Axenda de abril

En abril… ¡plans, mil! Para reivindicar con actitude que a primavera está aquí e que ningunha borrasca impertinente poderá obrigarnos xa a volver ao letargo invernal, na axenda de abril apostamos por tomar as rúas e regalarnos unha sesión variada de wanderlust.

Moda, deporte, compras pouco convencionais e mesmo unha dose de mitomanía conxúganse este mes para ofrecernos un lecer ben florido. Porque para algo estamos no tempo.

Mercado de Motores

Para amantes do 'vintage', esta cita na axenda de abril

Que non te confunda o seu nome, o Mercado de Motores non ten nada que ver nin coa mecánica nin con vehículos pesados. Así que, se es fan da velocidade e andas á procura dun evento con moitos cabalos, sigue buscando. Pero se adoras o ambiente dos markets, cos seus postos de artesanía, deseño e pezas vintage, xa estás tardando en visitar este. Instalado no Museo del Ferrocarril de Madrid, o Mercado de Motores ten reclamos para todos os gustos. Moda, música, comida gourmet e moitas propostas de comercio slow garanten unha fin de semana desas que dá mágoa que rematen.

Cando: 07/04/2018 – 08/04/2018

Onde: Museo del ferrocarril. Madrid

Máis info: mercadodemotores.es

Rock’n’Roll Madrid Maratón 2018

O maratón de Madrid, cita na axenda de abril

Desde que a paixón polo running se desatase alá por 2013, non hai cidade que non se apunte a organizar a súa particular maratón para promovelo. Fronte a tanta cita de nova creación, un clásico do calendario deportivo popular: o Rock’n’Roll Madrid Maratón. Cun poder de convocatoria que pouco ten que envexarlle aos de Nova York ou Londres, esta carreira é unha auténtica festa… literalmente. E é que ao longo do percorrido (desde o paseo da Castellana á praza de Neptuno) haberá unha vintena de concertos en diferentes escenarios. Como colofón, todo un festival na liña de meta.

Cando: 22/04/2018

Onde: Madrid

Máis info: runrocknroll.com

“David Bowie”

Na axenda de abril, unha exposición de David Bowie en Lugo

Se en 2017 deches chimpos de alegría cando a magnífica exposición “David Bowie is” aterrou en Barcelona procedente do Victoria & Albert Museum londiniense, estás de celebración. Coincidindo co segundo cabodano do Duque Branco, o Museo Interactivo da Historia de Lugo exhibe a xeito de tributo a colección privada do músico e pintor Carlos Luxor arredor do xenio de Brixton.

Cadros, pósters, libros, revistas, películas, álbumes, obxectos de merchandising e pezas pouco habituais compoñen un interesante percorrido por décadas de revolucionario traballo musical e estético. Porque Bowie nunca deixará de sorprendernos.

Cando: 27/02/2018 – 26/04/2018

Onde: Museo Interactivo da Historia de Lugo. Lugo

Máis info: lugo.gal

Coco Chanel. La revolución de la elegancia

Na axenda de abril, unha nova biografía de Chanel

Moito se leva escrito sobre Coco Chanel, sobre a súa infancia, a súa fugaz experiencia como actriz, o seu debut como sombreireira… Mesmo a súa turbulenta vida sentimental ten sido obxecto de estudo exhaustivo. E, porén, a fascinación que esperta semella estar intacta. Por iso, e porque calquera aportación ao coñecemento desta figura clave da Historia da moda é benvida, acollemos esta biografía cos brazos abertos.

Megan Hess, coñecida ilustradora de moda, dálle unha volta de porca ao xénero para transformalo nun repaso áxil e visual dos principais fitos da vida pública e privada de Chanel. A memoria da deseñadora e da súa maison cobran vida a través de debuxos que son unha pequena obra de arte en si mesmos.

Hess, Megan. Coco Chanel. La revolución de la elegancia. Lunwerg Editores. Barcelona, 2018. 208 páxinas.