Apropiación cultural, ou o comercio (in)xusto da moda

A sombra da apropiación cultural na moda é longa

No ano 2015, a liña Étoile de Isabel Marant ocupou durante semanas os titulares da prensa internacional. O interese espertado, porén, pouco ou nada tiña que ver co plano estritamente creativo. Ou si. Marant, por aquel entón unha estrela emerxente do prêt-à-porter adorada por unha marea de celebrities, viña de ser acusada de plaxio pola comunidade de Santa María Tlahuitoltepec (Oaxaca, México).

No apoxeo da súa popularidade, Marant atallou a polémica desculpándose e gabando o mérito das bordadoras indíxenas. Legalmente, non houbo caso. A blusa mixe imitada foi considerada de dominio público, pois non contaba con dereitos de autor nin estaba rexistrado seu deseño e modelo, polo que era susceptible de ser tomada como inspiración. Non se emprenderon accións xudiciais contra a marca, mais a alongada sombra da apropiación cultural seguiuna acompañando.

Desde entón, acusacións similares agroman periodicamente e avivan un debate, o do tratamento que na industria téxtil se fai dos elementos distintivos das comunidades indíxenas ou “minorizadas”, tan urxente como delicado.

As prendas que vestimos non só teñen unha dimensión pragmática, protexendo os nosos corpos dos rigores da natureza, senón tamén simbólica. A moda é unha canle de comunicación, transmite mensaxes e contribúe a modelar identidades. Proba diso é que cada grupo, cada etnia, cada pobo ou nación posúe unha vestimenta tradicional, unha estética determinada, que identifica aos seus membros como tal. Esa roupa é, en definitiva, depositaria da herdanza cultural recibida.

O impacto da globalización económica na moda fixo que esa función fose mudando e deixando paso a unha tendencia á estandarización (principalmente en Europa e Estados Unidos). O vencello entre a tradición e o vestir segue sendo forte, sen embargo, en comunidades aborixes que manteñen unha certa impermeabilidade ao avance capitalista, xa sexa a causa do seu illamento físico ou da pervivencia nelas dunha certa conciencia étnica.

Mais nunha industria cuxo ritmo de produción impón unha busca constante de novidades e o exótico é un valor en si mesmo, as culturas remotas constitúen un rico caladoiro no que aprovisionarse. Tanto as pasarelas como os andeis das tendas low cost énchense temporada tras temporada de prendas con motivos nos que non custa demasiado recoñecer referencias á tradición d@s nativ@s norteamerican@s, @s masai ou @s inuit, por exemplo.

Bimba y Lola é unha das firmas acusadas de apropiación cultural
Vestido da campaña P/V 2017 de Bimba y Lola, #THISISMASAAI

Todas elas, manifestacións culturais extirpadas do seu contexto orixinal, estereotipadas e reducidas a meros statements de moda. Hai marcas que prefiren falar de tributos rendidos ao traballo dos grupos étnicos nos que se inspiran. Porén, a liña que separa a apropiación cultural da homenaxe é demasiado fina como para forzala.

Desde a perspectiva occidental -branca, de clase media ou media-alta, a dominante na roda da Historia-, poucas veces se dá unha reflexión honesta sobre como eses xestos se perciben no outro lado do espello, no lado d@s representad@s . Porque a adopción e banalización de elementos alleos, coa conseguinte pérdida de significado dos mesmos non é senón unha práctica enmarcada nunha dinámica de poder centenaria.

Baseada na exotización dos trazos indíxenas, reducíndoos a un estereotipo manexable, a supremacía das posicións dominantes queda reforzada. E, pola mesma, estas séntense libres e coa lexitimidade necesaria para facer súas -a miúdo occidentalizándoas- as formas de vida das forzas “minorizados” (que non minoritarios). Sen pedir permiso e sen seren obxecto de censura.

E así, xérase unha relación asimétrica entre ambas. Que as dominantes imiten as dominadas é unha reivindicación da súa superioridade, dos seus privilexios. Se o vector da estratexia fose de signo contrario, falariamos dunha mostra de submisión, dunha vontade de asimilación para garantizar a supervivencia nun espazo hostil.

A aniquilación cultural, ás veces tamén física, á que se enfrontan na actualidade numerosas comunidades aborixes fai deste tipo de apropiación indebida unha cuestión aínda máis lacerante, unha mostra de insensibilidade racial.

Fronte á apropiación cultural, comercio xusto

Alén de cuestión de orde legal, existe cada vez unha maior conciencia da inadecuación destas prácticas. De que construír a imaxe dunha marca sobre referencias extraídas dunha cultura allea non é apropiado e, o que é máis, resulta ilexítimo.

Desde a asociación de apoio aos pobos indíxenas Survival International, puntualizan que o camiño para unha relación equilibrada entre a moda como industria e estes comeza por conseguir “o beneplácito e consentimento libre, previo e informado”, co obxectivo de “ofrecer unha imaxe real sen estereotipos racistas e prexuízos, que poña en contexto a súa loita polas terras e modos diversos de vida”.

Para iso, o pobo masai -un dos grandes damnificados polo uso e abuso da súa imaxe, véxase a campaña de Valentino de 2016– conta xa coa Iniciativa de Propiedade Intelectual Masai. Isaac Ole Tialolo, un dos seus líderes, insiste en que é preciso xerar conciencia sobre a apropiada utilización das referencias por parte das compañías internacionais, de xeito que os beneficios da explotación repercutan tamén na comunidade.

É preciso involucrar a esta no proceso de explotación comercial dos seus recursos tradicionais, en sinal de recoñecemento. Os seus membros deseñaron ou herdaron os deseños en cuestión. Seu é a sabedoría e a comprensión sobre o que eses símbolos significan, explica a asociación Native Appropriations.

Tal é o caso do deseñador brasileiro Oskar Metsavaht, cuxa firma, Osklen, empregou estampados con adaptacións de tatuaxes e teas tradicionais da tribo ashaninka pagando por facelo. Ou o de Christian Louboutin, quen lanzou na primavera de 2017 o bolso Mexicaba, con motivos aztecas e elaborados por artesás da Península do Yucatán. Un 10% das ganancias obtidas foi destinado a elas.

Louboutin traballa contra a apropiación cultural na moda
“Traballar coa máis marabillosas artesás é algo natural para min”, di Louboutin

Mentres hai voces que sosteñen que as denuncias por apropiación cultural son unha mostra do dominio do politicamente correcto no eido público, escoitar os testemuños das persoas pertencentes ou vencelladas aos pobos afectados abonda para comprender que isto nada ten que ver coas aparencias. É unha cuestión de respecto e de xustiza, canto menos, moral.

@Ce_FerSan | Instagram @alanui_ , @mireiaysuscosas, @louboutinworld