As versións de hits arrasan (e sen pasar polo karaoke)

Triunfan os grupos que fan versións

Todo éxito musical ten a súa restra de versións. Semella un principio non escrito. Xa sexan fieis ou máis ben paródicas, veñen confirmar o tirón mediático do tema en cuestión. Non é que sexa nada novo (só hai que lembrar o célebre Times goes by con Loli da Terremoto de Alcorcón, que esnaquizou no 2006 o Hung up de Madonna, por exemplo), pero a paixón actual por todo o vintage está a facer dos revivals musicais un imprescindible nas nosas playlists.

Na crista da onda están unha manchea de grupos que foron xurdindo nos últimos anos e que se dedican practicamente en exclusiva a facer seus eses temas que pertencen xa á memoria colectiva. Espírito “karaoqueiro” elevado á máxima potencia e bo humor son as claves do seu éxito. Así que esta primavera-verán toca cantar desde as Spice Girls a Nancy Sinatra, pasando polo incombustible Gagnam Style. De Vacas e The Tetas’ Van teñen moita culpa diso.

Coolt.- Como definiriades a vosa achega ao universo dos covers? Kitsch cun punto “agro-pop”?

De Vacas.- A verdade é que non saberiamos definilas. Nacen da necesidade de cantar xuntas e de pasalo ben, se despois a alguén lle apetece poñer unha ou outra etiqueta, benvidas sexan. “Agro-pop”? Por que non! Pero se nos dixeran “urban-tradi” tamén nos valería, ou “moderno-galaico”… Hai tantas posibilidades coma vacas a pacer.

C.- Tendes algún criterio á hora de elixir o repertorio? Pensades nalgún público en concreto ou o prefirides tirar de memoria musical persoal?

D. V.- Criterio ningún…Partimos de memoria musical persoal, que é a mesma que a da maior parte do público e está composta sobre todo polo imaxinario da tele, da radio e, nos últimos anos, das redes sociais.

De Vacas é un dos grupos de versións que triunfan
De Vacas mesmo lle poñen música ao Festival de Cans 2016

C.- Ás veces penso que as versións de cancións sonlle á música o que o upcycling á produción industrial: un xeito de darlle unha nova oportunidade a un material que quedou fóra da circulación.

D. V.- Revisamos temas que tiveron unha gran repercusión no seu momento e levámolas a outro lugar, ao noso lugar.

Somos da xeración que venerou as Spice Girls por imperativo mediático.

Non queremos renegar desa realidade, estivemos moito tempo diante do espello practicando as coreografías e aprendendo “guachinei” -que é un idioma complicadísimo- e cremos que é unha cuestión de responsabilidade compartilo.

C.- O estilo De Vacas, que convida sen dúbida a unirse a vós e facervos os coros, ten algo de catarse colectiva. Poida que @s máis vergoñent@s descubran grazas a iso o irresistible encanto do karaoke, ese invento que esperta sentimentos de amor e de odio a partes iguais.

D. V.- Pensamos que o encanto está en cantar, ben ou mal, non debe haber vergoñas. Todas temos cordas vocais e respiramos, levamos o instrumento dentro e podemos usalo. Sempre se cantou como experiencia colectiva, é moi saudable. As respiracións acompásanse, as pulsacións reláxanse, segregas partículas de amor que facilitan o entendemento. As Vacas levámonos moi ben porque levamos moitos anos coreándonos. Queremos compartilo co público e facelo partícipe.

The Tetas' Van levan 5 anos de éxitos versionados
A fórmula de The Tetas’ Van? Concertos cheos de enerxía + letras comprometidas

Coolt.- Non é que o de facer covers sexa novidoso –e Youtube é boa proba disto-, mais no panorama español e galego en particular cada vez sodes máis os grupos que estades a acadar o éxito mediante esta fórmula. Cal é o segredo?

The Tetas’ Van.- Non sabemos cal é o segredo. No noso caso foi algo casual. Xuntámonos por unha proposta de Lore (a nosa batería) e a súa parella, David, e cada unha de nós falou da música que lle gustaba e propuxemos temas, fixemos letras e outras mandáronnolas á web. As cancións que tocamos son temas que nos gustan por un motivo ou por outro, e temas que sabemos que todo o mundo coñece. Despois vén o máis “guai” de todo, que é darlle a forma que nós queiramos e adaptalo ao noso estilo.

C.- Tendes medo a que vos etiqueten como unha “banda de versións” ou esa mestura vosa tan particular de discurso feminista e postas en escena cheas de enerxía vai máis aló de calquera denominación?

T. T. V.- Non temos medo ás etiquetas. Somos conscientes de que cada persoa ten dereito a opinar e a que lle gustemos ou non, e haberá quen nos etiquete dunha cousa ou doutra.

Temos moi claro que somos feministas, que temos unha lingua propia que nos enche de cultura e dunha realidade distinta da do resto do país e sentimos a necesidade de transmitir cousas no escenario; e temos moita enerxía, fundamentalmente porque nos entendemos e nos respetamos moito entre todas.

C.- Sentides a necesidade de elaborar material propio, de darlle a The Tetas’ Van algo de seu, como fixeron Luís Tosar e cía. en The Ellas?

T. T. V.- Por suposto que nos gustaría -ademais temos no grupo a María Mendoza, que é compositora-, pero non temos tempo. Somos nais, profesionais, estudantas, fillas, etc. Durante a semana estamos cada unha nun sitio distinto e as fins de semana temos moi pouco tempo para ensaiar. O que facemos é darlle o noso toque ás versións que facemos, tanto musicalmente (o ritmo, o estilo, etc.), como nas letras, que tratamos de traducir ao galego para denunciar ou reivindicar algo.

C.- Facer versións de cancións coñecidas polo gran público pode ser unha boa rede de seguridade á hora de comezar unha andaina no eido musical. Ou un lastre, segundo se mire. Ata que punto pesa a responsabilidade de ter que estar á altura da canción orixinal?

T. T. V.- Como diciamos antes, somos conscientes de que hai xente que critica o tema de facer versións. Nós temos un repertorio apto para todo tipo de público e sabemos que as nosas cancións son moi agradecidas e moi bailables, divertidas e que todo o mundo as coñece. Quizáis sexa máis doado comezar así, pero temos claro que The Tetas’ Van funciona por algo máis: funciona pola enerxía do grupo e pola boa onda  que se transmite desde o escenario ao público.

@Ce_FerSan / Fotos: Facebook facebook.com/De_VACAS / faceboo