A verdadeira revolución sexual: máis aló de gays e heteros

A revolución sexual é a fin dos binarismos

Nas culturas occidentais obsérvase desde antigo un certo maniqueísmo na maneira de conceptualizar a realidade, sexa esta de orde política, social, económica, relixiosa ou sexual, por poñer algúns exemplos. A miúdo, a análise da mesma resólvese nun esquema dual, onde un elemento é e existe en relación a outro -considerado o seu oposto-, e un deles recibe unha carga simbólica positiva, facendo del a pauta da ortodoxia, a norma, a regra que sinala a “normalidade”.

Tomemos a propia división entre Oriente e Occidente, entre xente branca e de cor, entre cristiá(n)s e protestantes, entre homes e mulleres. Todas elas son categorías de uso común e baseadas en relacións dialécticas que pretenden seren unha ferramenta útil para a explicación e comprensión mediante a linguaxe do mundo no que vivimos. Mais ese paradigma dual que permite unha aproximación a este ten algo de perverso. Os xogos de opostos crean a ilusión dunha tensión irresoluble entre ambos, dunha separación absoluta entre os elementos, da imposibilidade de dar con vías de converxencia entre ambos. Os termos son, así, excluíntes.

O tratamento de realidades mediante conceptos polarizados ten moito de reducionista e simplista. Recuperando a clásica metáfora das cores, diríase que nega a existencia de puntos intermedios entre os extremos, do mesmo xeito que entre o branco e o negro se aprecia unha ampla escala de tons e matices.

E esta visión dicotómica é a que predominou ata fai unhas tres décadas no tratamento da sexualidade en Occidente. A súa análise veuse facendo ao abeiro de dúas etiquetas principais: heterosexualidade fronte a homosexualidade. Dita clasificación foi -e é, a miúdo- empregada para verbalizar unha primeira aproximación á chamada “diversidade sexual e de xénero“. En España, abonda botarlle unha ollada a estudos publicados polo Instituto Nacional de Estatística ao longo dos últimos quince anos como a “Enquisa de saúde e hábitos sexuais” para observar que estes son os únicos puntos de referencia no diálogo sobre a orientación sexual dos individuos.

Activismo, dereitos civís e liberdade sexual

Os anos 50, 60 e 70 do século XX viron xurdir algúns dos movementos sociais, culturais e políticos máis importantes da época contemporánea en Europa e Norteamérica: a mobilización contra a discriminación racial, a demanda de recoñecemento da igualdade feminina e a loita en favor da despenalización da homosexualidade. Malia teren obxectivos diversos, os tres partían dunha raíz común: a necesidade de esixir avances en materia de dereitos civís en paralelo á consolidación da democracia e o estado de benestar en Occidente.

O coñecido como “activismo gay“, que xa se articulaba nos anos 50 arredor de organizacións homófilas encubertas, fixo súas as técnicas de protesta d@s manifestantes negr@s e anti-belicistas norteamerican@s, adheríndose á súa fronte. Sumouse ás accións dos Black Panthers, abrazou causas da Nova Esquerda e comprometeuse coa idea de que traballando colectivamente se podía promover unha reestruturación social.

A liberación sexual é parte de movementos sociais globais
A loita polo recoñecemento da diversidade sexual é unha loita polos Dereitos Humanos

Ese esforzo común provocou en certa maneira a disolución das causas particulares do movemento nas causas comúns e globais. Naquel contexto, a prioridade era acadar a abolición da lexislación homofóbica, concienciar sobre os dereitos das persoas non heterosexuais, conseguir a súa equiparación dos destas e eliminar prexuízos e actitudes que atentasen contra a súa liberdade. A pedagoxía social necesaria naquel momento valeuse do termo “gay” para aglutinar a diversidade sexual e de xénero que pretendía representar. E “gay” converteuse nun paraugas onde cabían homes e mulleres homosexuais, bisexuais, transexuais, queer

Recoñecendo a diversidade sexual

O termo “diversidade sexual e de xénero” pretende ser a representación lingüística da variedade de sexos, orientacións sexuais e identidades de xénero existentes. Na actualidade, manéxanse clasificacións que -se ben inspiradas por unha vontade inclusiva- son a miúdo rexeitadas por inexactas. Iso é debido a que simplifican as realidades detrás de cada unha desas áreas, perpetuando o esquema explicativo de raíz dual.

Segundo o sexo, distínguese entre homes e mulleres (e mais intersexuais); en función da orientación sexual, fálase de heterosexuais e homosexuais (tamén de bisexuais); e a identidade de xénero permite distinguir entre transxénero e cisxénero. Á suma destes tipos corresponden en parte as siglas LGTBI.

Reivindicar a diversidade sexual é a próxima revolución
A aceptación da diversidade sexual é clave

Mais para afondar nesta cuestión, nas últimas décadas a Sexoloxía está a abrirse a novas teorías, como a de Kinsey e a queer. Ambas as dúas consideran insuficiente a clasificación anterior, pois argumentan que non é quen de describir na súa amplitude a complexidade da sexualidade na especie humana. Considerando ademais que outras culturas posúen un xeito diferente de describir o sistema sexual, urxen a incluír nel todo un abano de opcións alternativas que van desde a completa heterosexualidade á completa homosexualidade.

Habería que falar, por exemplo, da orientación “heteroflexible” (entre a heterosexual e a bisexual) e da homoflexible (entre a homosexual e a bisexual), así como da súa posible variación ao longo do tempo. Ou da atracción non dependente do sexo ou do xénero, é dicir, da pansexualidade. Tamén existen distintos graos máis alá do cisxénero e da transexualidade, como é o caso das persoas de xénero fluído.

Na clasificación tradicional tampouco ten espazo a asexualidade, condición daquelas persoas que non amosan ningún interés pola actividade sexual, ou a identidade queer, cuxa característica é a indefinición.

Trataríase, xa que logo, de estudar a diversidade na súa extensión e sen sometela á rixidez do distema dualista, dando resposta á necesidade de visibilizar esas orientacións e identidades de xénero denominadas “non binarias”.

Revolución sexual 2.0: bases

Nun contexto no que, segundo datos da Axencia Europea de Dereitos Fundamentais, sete de cada dez persoas LGTBI en Europa agochan a súa orientación sexual ou a súa identidade de xénero durante a súa etapa escolar; e na que a violencia contra elas segue a ser unha constante (véxase o último informe sobre diversidade afectivo-sexual de Amnistía Internacional), a superación do esquema binario adquire unha nova dimensión.

Suprimir as categorías tradicionais de clasificación de sexos, orientacións e identidades de xénero para abrilas a realidades intermedias e alternativas é o primeiro paso para o avance no recoñecemento efectivo da diversidade sexual. Este é o camiño para conseguir a aceptación de calquera forma de ser, con iguais dereitos, liberdades e oportunidades, dentro do marco dos Dereitos Humanos.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @lgbtqsafexone, @crippledfroya, @thatguydakooter