A tentación vive nestes locais (en forma de batidos XXL)

Os batidos xigantes causan furor

Mentres en Australia e Estados Unidos polemizan sobre o mérito de ter iniciado esta tendencia de proporcións apocalípticas, os batidos king size confírmase como un dos principais reclamos de cada vez máis hamburguesas e restaurantes de inspiración gringa.

Apetitosos, moi visuais e toda unha tentación para @ larpeir@ que levamos dentro, supoñen unha seria competencia para os seus parentes saudables, os zumes verdes. E, como ás veces o antollo de doce é demasiado poderoro, decidimos buscar os mellores locais para darnos un saciante capricho hipercalórico. Con eles, debuxamos o noso mapa mundial dos batidos máis extravagantes.

O cine dos anos 60 e 70 fixo que nos afeccionasemos á estética norteamericana de entón, cuxa máxima expresión eran os célebres diners, eses lugares de reunión de amig@s, parellas e familias arredor dunha hamburguesa, un refresco ou un batido. Así, namorámonos de Sandy e Danny Zuko mentres imaxinabamos o noso propio verán estilo Grease ou solidarizámonos con Rizzo e o seu particular acto de “empoderamento” fronte a Kenickie grazas a un batido divino. Despois, fomos deixando atrás a idade da inocencia da man de John Travolta e Uma Thurman, protagonistas dun tête à tête en Pulp Fiction cun batido de cinco dólares como pretexto.

Xa dicía aquela canción de Pata Negra que “todo o que me gusta é ilegal, inmoral ou engorda”, e así acontece con esta versión pecaminosa do tradicional bebedizo a base de leite.

Probar os batidos XXL é unha experiencia única, aínda que só sexa para deixar constancia do feito coa correspondente foto en Instagram. E, se ben as valoracións que reciben non son demasiado positivas (lóxico tendo en conta que a estética e a creatividade nas mesturas tende a primar sobre a harmonía nos sabores), nin revistas especializadas en gastronomía como Tapas son alleas ao éxito que colleitan.

Mais volvamos ao principio desta viaxe. Comecemos por Australia.

Patissez

Hoxe convertida nunha franquía, Patissez auto-denomínase “o señor dos batidos”. E razón non lle falta, pois alá por 2015 tivo a brillante idea de rexistrar a súa -ata o momento- máis popular creación: o freakshake™. Coa intención de transformar o “humilde batido en algo especial”, os seus responsables decidiron engadirlle novos elementos. Iso si, renegan da acumulación de produtos á toa coa única intención de conseguir un resultado espectacular. Cada un “debe dar ben cos outros e complementarse mutuamente para ofrecer unha experiencia de sabor total”. Para comprobalo, hai que achegarse a Canberra, o berce desta fórmula.

En Canberra naceron os batidos XXL
En Patissez presumen de seren o local pioneiro nisto da “batidomanía”

Black Tap

O máis serio rival de Patissez atópase, curiosamente, a varias horas e todo un hemisferio de distancia. Situada no mítico SoHo, esta hamburguesaría fíxose un nome non grazas á súa especialidade (por cuxa calidade non destaca), senón aos delirantes batidos que aparecen na súa carta. Imaxina os toppings máis estraños, repugnantes e azucrados, e en Black Tap faranse realidade.  Cada vaso contén capas e capas de crema, galletas, doces, nun equilibrio inestable sobre a base de leite con sabor ao que ti desexes. A fantasía non ten límites. Se queres comprobalo por ti mesm@, prepárate para poñerte a unha longa cola.

Os batidos de Black Tap teñen sona internacional
O factor Instagram xoga un papel importante no seu éxito

Molly Bakes

Non hai tendencia internacional que non aterre en Londres, e, máis exactamente, no corazón da escena cool actual, Dalston. Un artigo na popular web de noticias de consumo rápido BuzzFeed puxo no mapa este local, e desde primeiros de 2016 a súa popularidade non fixo máis que aumentar. Maria, a súa responsable, non dubida en admitir a influencia que os freakshakes australianos tiveron nesta. Véndoos tan apetecibles en Instagram, decidiu elaborar as súas propias versións e matar así a gana deles. Os batidos de Molly Bakes empregan ingredientes de produtores locais como Ice Cream Union e os doces ou galletas engadidos son feitos alí mesmo. Toda unha sobremesa hipster!

Os batidos de Molly Bakes son famosos en Londres
Se visitas Shoreditch, achégate a Dalston para probar estes batidos

El Garaje Grill

Desde que en xaneiro de 2017 Paula Echevarría publicase un selfie dando boa conta dun dos seus batidos, El Garaje Grill é o lugar de moda en Madrid. Ninguén dubida de que as barbacoas e as hamburguesas desta churrascaría sexan deliciosas, pero o segredo do seu éxito viral reside nos seus coloridos milkshakes. De unicornio, de chocolate, con nubes de azucre, galletas Oreo, caramelo ou cookies, as variantes son tantas que só lelas abonda para provocarnos un coma diabético. O mellor? Os batidos de fantasía de El Garaje Grill teñen un lado solidario. Unha parte do cobrado por cada un con nube de azucre moreno vai destinada a proxectos da Fundación Aladina. Todo sexa por unha boa causa…

Xa hai en Madrid batidos de fantasía
Poderías resistirte a un batido como este?

@Ce_FerSan | Fotos Instagram @blacktapnyc, @patissez, @marylousbakehouse, @elgarajegrill