Ao lixo cos propósitos para o novo ano!

Dietas, traballo e outros propósitos frustrados

Como San Xoán e as cacharelas purificadoras, o cambio de ano ten moito de terapéutico. Marca un punto de inflexión, un momento de catarse entre individual e colectiva. E se na noite do 24 de xuño é tradición escribir nun papel todo o negativo para velo arder no lume, na do cabo de ano son moit@s @s que fan a súa particular lista de propósitos para comezar o novo con bo pé.

Perder peso, apuntarse a algunha actividade, atopar un traballo ideal: velaí a santísima trinidade dos obxectivos persoais que tant@s se marcan cada 31 de decembro. A fin de ano semella ser o momento ideal para volver a vista atrás, facer análise de conciencia e, se cadra, propósito de emenda. E é que antes de recibir o ano case é inevitable ter un arranque de nostalxia pensando en todo o bo e o menos bo que aconteceu nos últimos 12 meses, agardando que se repita… ou non.

Mágoa que -xa sexa pola euforia propia do día ou pola falla de realismo nas metas- as boas intencións da noite máis trouleira vaian perdendo forza á mesma velocidade có champán aberto a véspera. Adeus réxime da piña, adeus clases de ruso para cegoñas, adeus sábados tranquilos (que hai que ir formalizando), adeus, adeus…

Así, á euforia inicial tende a sucederlle a desilusión e mesmo a frustración de comprobar que as semanas van pasando sen que haxa progresos no cumprimento deses particulares compromisos adquiridos. Fernando Bermejo, do Instituto de Psicoloxía PSICOMED, apunta que

Malia que é positivo marcarse obxectivos e tentar medrar como persoas, isto pódese volver na nosa contra cando nos propoñemos cambios inacadables ou que, unha vez acadados, deixan de ter valor para nós, pois isto conducirá á insatisfacción e á sensación de fracaso.

De aí que, chegado o ecuador de xaneiro as listas rematen feitas unha bóla no fondo do lixo. Ata o próximo decembro non volveremos pensar en todos eses propósitos que nalgún momento cremos que habían de nos garantir a felicidade. A idea de ir ao ximnasio nin nos parece factible nin necesaria. Saber idiomas sempre axuda, pero cos milleiros de persoas que non falan máis ca unha lingua… o bilingüismo poida que estea un chisco sobrevalorado. Adelgazar? Pero se o “fofisanismo” é a nova delgadez! E así dunha noutra ata caermos nunha especie de autocomplacencia que nos axude a xestionar ese pequeno fracaso que é para nós a inconstancia.

Reescribir a lista de propósitos

Posto que a falla de realismo e o alto nivel de auto-esixencia son as principais causas do incumprimento dos obxectivos para o novo ano, poida que a solución sexa axustar a perspectiva. No canto de nos lanzar cada 31 de decembro á persecución do noso “eu” ideal, desde o gabinete de psicoloxía CBP Psicólogos suxiren que:

  • Sexamos máis práctic@s que utópic@s e adaptemos os propósitos ás nosas circunstancias
  • Marquemos limiares modestos e, polo tanto, máis doados de conseguir
  • Prioricemos os pequenos avances no canto de preocuparnos por non ter chegado todo o lonxe que quixeramos
  • Busquemos alternativas á hora de conseguir un mesmo obxectivo, de xeito que se unha delas non resulta sempre teñamos outro camiño para tentalo
  • Nos comprometamos co noso desenvolvemento persoal e que traballemos para conseguir a felicidade nas pequenas cousas

@Ce_FerSan