Axenda de abril

O noso lema para o mes que comeza ben podería ser “en abril, plans mil“, levando ao terreo do entretemento o refraneiro meteorolóxico. Porque o certo é que nin a primavera co seu tempo cambiante será quen de amolarnos a axenda de abril.

O abano de propostas promete convencer mesmo a vontades esixentes,  cunha selección estratéxica que se seguro amenizará o lecer das semanas que temos por diante. Hai citas comprometidas -xa sexa co medio ambiente ou cos dereitos civís-, plans de cine, e suxestións cun marcado acento internacional.

A primavera poida que nos altere o sangue, pero o desexo de espremer ao máximo o tempo libre está intacto. Fagamos, pois, oco para esta axenda de abril tan especial.

II Maratón de reciclaxe textil creativa

Participa nunha maratón de reciclaxe de roupa

Grazas a iniciativas coma esta de La Casa Encendida, abril está a se consolidar como o mes da moda sostible. Para ir abrindo boca para o Fashion Revolution Day que terá lugar a finais de mes, convídannos a participar nunha nova edición da maratón de reciclaxe de roupa. Unha pila de prendas depositadas no patio central da súa sede será o eixe dunha fin de semana dedicada a iniciativas e actividades que pretenden concienciar sobre as alternativas ao consumo convencional de moda.

Cando: 08/04/2017 e 09/04/2017

Onde: La Casa Encencida

Máis info: lacasaencendida.es

“Black Fashion Designers”

O FIT de Nova York recorre ao xénero nesta exposición

As etiquetas sempre resultan problemáticas, pois corren o perigo de resultaren reducionistas e simplistas. E se a iso lle sumamos consideracións raciais, a polémica está servida. Porén, o Fashion Institute of Technology arríscase a botar man delas por unha boa causa: rehabilitar o prestixio de ducias de deseñadores/-as afroamerican@s que desde a década dos ’50 agromaron á marxe do sistema dominante. A categoría da “negritude” serve de acubillo nesta mostra a varias xeracións de mentes creativas, desde Stephen Burrows e Patrick Kelly a Kerby Jean-Raymond. O debate da identidade mestúrase coa creatividade pura nunha exposición imprescindible.

Cando: 06/12/2016 – 16/05/2017

Onde: Fashion Institute of Technology. Nova York

Máis info: fitnyc.edu

El guardián invisible

A exitosa novela de Dolores Redondo, xa nos cines

As aventuras da inspectora Amaia Salazar na misteriosa comarca do Baztán pegan o chimpo da literatura ao cine. Despois do éxito colleitado pola triloxía coa que se deu a coñecer Dolores Redondo, a primeira das películas que a adaptarán chega rodeada de expectación. Marta Etura e Elvira Mínguez brillan especialmente nesta entrega, un thriller ambientado nun ambiente matriarcal onde non faltan nin as referencias á superstición.

Cando: 03/03/2017 –

Onde: Cines e multicines (consultar carteleira)

Máis info: deaplaneta.com

“David Hockney”

A obra de David Hackney, reunida na Tate Britain

Que mellor xeito de celebrar unha data especial ca vendo as obras máis notables dun reunidas nun mesmo -e prestixioso- espazo. Iso debe de pensar David Hockney, un dos artistas británicos máis influíntes e populares do século XX e XXI. Os seus retratos do Californian way of life, a súa pintura colorista e inconfudiblemente positiva, ás veces cínica, reúnense por un tempo limitado na Tate Britain co gallo do seu 80 aniversario. Unha ocasión inmellorable para descubrir e redescubrir este xenio contemporáneo.

Cando: 09/02/2017 – 29/05/2017

Onde: Tate Britain. Londres

Máis info: tate.org.uk