A rede social para artistas que xera adicción

Esta é a rede social da xente creativa

Están de en hora boa @s amantes dos contidos visuais. Porque se nin Instagram, Pinterest e Tumblr xuntos abondaban xa para saciar a súa sede de imaxes inspiradoras, quizais sexa tempo de optar por alternativas máis ambiciosas. Como Ello, a rede social pensada por e para mentes creativas.

A Internet está a se revelar como unha potente canle de presentación e promoción de artistas de calquera disciplina. Perfís en páxinas especializadas e portafolios online están á orde do día, substituíndo os clásicos currículos en papel por pequenas mostras dos proxectos realizados. Deseñadores/-as, ilustradores/-as, fotógraf@s ou arquitectos aproveitan ao máximo as posibilidades de exposición que ferramentas como as redes sociais lles ofrececen.

Entre todas elas, brilla con especial intensidade Bēhance, a plataforma de Adobe -responsable da maioría do software empregado por creativ@s, desde Photoshop a InDesign- na que se expoñen centos de traballos (de deseño gráfico, fotografía, branding, deseño web ou ilustración) realizados coas súas ferramentas.

O grande contrapeso ao seu dominio é Ello, auto-denominada “rede de creativ@s”. Lanzada en 2014 como unha rede social de acceso restrinxido (requiríase unha invitación), comezou facendo do seu carácter exclusivo un valor diferencial. Despois de chegar a colleitar 25000 solicitudes de alta nun só día, a expectación xerada foi amainando. Ata que rexurdiu das súas cinsas convertida nun negocio sostible de apoio a profesionais das artes, ofrecéndolle visibilidade ao seu traballo e oportunidades de tirar del un beneficio económico.

Coñece artistas na rede social Ello
Unha pequena mostra do que agarda por ti en Ello

Tal e como se explica no seu manifesto, Ello (dispoñible para escritorio, iOS e Android) é un tributo á afouteza, á beleza, á simplicidade e á transparencia. E a súa misión última é axudar a tender pontes entre a xente que fai cousas e a xente que as usa, estimulando as sinerxías entre elas. “Para conectar, crear e celebrar a vida”.

Os seus fundadores -Todd Berger, Lucian Föhr e Jay Zeschin- son firmes defensores da idea de que os nosos procesos, valores e paixóns poden contribuir a facer avanzar a sociedade nunha mellor dirección. Para conseguilo, as redes sociais deben estar ao seu servizo, é dicir, deben funcionar como ferramentas de “empoderamento”. Algo que non cren compatible co control crecente ao que as grandes corporacións e anunciantes as someten. Para reivindicar que non somos produtos, senón seres creativos e comunicativos, rexeitan o comercio con publicidade ou datos de usuari@s.

Descubre Ello, a rede social para artistas
Deseño gráfico, pintura, escultura ou moda teñen espazo en Ello

A comunidade de Ello acolle unha ampla variedade de artistas, como deseñadores/-as, arquitect@s, músic@s, ilustradores/-as, fotógraf@s ou creadores/-as de GIFs. A páxina principal da súa web funciona como un panel de “curación” de contidos, presentando os últimos traballos subidos. Mais iso só é o comezo. Tamén hai cabida para artistas convidad@s, obras que son tendencia dentro da propia rede social, revistas afíns e artigos relacionados con Ello e os seus membros.

Se existe risco de sufrir un ataque de síndrome de Stendhal sen poñer un pé fóra da casa, esta rede social é, sen dúbida, toda unha candidata a provocalo.

 

@Ce_FerSan | Fotos: ello.co