Amantes do ocio enxebre, esta é a vosa app

Unha aplicación móbil para localizar bares de tapas

Poucas cousas hai máis arraigadas que saír de tapas. Eses pequenos petiscos son un dos maiores reclamos dos bares do noso país, ademais dunha tentación gastronómica enxebre para @s visitantes. O boca a boca fai moito na súa promoción, mais na era dixital, non podía faltar unha app que nos guiase polos mellores locais de Galicia para gozar dunha saborosa ruta de “tapeo”.

Despois do éxito colleitado pola pioneira Imos? (unha aplicación que en 2013 chegou a coroar a lista de descargas en España na categoría de gastronomía, e que compilaba enderezos de furanchos e bares), outra app toma o relevo para ofrecernos propostas de ocio foodie sen saír de Galicia.

Tappear preséntase como a nova ferramenta para descubrir sitios onde conseguir unha tapa de balde, algo que os seus responsables cualifican de “parte esencial do saber galego”. Para turistas e autócton@s, esta aplicación (dispoñible para dispositivos iOS e Android) recolle un amplo abano de opcións para tomar un grolo ben acompañado e sen caer nas típicas recomendacións das guías de viaxe.

As tapas -como a comida en xeral- entran polos ollos, e pois iso precisamente en Tappear xoga un papel esencial a opinión d@s usuari@s en forma de fotografía dos bocados que lles son ofrecidos. Dito feedback vén complementar a información básica sobre cada local, incluíndo datos como o enderezo, os horarios ou as especialidades da casa e calquera detalle que poida servir para atraer clientela. E, como ademais posúe un sistema de xeolocalización, mesmo permite cribar os resultados en función da zona de tapas desexada.

Para descubrir bares enxebres, chega Tappear
Tappear preséntase en galego, español e inglés

Saír do traballo con ansia dunha boa tallada de tortilla, uns calamares fritos ou un anaco de raxo con patacas e non saber onde acudir para conseguilos é cousa do pasado. O “tapeo” máis delicioso atópase reunido nesta biblioteca de bares moi, moi enxebre. Porque non só de Just Eat viven os nosos estómagos.

Ce_FeSan / Foto: Cortesía de Tappear