Ámsterdam para turistas pouco habituais

Ámsterdam ofrece moito máis ca as clásicas paradas no Barrio Vermello

Máis aló dos clixés e das imaxes que o turismo masivo asocia coa cidade de Ámsterdam, ábrese todo un abano de posibilidades para gozar dunha escapada urbana memorable. Velaquí unha particular guía da capital dos Países Baixos, apta para tódolos públicos… e petos.

Poida que Ámsterdam se convertese nun destino de sona internacional grazas ao poderoso reclamo dos coffee shops, eses bares -hoxe vetados a turistas- que funcionan como puntos de encontro nos que se pode adquirir legamente marihuana ou haxix e consumilos mentres se toma un refrixerio (refrescos ou cafés, pois a maioría non serven alcohol). Ou polas chamativas luces do Barrio Vermello, que alumean escaparates one prostitutas -tamén de xeito legal- se expoñen e ofrecen os seus servizos aos transeúntes.

Mais se ambos tipos de turismo non encaixan co teu estilo, aluga unha bicicleta (podes rexistrarte online e facerte coa tarxeta OV-FIETSKAART, coa que poderás circular cando e como queiras) e prepárate para coñecer Ámsterdam en pleno día.

Poida que o teu punto de partida sexa a estación de tren Amsterdam Centraal, pois está conectada directamente co aeroporto internacional Schiphol. Nese caso, aproveita que estás a tiro de pedra da popular praza de Dam para visitala. Toma a avenida Damrak (literalmente “alfombra vermella”) e fai unha paradiña no teu camiño. Déixate arrastrar pola multitude de transeúntes que a ateigan a calquera hora do día e tenta verlle o lado positivo ao seu ambiente caótico, coa súa manchea de bares, tendas de produtos especialmente pensados para atraer a atención d@s turistas, museos (célebre é o Sexmuseum) e mesmo o palacio da Bolsa.

Ámsterdam ten sabor galego no seu alumeado
As luces LED póñenlle un toque futurista ao centro de Ámsterdam

Pero, sobre todo, non deixes de mirar para arriba -a risco de tropezar con algo ou alguén- para admirar as lámpadas que aluman nesta rúa tan típica. Non sempre se ten a posibilidade de admirar uns farois de deseño, obra da empresa galega Setga, e que en tan só dous anos pasaron a ser parte imprescindible do mobiliario urbano de Ámsterdam.

Se os acabados futuristas destas lámpadas LED che abren o apetito de emocións de orixe tecnolóxica, non deberías perder a oportunidade de aloxarte no hotel máis entretido da cidade. Especialmente pensado para o uso e goce d@s gamers, The Arcade Hotel vén de abrir as súas portas este 2016. Conta con 36 cuartos equipados con consolas de videoxogos de estilo retro e infinitas posibilidades.

Mais non deberías deixarte seducir pola fantasía de quedar pechad@ nun hotel durante varios días coa única compañía do ourizo Sonic ou de Luigi e Mario. Aínda queda moito por ver en Ámsterdam! E para iso, nada mellor que optar por un walking free tour con acento galego. Da man de Manuel Arias e Manuel Martín (da empresa turística Sandermans), podes coñecer as zonas máis interesantes, as súas historias e anécdotas, durante unhas 3 horas. Explicaranche por que as casas están inclinadas, por que hai tantos canais, como é posible que a cidade estea por debaixo do mar, etc.

Despois de descubrir que en pleno Barrio Vermello hai sitio para unha igrexa ou que a circulación en bicicleta ten as súas propias normas en Ámsterdam, agarda unha última sorpresa. Para poñerlle a guinda a esta visita alternativa a Ámsterdam, nada mellor que unha dose de adrenalina. Queres subir na randeeira máis alta de toda Europa? Combate a vertixe e achégate á A’DAM Toren. Nas súas prantas superiores agarda por ti o mirador A’DAM Lookout.  A 100 metros de altura, fronte á Amsterdam Centraal. De volta ao punto de partida.

Máis info: iamsterdam.comamsterdam.info / disfrutaamsterdam.com

@Ce_FerSan