As cellas convértense no novo fetiche estético

As cellas pisan con forza

Hai quen afirma con rotundidade que son os novos beizos. Sen entrar en comparacións, o que si é indubidable é que as cellas -e as pestanas, en menor medida- están a gañar un enorme protagonismo nos últimos anos. A tiranía da depilación extrema rematou, e con ela a moda de lucir cellas elevadas á súa mínima potencia. É a liberación definitiva da estética facial. Porque onde hai pelo, hai alegría…

Os anos 90 foron o terreo de combate de dúas tendencias estilísticas de signo oposto: as cellas bold e as moi perfiladas. Entre a Madonna de escándalo que sorprendía cun cabelo osixenado en contraste cunha mirada natural no seu moreno orixinal e a Pamela Anderson de rasgos ultra definidos mediaba un abismo. Foi esta última a que logrou impoñer a súa opción, consagrando definitivamente a ditadura das pinzas de depilar.

Mais a nostalxia d@s especialistas en maquilaxe recuperou para a causa das pasarelas do novo milenio a ollada au naturel, a cella salvaxe, o culto á espontaneidade.

As cellas finas comezaron a seren cuestionadas a primeiros desta década, e moi pronto Balmain, Derek Lam ou Erdem apostaron nos seus looks de desfile por modelos con elas mestas. Era 2012 e as marcas respondían así á onda expansiva xerada pola revelación do ano: Cara Delevingne.

Cara Delevingne destaca polas súas cellas
As cellas densas son o sinal de identidade da modelo inglesa

A musa de Karl Lagerfeld é a abandeirada da tendencia que este 2017 está a causar sensación: as bushy brows ou cellas grosas e densas.

Proba do protagonismo desta zona do rostro é o auxe de liñas de cosméticos especialmente indicados para o seu coidado e protección. Aínda que a miúdo o esquezamos, tamén require hidratación e mantemento. Potenciar o espesor, peitealas e maquillalas forma parte da nova rutina de beleza. Benefit é unha das marcas líder neste terreo, grazas sobre todo aos seus brow bars (pequenos locais de depilación e preparación de cellas, ao estilo dos nail bars para as unllas). The Lab Room comercializa tamén bálsamos específicos para o seu tratamento, orientados sobre todo a paliar os efectos da depilación excesiva e a perda de densidade por culpa do estrés ou os cambios hormonais.

Cellas que desafían a lóxica

Dentro deste renovado interese por potenciar as cellas, tamén existen variantes e correntes. Se a estética Delevingne segue a dominar (secundada por personaxes como Lily Collins, as irmás Olsen, Arizona Muse ou Leandra Medine), están a xurdir propostas que van un paso máis lonxe. Réndeselle culto, por exemplo, á cella única -considerada durante décadas pouco menos que unha aberración estética- Adrien Sahores para Levi’s demostra que os homes están dispostos a abrazar con gusto esta opción. Lennon Gallagher ou Taylor Hill tamén a cultivan.

A cellas de Leandra Medine son mestas
A fundadora de Man Repeller prefire as cellas naturais

Mais o triple salto mortal no seu tratamento represéntao a tendencia made in Instagram iniciada de xeito involuntario pola maquilladora finesa Stella Sironen: as cellas-pluma. Peiteando os pelos en direccións opostas e marcando ben a raia do medio, conseguiu non só chamar a atención, senón orixinar todo un debate arredor da maquillaxe artística nesta delicada zona.

Desde Finlandia, chegan as cellas de pluma
Cellas con forma de pluma? Si, é posible

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @hm, @leandramcohen, @stella.s.makeup