Adriana Cagigas: “Poucas marcas ousan amosar algo diferente”

Entrevistamos a Adriana Cagigas, deseñadora emerxente

A edición de febreiro de 2017 da Samsung EGO marca un antes e un despois na traxectoria profesional de Adriana Cagigas. Graduada na ESNE (Escola Universitaria de Deseño, Innovación e Tecnoloxía) en 2015, o seu debut na pasarela dos talentos emerxentes por antonomasia poñíaa no radar dunha industria, a da moda, sempre ávida de novos nomes e aire fresco.

Wabi Sabi -a primeira colección que asina para a súa propia firma, Threeones- é unha síntese perfecta do que representa para ela a moda, entendida como unha disciplina artística, conceptual. Debe ter unha historia detrás, falarnos, inspirarnos, e non só empurrarnos ao consumo sen freo. Inimiga confesa da fast fashion, acaba de dar a coñecer a súa liña de básicos, con vocación atemporal e prendas susceptibles de seren reinterpretados ao xeito de cada usuari@.

Adriana Cagigas busca unha moda distinta, tanto no fondo como nas formas. Porque se de algo está convencida é de que é preciso comprometerse tanto a nivel profesional como persoal cunha industria ética e respectuosa co entorno. Coa creación sostible por bandeira, vén de ser semifinalista do prestixioso EcoChic Design Award 2017, un concurso que premia a innovación responsable. Por diante, un futuro ben prometedor baseado na recuperación de técnicas milenarias e a experimentación con tecidos.

Mentres está a sentar as bases para a súa próxima colección, pasamos polo taller de Threeones para coñecer de preto de onde vén e onde vai.

Coolt.- Aos 16 anos, déchete conta de que nin veterinaria nin atleta: o teu era a arte e a moda. Unha revelación?

Adriana Cagigas.- Aínda que estivese enfocada ao mundo animal, sempre fora moi creativa e bastante autodidacta (supoño que ser filla única che fai ter máis imaxinación para non aburrirte). Así que podemos dicir que o foi, xa que desde entón non precisei facer outra cousa máis que crear e tentar aprender todo o posible sobre arte. E, sobre todo, observar cousas novas; é como máis se aprende e avanza na busca persoal do teu estilo. Po outra banda, a parte de atleta acompañoume ata os 21, e agora, case tres anos despois, podo dicir que quizais a volva sentir comigo un pouco.

Adriana Cagigas afianza o seu estilo 'eco chic'
A Samsung EGO 2017 foi o seu trampolín de lanzamento

C.- Apostas por unha pasarela que contribúa con “algo máis que modelos paseando diferentes estilismos”, que se convirta nunha verdadeira performance artística. Que falta nos shows actuais?

A. C.- Creo que o máis fácil para todos é seguir co sistema establecido: unha pasarela, música e modelos paseando. Hai poucas marcas que ousan amosar algo diferente porque hai en xogo moito diñero. Unha mala crítica dun desfile pode facer que se perdan moitas ventas. E, para min, isto é unha mágoa, porque se cada un conseguise facer o que sinte -aínda sabendo que non vai gustar-, todo sería moito máis nutritivo.

Pero só certas marcas moi establecidas no mercado e moi recoñecidas polo público o fan, porque, no fondo, fagan o que fagan rematan gustando. Os pequenos seguen un pouco ancorados na tradición. Con isto non digo que eu sexa moi rompedora, pero gustaríame chegar a atopar a miña forma de presentarlle ao mundo as miñas creacións. E creo que iso sería o interesante, que cada un presente á súa maneira.

Paréceme impersoal que todos vaiamos a unha pasarela e xa está.

Aínda que cada un faga o seu pequeno show dentro do desfile, para min segue sendo o mesmo.

Gustaríame que chegasemos a algo máis, algo que toque a máis xente, e que coas mensaxes que mandemos pouco a pouco melloremos a sociedade. É o meu plan cando vaia tendo máis recursos propios.

C.- En Wabi Sabi fas un canto á imperfección como fonte de beleza. Nos últimos anos, a industria da moda parece abrirse timidamente á diversidade en todas as súas acepcións. Podemos aventurar un cambio de canon?

A. C.- Eu estou segura de que si. Cada vez pódense ver máis indicios de que algo na sociedad está cambiando. Desde logo, estamos moi arraigados no canon da perfección, a perfección como algo establecido e definido. Mais creo que esa palabra cada vez vai ter máis matices e incluirá distintas definicións e distintas belezas.

C.- A túa última colección presenta prendas reducidas ao esencial, en tons neutros, con siluetas disimuladas baixo formas oversize. Resulta refrescante nun panorama dominado por excesos e extravagancias como as de Gucci, Prada ou Moschino.

A. C.- Para min, teñen una atracción moi interesante as cousas simples e sinxelas. Creo que son ferramentas para crear a túa personalidade. Como ben dis, é algo neutro, polo tanto ao vestilo neste caso adquire a personalidade de quen o leva. A mensaxe que se transmite remata sendo do portador, non do deseñador, e creo que iso é algo moi especial. De feito, estou creando prendas que teñan varias posicións, e que a persoa que se sinta interesada ou atraída por elas decida como usalas. Non quero ser eu quen determine como vestilas.

