A última terapia anti-estrés é practicar a caligrafía

A caligrafía é a actividade favorita da xente estresada

A caligrafía é a nova meditación, o novo ioga, a herdeira natural dos mandalas que triunfaron nos libros para pintar durante boa parte deste ano. Por curioso que resulte, unha actividade tan sinxela, cotiá, case un automatismo, como escribir agocha un descoñecido poder para sandar.

 O estrés, a ansiedade e o F.o.M.O. son algúns dos cabalos de batalla cos que lidian as sociedades occidentais. O frenético ritmo de vida actual, a hiperconexión e o contexto socioeconómico fan que cada vez sexan máis @s que sintan que precisan tomar un respiro. Descansar. Desconectar, literalmente. É curioso que algunhas das técnicas con maior aceptación e popularidade non deriven do progreso e da investigación técnica. As válvulas de escape polas que deixar ir a presión do día a día son, paradoxicamente, de orixe analóxica.

Fai algo menos dunha década, Nova Iorque elevou a calceta ao rango de actividade cool, facendo dela un novo elemento de socialización e un mecanismo de defensa indirecto fronte ao estrés. Centrar a atención nunha labor manual axuda a eliminar (ou canto menos mitigar) sentimentos de ansiedade, frustración, etc. En 2015 e principios de 2016 asistimos á expansión dos libros de colorear para adultos, en todas as súas modalidades e xéneros.

Pero a necesidade de novidade, a urxencia de tendencias emerxentes, de solucións que aínda non estean ao alcance do gran público fan que nos últimos meses estea a xurdir unha terapia anti-estrés cunha curiosa orixe. Non é nova nin descoñecida, mais a caligrafía preséntase como a penúltima solución aos males modernos.

A caligrafía é a última tendencia para relaxarse
Colle pluma estilográfica e papel e practica caligrafía

Convertida na manualidade do momento, ten infinitas variantes: xaponesa, medieval, modernista, etc. E non só ten un indubidable valor estético, senón que é beneficiosa para a saúde. A psicóloga Violeta Alcocer subliña que é importante partir da base de que nunha sociedade como a nosa, consumista e orientada á perfección, “o artesán eríxese nunha resposta individual: produtos únicos, persoais e lixeiramente imperfectos que nos lembran que seguimos sendo humanos e sinxelos”.

Sentar á mesa e practicar distintos estilos caligráficos é unha tarefa que nos permite evadirnos. Convértenos en seres útiles, capaces de producir algo por nós mesm@s, e procúranos o incrible pracer de tomar consciencia diso. Alcocer insiste: “é unha actividade que predispón á conciencia plena, ao “aquí e agora”, polo que ten moito que ver cos estados meditativos”. Esixe unha certa capacidade para abstraerse da realidade, regalarse unha pequena pausa, que ningunha perturbación externa afecte á escritura.

Mediante a práctica da caligrafía poñemos en orde o noso pensamento, os nosos desexos e emocións. En nen@s, considérase que a grafoterapia pode axudar a potenciar o rendemento, a confianza e a autoestima, a concentración e a memoria. Porque efectuar modificacións conscientes na escritura serve para axudar a acadar cambios subconscientes na personalidade. Ser pretender ir tan lonxe, Anna Coll, profesora de caligrafía en Deletras, define este pasatempo como “unha actividade que te saca do teu boureo cerebral continuo”.

Caligrafía extrema

Para @s que non se conformen con copiar e copiar mostras de escritura, hai unha versión que vai un chisco máis aló. É o “zentangle”, creado pola calígrafa estadounidense Maria Thomas e o seu socio, Rick Roberts. Consiste en facer garabatos seguindo uns patróns. A súa discípula española María Tobar defende as súas virtudes, pois apórtalle a quen o proba “relaxación, concentración mental, a posibilidade de conectar coa [súa] creatividade”.

O dito: a caligrafía é a nova meditación.

@Ce_FerSan