á decoradora e socialité Iris Apfel, unha excéntrica coleccionista de moda e arte que por aquel entón viña de facer 85 anos. A súa estética colorida e a súa actitude vitalista causaron sensación e os medios de comunicación non tardaron en ver nela todo un filón por explotar. Nacía o que poderiamos chamar “fenómeno das it avoas“, ese grupo heteroxéneo de mulleres de idade avanzada que están a revolucionar o panorama da moda sen tan sequera pretendelo. O seu segredo? Reivindicar a naturalidade. Por moito que o marketing se empeñe en facer delas un elemento exótico. A propia Apfel, que en 2016 celebrará o seu 94 aniversario, facía a seguinte reflexión:

De súpeto convertinme nunha estrela xeriátrica. O meu marido e eu rímonos moito coa situación. Estiven facendo isto toda a miña vida e agora atópome cunha morea de revistas, sobre todo europeas, que están escribindo sobre min. Pero eu non estou facendo nada distinto ao que estiven facendo durante os últimos 70 anos!

As modelos maduras están de actualidade
Daphne Selfe é unha modelo de récord (Guinness)!

Este interese polas modelos maiores encádrase dentro dunha corrente xurdida nos últimos anos que aposta por unha publicidade inclusiva, aberta a formas de beleza que non encaixan co ideal vixente. Como Winnie Harlow, top model canadense que padece vitiligo e que se deu a coñecer en 2014 grazas á campaña “Desigual y los lunares que derrochan actitud”; ou Shaun Ross, o primeiro africano albino en subir á pasarela. A diversidade pide paso e preséntase en múltiples envoltorios. E entre siluetas curvy, faccións de escasa simetría, corpos andróxinos e cía., as modelos que peinan canas convertéronse nun exemplo máis dese canon alternativo.

A raíña das estrelas xeriátricas -en verbas de Iris Apfel- é Daphne Selfe, unha modelo británica de 88 anos que debutou nos anos 30 e que despois dunha longa paréntese volveu a poñerse diante das cámaras (e con grande éxito) ao cumprir os 70. Mario Testino, Dolce & Gabbana e Paul McCartney son algúns dos nomes cos que traballou desde entón. Segundo ela, o seu atractivo reside na súa figura estilizada, a súa cabeleira prateada e… a súa puntualidade británica. Alégrase de que “a xente que actualmente destaca na industria da moda é a que ten un rostro peculiar, distinto e, sobre todo, unha personalidade interesante, que é o que logo se expresa no exterior”.

Alicia Borrás é a estrela de Desigual 2016
Desigual triunfa cunha publicidade amable e positiva

En España, o movemento ageless beauty chegou da man da firma catalá Desigual. Sendo unha das súas máximas a defensa da beleza en todas as súas formas e acepcións, e baixo o lema “La vida es chula”, rachou coas barreiras da idade na súa última colección. “Exotic Jeans” pretende darlle unha volta ao concepto ordinario de vaqueiro e, para iso, que mellor que empregar unha modelo “extraordinaria”. Ese perfil corresponde co de Alicia Borrás, unha manequín española de 70 anos.

Malia que pouc@s a recordan, Borrás foi nomeada Miss España en 1965 e non tardou en converterse na musa do xenial Pertegaz, co que colaborou durante varios anos. Mais como lle acontecese a Daphne Selfe, a española viuse obrigada a interromper unha prometedora carreira na moda e a publicidade cando casou. Por fortuna, o deseñador Andrés Sardá rescatouna en 2014 para o seu desfile na Mercedes-Benz Fashion Week de Madrid. E volveu para quedar, pois, como ela confesa: “fágoo porque me gusta a moda, e creo que ten que cambiar”.

@Ce_FerSan / Fotos: vimeo.com / daphneselfe.com / Facebook facebook.com/Desigual