Adeus ás it girls, ola ás eat girls

Os blogs foodie gañan terreo fronte aos de moda

As protagonistas deste artigo chegan a acumular tantos seguidores en redes sociais como as blogueiras de moda internacionais. Mais elas foxen de marcas e estilismos, e dedican os seus espazos na rede a amosar deliciosas receitas de cociña, restaurantes cool e escapadas gastronómicas. As it girls que exerceron o seu dominio durante varios anos deixan agora paso as eat girls. Porque non só de outfits incribles vive a Internet.

De ser un instrumento de supervivencia, a comida pasou a se converter nun dos maiores praceres da nosa sociedade. De aí que exista toda unha corrente que procure conxugar na mesma frase os antigamente antagónicos conceptos de san e delicioso.

Tendo en conta que é unha peza clave para o noso benestar, a necesidade de gozar dela de xeito saudable e equilibrado vai gañando importancia na conciencia colectiva. E como non hai tendencia que non pase pola Rede, esa nova cultura gastronómica fai que xa as tímidas incursións d@s bloggers de moda -que non dubidan en amosar o seu último descubrimento gourmet ou os seus suculentos almorzos a base de cupcakes e/ou torradas con aguacate- palidezan a carón dos blogs feitos por e para eat people. Porque si, existe todo un xénero especializado unica e exclusivamente no universo foodie.

O interese renovado pola comida inspira novos blogs
With a couple of eggs, exemplo patrio de blog foodie

Boa proba de isto é a ex-modelo e blogueira Ella Woodward, que leva catro anos publicando na súa bitácora, Deliciously Ella, toda unha biblia para @s amantes dos menús saborosos e bos para a saúde. Abrazando a filosofía vegana tras serlle diagnosticada unha enfermidade pouco común, esta gurú culinaria londinense decidiu utilizar os alimentos para mellorar a súa calidade de vida e ensinarlle ao mundo os resultados obtidos. Dous libros, unha aplicación e un restaurante máis tarde, conta con case un millón de seguidores/-as en Instagram.

Gina Homolka é fotógrafa e blogueira foodie
Clasificados por ingredientes e opcións dietéticas, os pratos de Gina Homolka namoran

Mais non é a única. Desde o outro lado do Atlántico, Gina Homolka triunfa promocionando as súas receitas saudables. Lanzou o seu proxecto en 2008, tentando mesturar as súas dúas grandes paixóns: a fotografía e a cociña. E con case medio millón de seguidores en Instagram, dous libros e tres millóns de visitantes únicos mensuais pódese dicir que o conseguiu.

Tal é o éxito das eat girls que as it girls non dubidan en subirse ao seu carro. Os blogs de moda van evolucionando en blogs de estilo de vida, onde se esforzan por demostrar a súa equilibrada relación coa nutrición, a gastronomía e as cociñas máis exóticas (e fotoxénicas). Chiara Ferragni de The Blonde Salad e bloggers patrias como Dulceida ou a galega Paula Deiros inclúen xa nos seus perfís de Instagram instantánteas da súa roupa, as súas viaxes… e os restaurantes e a comida que prefiren. As texturas, as cores, a colocación: todo inflúe para retratar pratos que semellan tentacións divinas. Puro foodporn.

María Losada / Fotos: deliciouslyella.com; skinnytaste.com; withacoupleofeggs.blogspot.com.es