É unha maneira de potenciar a creatividade de cada un. É un xesto mínimo, pero creo que é algo necesario dentro da sociedade: a creatividade. Ademais dun xogo, buscar a maneira de colocar unha prenda, facela máis túa, tamén racha medos, porque todos imos directamente ao “como se pon?”. Eu sempre respondo: “como ti queiras”.

C.- Prefires os materiales orgánicos fronte aos técnicos, cun sentido do traballo das teas moi próximo á artesanía. Na túa colección Another life creabas a partir de prendas usadas ás que dabas unha segunda vida. Sénteste identificada con movemento slow fashion?

A. C.- Totalmente. Estoy comezando a miña historia, podemos dicir, polo que non teño un discurso plenamente definido de marca, pero, desde logo, é ao que quero ir. Crear cousas especiais, con agarimo, recuperando técnicas que se van perdendo co uso do tecnolóxico, e atopar a maneira de producir máis produtos sen ser prexudicial para o noso medio ambiente.

Comecei usando algunhas técnicas chinesas e xaponesas, como o sibori, pero gustaríame afondar moito máis e chegar a atopar a miña propia.

Penso que está moi ben avanzar cara o futuro e a tecnoloxía, pero creo que é imperdoable esquecer o que nos trouxo ata aquí.

Así que paréceme importante traballar o artesanal para que non esquezamos que existe.

C.- Case no polo oposto a esta visión sostible, atópase a produción masiva. A miúdo, tendemos a asociala coa industria china, estigmatizada polos sus estándares de calidade. Sen embargo, intúo que a túa experiencia sobre o terreo che fai pensar de modo diferente…

A. C.- Por algunha razón que descoñezo, apaixóname a súa cultura tanto como se fose a miña. O meu obxectivo vivindo alí foi coñecer as súas raíces e a súa tradición, e hai poucas cousas que me parezan máis fermosas. Por iso, dóeme a imaxe que todos temos da súa calidade. Certo é que, se só miramos os elementos que producen de maneira masiva, a baixo custo, non atopamos nada excepcionalmente bo. Pero creo que coas esixencias do mercado, tampoco se podería atopar algo mellor polo mesmo prezo.

Como en todo, China ten outra cara, e é a da súa historia, a súa cultura, a súa arte e a súa artesanía. Paréceme precioso, e, co nacemento de Threeones, un dos meus obxectivos é absorber a súa tradición e transmitila coa miña estética e a miña filosofía.

O movemento 'slow fashion' ten en Adriana Cagigas unha representante
Adriana Cagigas reivindica a tradición artesá como base para a innovación

C.- Tanto como da moda sostible, fálase hoxe do unisex, un concepto co que tamén flirteaches. A fusión de xéneros presente en Nostalgia, facendo da liberdade de elección a única pauta no vestir, entronca coa tendencia actual de prendas polivalentes, intercambiables, asexuadas. A moda será fluída ou non será?

A. C.- Sempre me identifiquei co unisex porque eu mesma me identificaba con prendas, non coa sección da tienda na que estaban. Creo que é importante que cada un poida ser libre e poñer o que queira. Como mencionamos antes, como reflexo dos cambios que se están presentando na sociedade, a moda vai adentrándose de maneira máis masiva no unisex.

Unha vez as marcas de fast fashion chegaron a este tipo de produtos, significa que o cambio xa está aquí. Sen embargo, creo que este tipo de marcas propoñen un estilo unisex pouco atrevido e moi limitado. Serán os deseñadores emerxentes os que lle dean forza a ese movemento cun discurso máis enriquecedor.

C.- Despois das boas críticas colleitadas trala túa participación en Samsung EGO 2017, que hai no horizonte inmediato de Threeones?

A. C.- Actualmente, atópome establecendo os piares de todo. Este inicio de andaina veume de súpeto e hai moito que preparar e mellorar para chegar onde me gustaría. Como comentei en varias ocasións, a miña ollada segue en Asia, por iso ando buscando financiamento para realizar un proxecto nun pequeno pobo da provincia de Yunnan.  Quero que a miña moda cada vez adquira un sentido máis social e máis persoal. Este proxecto sería o primeiro gran paso.

Ademais, seguirei mellorando os meus produtos, e quizais estándo presente noutros eventos. Polo momento, participei na pasarela 948 de Pamplona, e seguirei medrando pouco a pouco.

C.- Por certo, de onde vén o nome da marca?

A. C.- Como se pode ver traducindo do inglés :

Threeones= Tres uns :

  • Arte
  • Moda
  • Cultura

O, como se podería traducir tamén, “tres nun”. Quería que a miña filosofía quedase reflectida no nome, non quería que fose unha denominación carente de significado. Para min, as cousas cunha historia detrás son moito máis interesantes. Por iso, o meu logotipo está  formado por tres liñas, unha referencia ao que sería a tradución en chinés, onde a liña horizontal é o número un e, polo tanto, tres uns formarían Threeones.

@Ce_FerSan | Fotos: © Guille Sola, Juan Naharro Giménez