A última apócema máxica xa está aquí e chámase kombucha

O kombucha é a infusión do momento

O elixir da eterna xuventude é a fantasía favorita do sector cosmético, mais o crecemento experimentado pola industria nutricional nos últimos anos fixo que a súa busca se fose desprazando da mesa de operacións e dos tratamentos estéticos a terapias preventivas baseadas nunha alimentación coidada ao milímetro. Os “superalimentos” son o novo botox, e semella que á longa lista de zumes, infusións, sopas e batidos nos que se presentan vén de engadirse un convidado: a kombucha.

Cun nome que evoca ao instante a sonoridade oriental, non é difícil adiviñar a procedencia deste produto. Tamén coñecida como fungo do te ou fungo chino, esta bebida é a última moda nutricional importada do xigante asiático.

Trátase dun tipo de te adozado e sometido a un proceso de fermentado a través dunha colonia de microorganismos. Ditos fungos e bacterias actúan descompoñendo o azucre do bebedizo en glucosa e fructosa, logo en alcohol etílico, gas carbónico e ácido acético. Para a proliferación dos fermentos é preciso un medio acedo, cun pH moi semellante ao da sidra, por exemplo. O resultado é unha pelica de aspecto xelatinoso sobre a superficie do líquido.

A kombucha é a súper bebida definitiva
Refrescante e saudable, así é esta bebida

O proceso de elaboración da kombucha non discorda moito do do kefir, se ben este alimento é moito máis popular e común en Europa. Ambos os dous son probióticos, pertencentes ao que en inglés se denomina S.C.O.B.Y. (“symbiotic culture of bacteria and yeast”), é dicir, produtos resultantes da acción simbiótica de bacterias e fermentos.

O resultado? Unha bebida de aspecto semellante ao té con limón, cun corpo lixeiramente burbullante e un sabor un chisco amargo que, segundo @s que a consumen de xeito habitual, causa adicción.

Porén, Ellie Krieger, nutricionista e columnista de The Washington Post, considera imprescindible poñer en perspectiva o fervor desatado arredor dela. As súas propiedades curativas, esas que en teoría a converten nunha especie de elixir prodixioso, non sempre se axustan á realidade. Así, é canto menos arriscado afirmar que pode solucionar problemas de saúde tan diversos como a artrite ou o cancro. Krieger afirma:

A kombucha non é unha apócema máxica, pero é unha bebida potencialmente saudable, chea de sabor e relativamente baixa en calorías e azucre.

Polémicas á parte, pódenselle atribuír as seguintes facultades:

  • Contribúe á saúde hepática, estimulando a desintoxicación do fígado e do páncreas grazas ás enzimas e ácidos bacterianos que contén.
  • Mellora a dixestión e o funcionamento do aparello dixestivo. Os fermentos que contén inflúen directamente no restablecemento da ecoloxía natural da flora intestinal.
  • Reforza o sistema inmunitario. A kombucha, un probiótico, é rica en antioxidantes, que axudan a garantir unha correcta resposta inmunolóxica do corpo e a aumentar os niveles de enerxía.
  • Coida das articulacións. O seu contido en glucosaminas colabora na prevención e alivio dos problemas de artrite, estimulando a produción de ácido hialurónico sinovial (encargado de protexer a estrutura do cartílago).
Kombucha: elixir de vida ou bebida sobrevalorada?
Descubrimos o segredo da elaboración deste elixir

A cara escura da kombucha ten moito que ver co seu sistema de elaboración. Esta bebida non resiste o proceso de pasteurización, polo que se recomenda ter precaución á hora de optar por producila na casa. Tomala contaminada ou en cantidades excesivas pode causar dor de estómago, acidez, reaccións alérxicas ou mesmo intoxicacións.

A doutora Daphne Miller, profesora de Nutrición e Medicina Integrativa na Universidade de California, defínea como a Coca-Cola d@s millennials, “[…] algo moi de moda nos últimos tempos entre o perfil foodie de 20 a 30 e tantos”. Proba diso é que nin o pop conseguiu escapar do seu influxo. Azealia Banks cantaba xa en 2012 aquilo de “Let me get some of that kombucha drink, bitch”.

Poida que a kambucha estea lonxe de ser milagreira, mais a febre por ela está a dar os seus resultados. A cadea Whole Foods, dedicada a produtos orgánicos e naturais, ingresou en 2015 500 millóns de dólares coa súa venda.

@Ce_FerSan