Alma Obregón:A demonización do doce non leva á felicidade”

Alma Obregón é a musa dos cupcakes

O apelido dela leva a confusión, porque, así de boas a primeiras, calquera diría que Alma Obregón pertence á xeración máis nova da familia de socialités españolas capitaneadas pola incombustible Ana. Para que non quede nin sombra de dúbida, Alma insiste en puntualizar que entre elas non existe ningún tipo de relación. Tampouco é que precisase o paraugas de ningún apelido popular para darse a coñecer. Os seus cupcakes son a súa mellor carta de presentación.

Despois de se converter no apóstolo da pastelaría “curriña” no noso país, Alma Obregón consolídase como unha das voces máis autorizadas do panorama gastronómico. E logo de espallar a súa paixón polo doce de inspiración anglosaxona a través do seu blog, a súa canle de cociña virtual e mesmo de xeito presencial en ducias de master classes, os seus libros están a poñela en boca de tod@s. Cupcakes, tortas ou pan son as súas especialidades. Descubrimos que, ademais, goza especialmente falando do seu traballo.

Coolt.- O “fenómeno cupcake” está inevitablemente ligado ao teu nome. Digamos que es ao mundo da repostaría o que as it girls ao mundo da moda: todo un filón. Dá vértigo ser a pioneira e ir abrindo camiño?

Alma Obregón.- A verdade é que foi un pouco sen querer. A min namoráranme os cupcakes nunha das miñas viaxes a Londres e obsesioneime con eles xa antes de que chegaran a España. Cando comezou a vir a moda dos cupcakes ao noso país, eu xa tiña un blog en castelán cunha morea de receitas de cupcakes, o único que estaba enfocado case en exclusiva a eles…

Iso fixo que me convertese na referencia. Pero xa che digo que foi casualidade: nunca pensara que poidese converterme no estandarte da causa! [Gargallada]. Desde entón, é certo que fun introducindo unha chea de tendencias reposteiras, ideas novidosas…. É moi bonito ver como a xente confía en ti e séguete en todas as túas propostas, aínda que sexan unha toleada! [Gargallada].

Alma Obregón levou a moda dos cupcakes a tódolos currunchos do país
Alma Obregón, it girl da repostaría innovadora

C.- Hai quen compara a “cupcakemanía” coa burbulla inmobiliaria. Ti mesma admites que a intensidade inicial xa foi baixando e que se toma con máis naturalidade. Que futuro lle auguras?

A. O.- Eu creo que o problema foi que moita xente pensou que se podía facer de ouro cos cupcakes, e abríronse moitas tendas especializadas (tanto de cupcakes como de materiais para repostaría creativa) nas que, ou ben non se valorara adecuadamente se había público obxectivo suficiente para ese tipo de repostaría na zona, ou ben non había unha formación de pastelaría de base nos seus empregados que lles permitira sacar adiante un negocio desas características. O que pasou foi que estes negocios foron pechando e o “mundo cupcake” tranquilizouse e estableceuse xa como algo natural, como unha parte máis da repostaría e non como a tolemia colectiva na que se convertera.

De tódolos xeitos, creo que o bo que tivo o boom dos cupcakes é que fomentou o retorno aos fogóns. Fixo que moitísima xente se interese pola repostaría, e está permitindo que non se perdan moitos doces tradicionais que, de non ser polo interese renovado, esqueceríanse moi pronto. Quen criticou a moda dos cupcakes no seu momento pensando que poñían en risco “o noso” seguro que nunca pensou que grazas a eles as nosas receitas tradicionais están máis de moda ca nunca. A verdade é que me sinto orgullosa de ser parte de todo ese movemento de recuperación da pastelaría a todos os niveis. Os cupcakes merecen un aplauso por todo o que conseguiron.

C.- E as naked cakes chegan pisando forte…

A. O.- É simplemente unha nova tendencia que nos chega dos E.E.U.U. (e que a min persoalmente me encanta), e que demostra que se está apostando por unha volta ao sinxelo e a darlle prioridade ao sabor sobre a aparencia. Lembro cando a xente me dicía que os meus cupcakes eran “demasiado sinxelos” porque non levaban as decoracións barrocas con fondant que outras blogueiras presentaban…

Desde o meu primeiro libro, apostei por darlle prioridade ás decoracións sinxelas e comestibles, fuxindo do exceso de fondant que tanto triunfaba ao principio da moda dos cupcakes. Creo que hoxe en día case tódalas tendencias que están de moda nos levan por ese camiño, pola prioridade do sabor fronte á decoración, e iso encántame.

