Arreglad@ pero informal? O athleisure está de moda

O athleisure fixo do chándal a prenda fetiche

A roupa de deporte non é só cousa do ximnasio e das tardes preguiceiras tirad@ no sofá. O chándal e cía. brillan agora con luz propia, elevados ao altar dos musts de temporada. É o imparable ascenso daquela vella noción do “arreglado pero informal”, recuperada nos últimos anos por grandes firmas e cadeas de moda, e formulada a golpe de neoloxismo. Athleisure é o novo concepto clave no vocabulario fashionista.

No número de agosto de New York Magazine, Véronique Hyland publicaba un artigo baixo o máis ca crítico título “Is the Athleisure Bubble About to Burst?” (“Está a piques de estoupar a burbulla do athleisure?”, en galego). Nel cuestionaba a validez moral da comercialización de roupa ordinaria a prezos de luxo, poñendo como exemplo os leggings a 300 dólares. Mais moral ou non, sexa de alta ou de baixa gama, a indumentaria deportiva leva anos gañando terreo no horizonte das tendencias, e semella que en 2015 e 2016 acadou a súa particular cima.

O athleisure leva á rúa a roupa deportiva
A comodidade é o principio que inspira esta tendencia

Moito choveu desde que Juicy Couture rachara os esquemas do bo gusto cos seus conxuntos de chándal en felpa con cazadoras curtas e pantalóns de tiro baixo que deixaban o embigo ao aire. Sensualidade raiando en vulgaridade que fixeron súa celebrities como Paris Hilton, Nicole Richie ou Britney Spears, pero que non tardou en adoptarse na rúa. Cuns centímetros máis e algo menos cinguida, a prenda deportiva por excelencia adquiriu carta de cidadanía no mundo da moda.

Tres lustros máis tarde, Alexander Wang e Demna Gvasalia (Vetements) son os seus principais defensores. H&M aposta con man firme pola súa liña fitness apoiándose na imaxe de Caitlyn Jenner. Stella McCartney deseña tenis e suadoiros para Adidas, Beyoncé para Topshop, Rihanna para Puma. Mark Parker, CEO de Nike, non dubida en afirmar que “os leggings son o novo denim“.

Athleisure é a máxima expresión do normcore
Chaquetas, zapatillas, pantalóns…: esta temporada, todo ten aires deportivos

Pero que significa en realidade “athleisure“? É unha combinación de “athletic“, atlético, e “leisure“, lecer, é dicir, o gusto por vestir de xeito relaxado, con prendas propias da práctica deportiva aplicadas a contextos nos que ata non fai moito estas estaban vetadas. Así, o roupeiro d@s que seguen esta tendencia está poboado de chaquetas bomber, leggings, zapatillas, bolsas de ximnasio ou camisetas cropped. Vestido con ironía, con rebeldía, mesturado con prendas elegantes, refinado, nunha palabra, o chándal é o seu rei.

O universo fit, coma o foodie, ocupa un espazo crecente na Internet. Instagram está cheo de perfís inspiradores con posturas de ioga, carreiras polo parque, táboas de exercicios en paisaxes incribles e outras tantas actividades que dan ganas de poñerse en forma… ou de admirar na distancia a quen o está. Trendsetters como Gigi Hadid, Kendall Jenner, Karlie Kloss ou Alessandra Ambrosio son algunhas das gurús deste particular movemento. Elas son os apóstolos do athleisure, as encargadas de dar a coñecer a boa nova: mens sana in corpore sano (e con roupa especificamente deseñada para a ocasión).

@Ce_FerSan / Fotos: Instagram @adidaswomen, @karliekloss, @kendalljenner