A (re)volta dos pendentes maxi, accesorio da temporada

Os pendentes de Céline son a estrela da primavera

Phoebe Philo é a mestra dos complementos virais. O calzado de Céline, marca da que é directora creativa desde 2008, é unha constante nas listas de imprescindibles de prescritoras de tendencias, blogueiras e influencers en xeral. Como o son os seus bolsos. Mais esta temporada, a casa francesa conquista coa súa liña de bixutería. Os pendentes da primavera/verán 2017 levan o seu selo. Atent@, veralos por todas partes, xa sexa en versión orixinal ou low cost.

Fronte aos excesos estilísticos que percorren as pasarelas neste momento (volumes, volantes, prendas clásicas en versión oversize e a roupa casual convertida no novo luxo), érguese unha estética minimalista, sobria, limitada ao esencial. Como se dun programa detox se tratase, compensa a saturación de desafíos visuais e permítenos recuperar a fe no fondo de armario.

Phoebe Philo é unha experta nese chic despreocupado, feito de normalidade e discreción no canto de provocación e controversia. Céline é a firma dos detalles, das pequenas cousas e dos trazos que -a risco de pasaren desapercibidos para o ollo pouco adestrado- teñen o potencial de converterse no súmmum da orixinalidade e da distinción. E iso tradúcese, nesta primavera/verán nunha colección de prêt-à-porter onde a liña de accesorios é capaz de facer de calquera conxunto un look de bandeira.

Céline leva ao seu terreo os pendentes XXL
Os pendentes XXL
de Céline: distinción sen excentricidades

A alta bixutería atravesa agora unha fase barroca, onde a máxima imperante é o “máis é máis”. Pedrería, borlas, aros, etc. compiten por seren protagonistas en pendentes, colares ou chokers. E sobre esa fervenza de propostas exuberantes, caóticas e extravagantes, sobresaen os deseños de Céline, a medio camiño entre o minimalismo e o bling bling reinterpretado segundo os códigos da elegancia clásica.

A xoia da coroa nesta colección de complementos son os pendentes modelo pétalo, que fixeron a súa triunfal posta de longo da man de blogueiras e fashionistas na Semana da Moda de Nova York e na de Londres. Alí centraron a atención mediática, adquirindo o mérito simbólico de elemento clave no mellor street style. Todo un exemplo de bixutería “statement” (esa que serve para marcar a posición de quen a loce), introducen matices na tendencia xeralizada a apostar por solucións extremas tanto en tamaño, como en composición e cromatismo.

O equipo de Phoebe Philo opta, sen embargo, por un deseño maxi sen estridencias. Elaborados en latón e cun acabado prateado, dourado ou vermello papoula, estes pendentes afástanse da xeometría habitual na xoiería actual para enxalzar as formas irregulares, inspiradas nos contornos orgánicos e a natureza.

A sinxeleza das pezas resultantes fai delas un accesorio polivalente, capaz de casar ben cunha indumentaria relaxada para o día ou unha más formal e impactante para a noite ou as ocasións especiais.

Como dicía Suzy Menkes, editora internacional de Vogue, na súa crónica do desfile de Céline para a primavera/verán de 2017, ninguén comom Philo para comprender “as múltiples funcións da muller moderna”. E estes pendentes de pétalos estilizados son unha boa proba desa versatilidade no deseño. Iso si, mellor non mesturalos con outros accesorios. Let them shine, let them shine, let them shine

@Ce_FerSan | Fotos: celine.com