Aínda non sabes o que son os buddha bowls?

buddha-bowls-receitas

Non hai bar nin restaurante de categoría popular que non inclúa no seu menú o clásico prato combinado. É, sen dúbida, o comodín por excelencia na gastronomía patria, un xeito ideal de elaborar unha comida contundente e variada a un tempo. Pero na era de Instagram e da fachenda virtual, mesmo as opcións máis tradicionais rematan sufrindo un lavado de cara en favor dun acabado moderno, atractivo, cool. De aí que os pratos combinados tal como os coñeciamos estean a perder protagonismo, substituídos polos seus parentes orientais: os buddha bowls.

Se fixesemos un estudo das frecuencias de uso do termo “buddha bow” en webs de gastronomía e portais foodie ao longo de 2016, decatariámonos de que centrou boa parte da conversa dixital tanto de profesionais como de afeccionad@s. Á vista disto, o blog español Food to meet you declarouno o “último hit das tendencias green & healthy & beyond“, aproveitando ademais para alertar sobre a distorsión do concepto “buddha bowl” e o carácter pouco ortodoxo de numerosas receitas popularizadas a través da Internet.

Comer de plato único agora chámase "buddha bowls"
Elixe as túas verduras favoritas e xúntaas nunha cunca enorme

E os buddha bowls son…

Este prato, que significa literalmente “cunca de Buda”, ten a súa orixe nas rutinas alimenticias das comunidades de monxes budistas. A comida para eles conleva todo un ritual de meditación, estando encamiñada á práctica do mindfulness mediante unha serie de movementos ordenados.

Nos templos zen, bótase man do chamado oryoki, un conxunto de cuncas ao estilo boneca rusa que se despregan para servir distintas sopas e verduras. A de maior tamaño, que funciona coma matriz, é a cunca de Buda propiamente dita. Simboliza a cabeza deste e, por extensión, a súa sabedoría. Nela vértese un sinxelo arroz integral que se deixa ferver durante bastante tempo, e ao que ás veces se lle engade un toque vexetal.

Este xeito de distribuír os alimentos considérase un exercicio para o cultivo da gratitude, a comprensión da propia natureza e a conciencia da realidade presente.

A colorista versión instagrammer

Pasados polo filtro de Instagram e incorporados ao carrusel das tendencias, os buddha bowls pasaron a designar unha maneira de servir a comida menos espiritual e máis atractivo para a vista. A revista Vogue España declarábao “a forma máis estética (e fotoxénica) de facer un prato combinado”.

A súa variante 2.0 é o resultado da crecente paixón por acumular o maior número de elementos con efectos positivos para a saúde nunha mesma inxestión. A experta en alimentación viva e “crudiveganismo” Consol Rodríguez considera que:

a esta obsesión de hai que comer de todo” acabou por sumárselle a do buddha bowl, co delirio dalgúns por xuntas nun só prato todo o saudable dos alimentos, a little bit of everything: os carbohidratos, proteínas, graxas, fibra, vitaminas e mineirais que dictan as táboas oficiais.

Inspiración para buddha bowls

A falla de tempo para investir nunha alimentación elaborada e con sólidos fundamentos nutritivos, boa é unha cunca variada. Iso si, esta debe, por definición, respectar os principios da dieta vexetariana. Malia que na Internet agromen versións libres que mesmo incorporan anacos de polo ou de carne á grella, as receitas máis estendidas son as que apostan pola combinación de ingredientes de orixe exclusivamente vexetal.

Os "buddha bowls" impóñense en Instagram
A cultura budista inspira a tendencia gastronómica do momento

A miúdo adoitan incluír unha base de cereais integrais (arroz ou quinoa, por exemplo), á que se lle engaden produtos crocantes como sementes ou froitos secos, unha dose xenerosa de verdura e un chisco de proteína en forma de garavanzos ou tofu. Para poñerlle unha nota adicional de sabor, pódese botar man de prebes como o guacamole, o hummus ou o tahini, así como da salsa de soia.

@Ce_FerSan / Fotos: Instagram @buddha_bowls