C.- Que é o máis arriscado que probaches a facer nos fogóns?

A. O.- [Suspiro] Creo que o que máis me deu a lata ao principio foron os macarons. Despois teño feito de todo, desde “esferificacións” ata toleadas varias, pero conseguir macarons perfectos foi un verdadeiro calvario!

C.- Estou segura de que coñeces a Heston e a súa tecno-cociña cun punto entre historicista e kitsch. Que opinión che merece esa vangarda que bota man de procedemientos físico-químicos e defende a necesidade de concebir a comida como algo máis complexo ca unha simple f0nte de nutrintes?

A. O.- Ben,  paréceme moi interesante -e en concreto Heston paréceme un moi bo comunicador que sabe transmitir todas esas ideas con sinxeleza-, pero non é o meu campo. Eu aposto sempre por unha repostaría “de andar pola casa”, e tento que as receitas sexan asequibles para calquera que se achegue ao forno. Gústame traballar con ingredientes doados de atopar, de temporada e que non impliquen grandes complicacións.

Alma Obregón é unha reputada reposteira española
Blog, canle de cociña online, libros: o imperio doce de Alma non ten fin

Penso que cando facemos unha repostaría tan vangardista e con tanto ingrediente estraño, o único que conseguimos é afastar ao público e que só algúns elixidos sexan quen de reproducilo nas súas cociñas (ou que ó final a xente se limite a ir probalo e nunca tente facelo na casa). Iso non quita que me encante, pero xa che digo que non é un eido ao que me vaia a achegar.

C.- Instagram e Pinterest están inundados de fotos de pasteis deliciosos, bocados tentadores e todo tipo de manifestacións de #foodporn. Hai moito “postureo” no mundo foodie?

A. O.- [Gargallada] As redes sociais están cheas de “postureo” en tódolos eidos. Poida que no da cociña sexa o máis inofensivo, xa o que o único que fai ese “postureo” é poñernos os dentes longos, e non xera inseguridades ou modelos e aspiracións imposibles que tanta insatisfacción provocan noutros terreos. Na cociña o único que xeran é fame! [Gargallada].

C.- Resúltame curioso ver o interese que esperta a nova repostaría e o seu éxito na rúa, e, por outra banda, a preocupación (raiando na obsesión) por coñecer e contar as calorías que inxerimos.

A. O.- Eu sempre defendo que a repostaría e unha dieta equilibrada non teñen por que estar pelexadas… E non me refiro a adaptar as sobremesas con ingredientes fitness, como moita xente fai. Simplemente creo (e fágoo en calidade de supervivinte dun trastorno alimenticio que, durante máis de 5 anos me tivo torturada) que comer ben é comer de todo.

Se levas unha dieta equilibrada, te moves e tes un estilo de vida saudable, comer un doce non é pecado.  Ben ao contrario, o doce apórtache ledicia, é ese capricho que tanto pracer nos pode proporcionar. Eu, que no seu momento eliminei por completo o doce (e case toda a comida) da miña dieta, póidoche dicir que esas obsesións coas calorías e a demonización do doce non levan á felicidade… De feito, lévante moi, moi lonxe da mesma.

C.- Non sei se todo isto terá relación con concepto de comfort food, a cuxa promoción se apuntan chefs como Jamie Oliver.

A. O.- O certo é que adoro a Jamie Oliver. Supoño que dalgún xeito a repostaría ten ese papel: cálmanos en momentos difíciles, axúdanos a esquecer problemas… Pero no só o fai cando a comemos. Para nada! A repostaría en si, coma a actividade, é unha marabillosa maneira de esquecer os problemas. Cando estamos cara a cara co noso forno, metidos en fariña, desestresámonos e sentímonos mellor. E logo é delicioso probar o resultado, ben seguro!

@Ce_FerSan / Fotos: Instagram @alma_cupcakes