Alexandra Pereira:Blogger asóciase con non facer nada… e molesta”

Alexandra Pereira é máis coñecida como Lovely Pepa

1.200.000 seguidores en Instagram, 74.100 en Twitter, 569.236 persoas ás que lles gusta a súa páxina de Facebook. Eses son os números -impresionantes, por outra banda- que preceden a Alexandra Pereira. Ou quizais deberiamos dicir Lovely Pepa, pois ese é o nome do blog que a catapultou ao éxito e que rematou por se converter nunha especie de alter ego seu na Rede.

Alexandra, viguesa de 28 anos, pertence -xunto con Gala González ou Pelayo Díaz- a esa peculiar elite formada pol@s pioneir@s da auto-promoción en formato blog, @s mesm@s que aló por 2009 comezaron a presentar a súa particular visión da moda a golpe de sesións de fotos caseiras, roupeiros envexables e unha boa dose de imaxinación á hora de compoñer conxuntos. Hoxe, Alexandra Pereira é unha das referencias no terreo do street style dentro e fóra das nosas fronteiras. A publicidade subliminal non ten segredos para ela. Vén de estar no front row dos desfiles de Milán, e a súa axenda pouco ten que envexarlle á dunha estrela de cine. Por sorte, conseguimos facernos un oco nela.

Coolt.- Décheste a coñecer como blogger en Lovely Pepa, convertícheste nunha it girl de referencia en España e transformácheste en influencer da man de grandes marcas nacionais e internacionais. En que momento o blog pasou de ser un pasatempo a un traballo a tempo completo?

Alexandra Pereira.- Creo que ocorreu fai xa uns anos, foi algo paulatino, pero nalgún momento me din conta de que isto tiña futuro, e que debía traballar duro para facer del algo grande.

C.- A Alba Galocha moléstalle especialmente o uso despectivo que se vén facendo da palabra “blogger“. Ti es tamén das que cren que ten connotacións negativas?

A. P.- Depende do eido e de quen utilice a palabra. Pero si, en xeral a palabra “blogger” asóciase a calquera que teña un blog, e co feito de non facer nada… e iso molesta. Ao principio eramos freakies, agora somos vagos… Eu sei o que son e estou moi orgullosa do que fago.

Alexandra Pereira é unha das influencers máis importantes
O emprazamento de produto é unha boa fonte de ingresos para blogueiras coma Alexandra

C.- De tódolos xeitos, o fenómeno blogger ten grandes defensores como Risto Mejide. Fai un par de anos definíavos como “novos referentes culturais” no seu programa Al rincón (Antena 3). Estás de acordo?

A. P.- Non chegaría a tanto, pero si que é verdade que  hai unha parte importante da poboación que nos toma como referentes. Iso obriga a ter un coidado extremo coa mensaxe que se envía tanto en redes sociais como co blog.

C.- Ás veces pregúntome que hai detrás d@s bloggers de éxito. Grandes fotógraf@s? Estilistas?

A. P.- Hai un equipo, pequeno pero efectivo. No meu caso somos 4 (de momento). Este ano estamos pensando en ampliar equipo porque o necesitamos realmente. Normalmente traballamos cun fotógrafo, un videomaker, teño a miña asistente/manager que se ocupa de organizar a miña vida profesional en xeral, e tamén unha rapaza que se encarga de todo o referente á facturación e a temas fiscais.

C.- E volvendo ao tema da fotografía: que papel cres que xogan os programas de retoque informático (véxase: Photoshop, filtros…) nas imaxes que vemos nos grandes blogs de moda? Es partidaria do seu uso?

A. P.- Son partidaria sempre que non se distorsione a realidade. Pero hai mil cousas que se poden mellorar nunha foto, comezando pola pel. Non se trata de deformarte ata que non quede rastro de quen es de verdade, pero se se pode mellorar visualmente, estou totalmente a favor. Uso con medida.

Lovely Pepa é o proxecto que deu a coñecer a Alexandra Pereira
Detrás de Alexandra Pereira hai… un roupeiro tamaño XXL

C.- Poida que a presión por dar sempre unha imaxe “perfecta” teña algo de culpa…

A. P.- Quizais. Nestes 7 anos téñense dito barbaridades sobre min, sobre o meu físico, mesmo sobre as persoas que me rodean. Iso xera presión, pero considérome unha persoa súper forte e con moita personalidade, ninguén me pode destruír, e iso axudou a que siga ao pé do canón malia as críticas.

C.- Como levas o nivel de exposición que implica ser protagonista dun blog? Asusta vivir nunha especie de Big Brother constante, no que as fronteiras entre Alexandra e Lovely Pepa se esvaecen?

A. P.- Non sinto que sexa así. Desde fai moito tempo manteño unha liña moi clara sobre o que quero compartir e o que non. Son moi consciente de que a sobre-exposición provoca que os seguidores crean ter dereito a opinar sobre cada pequeno detalle da túa vida, y iso non vai comigo. Eu fago o meu traballo de xeito honrado, sen molestar a ninguén, nunca me meto en temas de política, nin en ningún outro tema controvertido porque non quero xerar ese tipo de polémicas. A miña vida persoal, a miña visión das cosas é miña e só miña, ou das persoas que quero e que me rodean. O que ensino é o meu traballo, é unha versión distinta de min mesma.

C.- Non sei se vivindo o mundo da moda dun xeito tan intenso, desde dentro e desde fóra, algunha vez pensas que poida chegar a saturarte. Onde te ves a medio prazo?

A. P.- Algunhas veces satúrame e creo que non é meu sitio. Pero souben rodearme de persoas ás que adoro e que fan que o meu traballo e o meu entorno sexan marabillosos. Tanto Lovely Pepa coma o resto de proxectos relacionados coa moda que faga de aquí a que morran serán ao meu xeito e sen ataduras ou restricións sociais. O snobismo está moi pasado de moda. Eu son unha persoa normal, e como tal fago o meu traballo. Nada máis.

@Ce_FerSan / Fotos: Instagram @lovelypepa