Amarás os vinilos por enriba de tódalas cousas

Os vinilos volven estar de moda

Que os vinilos están de actualidade é unha realidade innegable. O formato estendido entre os ’50 e os ’90 volve agora con forza. Os datos non admiten réplica: o aumento das vendas de discos de vinilo en España nos últimos 10 anos foi de máis do 1.600%.  Ou, o que é o mesmo, se no 2005 se venderon arredor de 15.000 vinilos en España, no 2015 a cifra acadou os 362000 (segundo datos de Promusicae), o que permite augurar un porvir triunfal para este -aparentemente- inmortal formato.

Abonda con achegarse por calquera tenda ou superficie de distribución de música para ver que cada vez  os vinilos dispoñen de máis espazo na exposición, en detrimento do CD, que se atopa en claro retroceso.

Os hipster trouxeron a paixón polos vinilos
Coleccionar discos de vinilo non é só cousa de maiores

Son moitas as bondades que defenden @s amantes do vinilo, desde a calidade sonora tan característica desta fórmula ata a propia experiencia de escoita, que se desentende da rapidez do streaming ou do CD, e que, polo feito de ser máis laboriosa (mantemento, colocación do vinilo, darlle a volta cando remata a cara…), acaba resultando máis gratificante e relaxante.

E xa non se trata só de rebuscar por antigas edicións nas tendas de segunda man, que tamén; senón que @s artistas máis importantes do panorama musical internacional publican en vinilo os seus novos traballos, desde U2 a Lady Gaga, pasando por Adele ou a desaparecida Amy Winehouse.

Sería imposible falar do rexurdimento do vinilo sen facer referencia á cada vez máis estendida moda vintage e á cultura hipster (cuxa sombra é ben longa), que van máis alá da mera experiencia sonora, e que entenden o vinilo coma outra parte máis do estilo de vida que promoven.  A cadea de moda Urban Outfitters, cun marcado estilo retro e bohemio, e especializada ademais na venda e promoción deste particular living style, coroouse a si mesma coma a maior vendedora de vinilos a nivel mundial. Un dato que, sexa ou non certo, dá boa conta da importancia que as tendencias poden ter na compra de vinilos, sexan quen sexan @s intérpretes, as edicións ou os prezos dos mesmos. A tanxibilidade deste formato fronte aos dixitais ou a maior conexión c@ oínte explican tamén un fenómeno que medra ano tras ano.

O culto ao vintage pasa pola recuperación do vinilo
Non hai nada máis retro ca os vinilos

E é que mercar un vinilo hoxe en día non só implica un desexo de querer escoitar música. É unha diferenciación. É ir contracorrente, ser exclusiv@. O vinilo é unha experiencia sonora especial. Pero é moito máis. É o selo dunha cultura (a hipster), que se resiste a asinar a súa acta de defunción. Pero, sobre todo, é amosar un estilo de vida en formato musical.

Maria Losada @MariaLosada_ / Fotos: Instagram @urbanoutfitters