Anti-tendencias que son flor dun día (e grazas)

O pelo sucio chega ás pasarelas con Prada

As pasarelas, os catálogos de moda, os editoriais e a Internet son prescriptores de tendencias, esas que logo habemos de seguir, adaptar ou simplemente mandar ao caixón do esquecemento. Menos inofensivas son as chamadas “anti-tendencias”. Porque malia que non teñan base e a súa orixe sexa unha idea máis ben peregrina, con elas non só se pon en tela de xuízo o bo gusto, senón a etiqueta social, a hixiene e mesmo a saúde de quen as segue.

Levar o pelo azul ou rosa cuarzo, atreverse cuns pantalóns palazzo ou cuns mom jeans, pintar cada uña dunha cor ou facer unha tatuaxe entran dentro da categoría das tendencias. Chegan, pasan, esquécense e volven a chegar. Son transgresoras, provocadoras, exóticas, cursis, ridículas… pero nunca daniñas.

Cousa distinta son outras modas efémeras que, ademais de seren controvertidas, poden poñer en risco a seguridade e a integridade física d@s ousad@s que as adoptan. Non falamos de usar plataformas ou tacóns que desafían as leis da gravidade. Tampouco deses skinny jeans que ameazan a existencia de vida intelixente na entreperna dalgún mod ou hipster… As anti-tendencias son o cabalo de batalla de moit@s profesionais da medicina e da estética que se afanan por lembrarnos os perigos que conlevan.

Aló polo 2013 coñecimos unha das primeiras polémicas xurdidas ao abeiro de webs de estética de dubidoso crédito: usar champú para cabalos co obxectivo de conseguir un pelo máis lustroso. Desde entón, a lista de anti-tendencias non deixou de medrar.

Anti-xampú + pelo lixoso

As modelos de pasarela locen o pelo sen lavar
Parece que Prada se afeccionou ao cabelo graxo

Primeiro tomamos conciencia do efecto prexudicial que algúns parabenos poden ter para a nosa pel e fomos pasándonos a outras fórmulas “máis naturais”. E, ben sexa por suxestión ou por un concepto un tanto estrano da limpeza persoal, o “hipsterismo” (e o histerismo) iniciou o movemento “No Poo”, que profetizaba a fin do xampú en prol da auga a secas. Nada que os hippies non tivesen falado xa.

Mais desde fai un par de anos o debate instalouse mesmo no mundo blogger e acadou o seu punto álxido no 2015, cando as pasarelas lle declararon a guerra á limpeza capilar. Que viva a graxa e a sucidade, parecían dicir as modelos de Marc Jacobs no catálogo para a primavera-verán. Prada, Marni, Miu Miu non dubidaron en sumarse a esta anti-tendencia que, sen embargo, non tivo moita repercusión nas rúas.

A raia do ollo con lapis de cor

Velaquí unha boa mostra de que a necesidade agudiza o enxeño. No é que os lapis de ollos sexan dos produtos cosméticos máis careiros, pero cando se trata de aforrar, semella que todo vale. Por iso, fai uns meses deron en agromar blogs e canais de Youtube nos que se presentaban titoriais de maquillaxe nas que se empregaban lapis de cor (de madeira, eses que tod@s levabamos á escola) para repasar o contorno das pálpebras.

Malia que o seu aspecto externo é ben semellante, @s expert@s avísannos de que non son en absoluto equivalentes ou intercambiables. Por moito que o material escolar estea sometido a controis exhaustivos para garantir a súa seguridade, iso non significa que non sexa nocivo no caso de darlle outro uso. Por exemplo, a súa madeira non está tratada para que ao afialos non se produzan lascas, que poden irritar o ollo e mesmo causar infeccións. De feito, a dermopatóloga Adriana Ribé advirte que “ao empregar sobre a pel da cara substancias non aptas para ese uso poden aparecer irritacións ou alerxias”.

Ceras infantís para uns beizos coloridos

Postos a experimentar coas pinturas da escola, por que non aplicar as ceras de cores sobre os beizos? Vloggers como Madisratt amosan nos seus canais virtuais como preparalas para que o resultado sexa o desexado. O truco, segundo ela, é sinxelo: abonda con engadir un chorro de aceite de coco.

O uso de ceras de cor nos beizos é unha anti-tendencia
A maquillaxe é cousa de nen@s

@s afeccionad@s a esta forma de maquillaxe DIY argumentan que se as pinturas son aptas para nen@s, que probablemente as chuchen e roian, iso significa que tamén o son para adult@s. Lauren Walker, unha gurú americana desta anti-tendencia, vai un paso máis aló e aventúrase a afirmar que as cores de cera son “máis seguras que o seu equivalente en forma de lapis de beizos”.

@Ce_FerSan / Fotos: Instagram @miumiu @prada