Aviso: desexarás quedar a vivir en Melbourne

Melbourne foi declarada a mellor cidade para vivir en 2017

A finais de 2017, The Economist publicaba a súa xa clásica lista das cidades máis apetecibles para vivir. Á cabeza, nin Helsinqui nin Copenhaguen nin Estocolmo. Fronte ao fervor hygge que anega a conversa mediática, Melbourne reclamaba por sétimo ano consecutivo o trono en materia de habitabilidade. Un estilo de vida nos nosos antípodas… ou non tanto. A curiosidade por descubrilo guíanos nesta viaxe á outra punta do mundo (literalmente).

Australia ten algo de mítico para nós, habitantes do hermisferio norte cuxos antepasad@s estaban convencid@s de que na metade oposta do globo a xente andaría a escorregar. A excitación por atravesar o ecuador, por variar de estación en apenas unhas horas únese no noso pensamento a esa imaxe salvaxe, inhóspita, dunha natureza radical que temos deste país. Mais se o obxectivo da viaxe é conseguir unha morea de selfies con canguros e coalas, ollo!, Melbourne é o destino equivocado.

A eterna rival de Sydney -aínda que as comparacións sexan odiosas- e segunda cidade australiana en número de habitantes é coñecida polo seu ambiente cosmopolita, divertido e cunha axenda de eventos que nada ten que envexarlle á capital. A oferta é tan ampla que fai confluír nas súas rúas unha curiosa mestura de amantes dos deportes máis variados, da moda e todo un exército de xente de negocios.

Melbourne é berce de tendencias e de contrastes, con bares e restaurantes ultramodernos que conviven con edificios de estilo vitoriano en perfecto estado de conservación ou co tradicional servizo de tranvía.

Melbourne é un bo lugar para visitar... e vivir
Tranvía ao seu paso pola estación de Flinder’s Street

Malia que as dimensións desta urbe fagan dela un exemplo de lugar humanizado, apto para ser percorrido a pé, o propio tranvía pódese converter nun aliado excepcional á hora de familiarizarse con ela nunha visita rápida. Nada como coller o City Guide, un circular que ofrece un tour turístico gratuíto alternativo aos clásicos autobuses convertibles para estranxeir@s.

Para explorar por orde, partimos do corazón mesmo de Melbourne. O trazado das súas rúas sorprenderate, pois hai toda unha chea de rúas estreitas ou laneways que van desembocar en amplas avenidas, esas onde bule a actividade e se pode tanto tomar un café como asistir a unha jam session pola noite.

Se Federation Square é o centro neurálxico da cidade, o Southbank é o punto de reunión d@s locais. Á beira do río Yarra e cunhas incribles vistas, non é de estrañar que alí se xunten cada tardiña desde executiv@s do populoso distrito financeiro ata músic@s, artistas, performers… E así, o ecosistema do Southbank acolle galerías de arte a carón de casinos.

Southbank é das zonas máis populares de Melbourne
Así de ideal é unha tarde en Southbank

Moi preto, en South Yarra, érguese Chapel Street, o couto do luxo, coas súas boutiques e tendas de marcas exclusivas. Case o polo oposto de Grenville Street, coñecida pola manchea de locais de roupa vintage, discos ou complementos de segunda man. Tal é a zona de Prahan, base de operacións da comunidade hipster en Melbourne e un dos barrios con máis proxección internacional de toda Australia.

Honrando o seu pasado -e presente- multi-cultural, entre Fitzroy Street, Acland Street e Brunswick Street pódense atopar restaurantes e bares de moda onde non falta un toque étnico e as cociñas do mundo teñen a súa representación.

E falando de comida, que mellor que facerlle unha visita con vagar ao Queen Victoria Market. Por suposto, a súa rica oferta en produtos frescos é un enorme reclamo, pero non é o único. Disque os doces da súa pastelaría son un popular obxecto de desexo. Como a Willy Wonka Factory, lugar de peregrinación para fans de Roal Dahl… e Johnny Depp.

O Queen Victoria Market é parada obrigada en Melbourne
O Queen Victoria Market énchese de vida a calquera hora do día

Outros grandes reclamos de Melbourne son as citas deportivas, como o Open de tenis de Australia, o GP de Australia de Fórmula 1 ou os campionatos de cricket. Pero despois de tanta andaina e esmorga, mellor adiámolas para a próxima visita. Porque haber, haberaa.

Máis info: visitmelbourne.com / melbourne.vic.gov.au / melbournetouristinformation.com

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @jannieoc, @joycee_yin, @emilyyyland