As sementes coróanse como os “superalimentos” máis in

Xa fai tempo que palabras coma “quinoa” ou “chía” deixaron de soar coma termos dunha lingua exótica. E é que as sementes, grandes esquecidas do universo gastronómico,  non deixan de gañar peso nunha sociedade, a nosa, cada vez máis preocupada por unha alimentación healthy.

Moitas delas atópanse incluídas dentro dos chamados “superalimentos” (un termo que non é tan utilizado por científic@s como por blogueir@s ou xornalistas, facendo referencia a alimentos que malia non ter unha función curativa si que axudan a coidar a saúde), ideais para garantir o noso benestar ao tempo que conquistan o noso padal. O auxe destas pequenas grandes fontes de enerxía vén do estudo a fondo das súas propiedades e da recuperación de antigas tradicións culinarias. As receitas a base de sementes multiplicáronse nos últimos anos, xogando un papel cada vez máis importante nas cociñas de medio mundo. Pasen e vexan.

Sésamo

A planta do sésamo procede de África e da India, pero o seu valor nutricional innegable fai que estea estendida por todo o mundo. É fonte de manganeso, cobre, calcio, fósforo, ferro, Omega-3 e Omega-6 ou vitamina B1, entre outras. Ademais, axuda a previr o colesterol e a osteoporose. Na cociña, un truco para cociñar as sementes de sésamo é torralas e utilizalas logo en ensaladas ou na preparación de pan caseiro.

O sésamo é unha das sementes de moda
O sésamo ofrece centos de posibilidades de preparación, mesmo como complemento do hummus

 Sementes de chía

A chía, que fora un alimento básico na civilización maia e azteca, está sendo redescuberta e son cada vez máis @s adept@s que exaltan os seus beneficios: conteñen unha gran cantidade de fibra, proteínas e antioxidantes. E o mellor: están repletas de ácidos graxos Omega-3. Ademais, o seu consumo diminúe o risco de padecer diabetes ou enfermidades coronarias, axuda a combater o colesterol “malo”, reduce a dor das articulacións e protexe o fígado. Por se aínda houbera dúbidas, hai que dicir teñen un sabor semellante ó das noces e non conteñen glute!

Sementes de liño

Ademais de axudar a regular o colesterol, axudan a adelgazar, evitan o estrinximento  e resultan un grande aliado contra os catarros, que xa comezan a afectar nesta época do ano. Adorado por famos@s e tamén polo común d@s mortais, o liño ten a vantaxe de que se pode comer con case todo, sendo especialmente saboroso en sopas, sobremesas e mesmo os tan de moda –e certamente deliciosos- smoothies.

Sementes de papoula

A preciosa flor vermella contén un segredo oculto: nin máis nin menos cás súas sementes, moi ricas en calcio e que actúan como antioxidantes naturais, previndo o envellecemento. Son moi comúns as infusións de papoula, que axudan á relaxación, polo que son ideais en épocas de estrés.

As sementes de papoula son usadas en pastelaría
En apetitosas sobremesas atopamos outra maneira de consumir sementes de papoula

Quinoa

Ten a súa orixe en América do sur, en concreto nos Andes, e quizais sexa unha das máis coñecidas. Non é para menos, xa que o seu sabor, e, sobre todo, as súas propiedades, aválana: axuda a manter a figura grazas ao seu efecto saciante, e contén ferro, fibra, fósforo e aminoácidos especiais. Case nada!  A quinoa cócese antes de consumila e pódese usar en ensaladas ou a xeito de acompañamento. Un substituto ideal do arroz.

María Losada