Axenda de abril

Porque temos espírito combativo e nin o refraneiro máis agoreiro coas súas mil chuvias vai poder coas nosas ganas de gozar do tempo de lecer, a axenda de abril vén cargada de citas espalladas polos catro puntos cardinais de España. Ou case.

Co sangue alterado pola chegada da primavera e cos primeiros festivais de música da temporada xa á vista, invitámosvos a descubrir os grupos máis cool sen ter que viaxar ata Benicàssim, a deixarvos seducir polo encanto dos mercados pop-up e mesmo a quedar na casa sempre e cando sexa cun bo libro na man. A divertirse!

Mercado de Diseño

Chega en abril unha nova edición do Mercado de Diseño

Que tire a primeira pedra quen non pasase por un mercado pop up nos últimos dous anos. E como a fórmula semella ser sinónimo de éxito de público e vendas, en Madrid celébrase na primeira fin de semana de abril unha nova edición do chamado Mercado de Diseño. Arredor dun cento de deseñadores/-as presentarán propostas co sabor a autenticidade da produción artesá. Se a iso lle sumamos unha ampla programación cultural con talleres, exposicións, food trucks e mesmo actuacións en directo, xa temos un plan redondo.

Cando: 02/04/2016 e 03/04/2016

Onde: Matadero, Madrid

Máis info: mercadodediseno.es

FIV Vilalba

O FIV de Vilalba é o evento indie galego por excelencia

En tan só oito anos e malia algún que outro tropezo polo camiño, o FIV vilalbés converteuse nunha cita obrigada no circuíto indie español. Milleiros de “fiveir@s” contan xa os días que faltan para, mochila e tenda de acampada ao lombo, tinguir de fucsia as rúas da capital chairega. Xoel López, Lagartija DJ, Supersubmarina e Dorian son só unha pequena mostra do espectacular cartel desta edición.

Cando: 29/04/2016 e 30/04/2016

Onde: Vilalba. Lugo

Máis info: fivdevilalba.com

“Andy Warhol: Sombras”

Shadows, de Andy Warhol, é a obra da temporada no Guggenheim

Andy Warhol non só é unha das meirandes iconas do século XX. Tamén é toda unha fonte de sorpresas para @s amantes da arte. Porque cando pensabamos que tiñamos máis que coñecida a súa produción, o Gugghenheim de Bilbao empéñase en demostrarnos o contrario a través dunha das exposicións estrela do momento. Warhol é o mestre da técnica repetitiva, mais tamén dunha pintura experimental e cun pouso teórico que pouco ten que ver coa súa dimensión pop. Non todo ha de ser renderlle culto á Campbell Soup.

Cando: 26/02/2016 – 02/10/2016

Onde: Museo Gugghenheim. Bilbao

Máis info: warhol.guggenheim-bilbao.es

Azules son las horas

Azules son las horas é unha novela de aventuras con sabor galego

Estamos moi acostumad@s a novelas de aventuras protagonizadas por heroes reais con vidas fascinantes, pero quen dixo que a acción é exclusiva dos homes? E para mostra, un botón. Inés Martín Rodrigo recupera das marxes da historia as peripecias de Sofía Casanova, primeira correspondente de guerra e galega, que coñeceu a alta sociedade europea antes de descender aos infernos da condición humana. Unha traxectoria apaixonante que estaba pedindo por unha novela á súa altura.

Martín Rodrigo, Inés. Azules son las horas. Espasa Narrativa. Barcelona, 2016. 300 páginas.