Que lonxe quedan os días nos que as citas a cegas eran unha excitante maneira de buscar o amor… ou o que xurdise. Despois de que as webs de contactos se fixesen co poder e o speed dating e as apps de moceo (mellor non falar da sempre controvertida Tinder) tomasen o relevo, no horizonte do amor post-moderno vén de aparecer unha nova fórmula: viaxes para solteir@s. Unha oda ao desexo de aventura (sentimental).
Mesturar destinos exóticos e viaxeir@s abert@s a intimar con outr@s viaxeir@s non é un concepto novidoso. Hai algo máis típico que os romances de verán, os frechazos en aeroportos ou os flirts macarrónicos con estranxeir@s? E é que as vacacións, esa desconexión temporal da realidade do día a día, coa súa dose de relaxación, desenfado e benestar fan rebulir as nosas endorfinas.

Pero se agardar a que a casualidade nos poña o amor no camiño e a reacción química con ese(s) outro(s) seres especiais se produza semella demasiado azaroso, xa existe unha plataforma de moceo online que nos axuda a darlle un empurrón ao proceso. Acabouse fantasiar con coñecer alguén durante unha escapada. A web MissTravel transfórmao en realidade (máis ou menos).
A súa misión: poñer en contacto a singles viaxeir@s que buscan compañía para compartir a súa próxima aventura e, quizais, algo máis á volta. Mais, ao contrario das páxinas de moceo ao uso, que se limitan a servir de canle de comunicación entre solteir@s, MissTravel convída@s a pasar á acción e programar rutas xunt@s. Á fin de contas, “viaxar é un xeito estupendo de namorarse e unha proba fundamental para unha relación”, sostén Hannahmae Dela Cruz, portavoz de MissTravel.
Ao darse de alta, @s usuari@s teñen a posibilidade de crear unha proposta de viaxe (co lugar e punto de partida, que facer durante a estancia, o tempo de duración desta) e agardar a que alguén se interese por ela. Iso si, unha vez conectad@s -e antes de poñer rumbo ao sitio escollido-, nunca está de máis intercambiar a información persoal básica para asegurarse de que o plan non se converte nun fracaso anunciado.

Como en calquera cita a cegas, o momento clave é, sen dúbida, o do encontro no aeroporto, a estación ou a parada de turno. Risas nerviosas e conversas triviais para romper o xeo están aseguradas. Só queda cruzar os dedos para que @ potencial namorad@ cumpra coas expectativas xeradas. Se non, será cuestión de seguir buscando. Hai moitos peixes nas augas do amor 3.0.
@Ce_FerSan | Fotos: misstravel.com