Axenda de agosto

Se hai un gran mito arredor do tempo de verán é que todos os plans interesantes de xullo e agosto pasan por estarmos o menor tempo posible na casa, como se esta fose de súpeto unha ameaza para a diversión potencial.

Como se sufrisemos un caso de claustrofobia aguda e repentina, botámonos ás rúas coa febril urxencia de vivir experiencias que sumar ao arquivo estival.

Mais por que non darlle unha oportunidade aos entretementos con sabor caseiro? Nesta axenda de agosto, quedamos de portas para dentro e exploramos o noso lado ermitán. E todo iso, sen renunciar aos plans máis cobizados. Levamos a diversión a domicilio grazas aos libros. Porque eles son capaces de transportarnos moi lonxe sen saír da casa.

Christian Dior. Couturier du rêve

Este agosto, catálogo da exposición de Dior

2017 é un ano sinalado para a maison Dior e para o universo da costura en xeral. No fin de contas, non todos os días unha firma de moda celebra o seu septuaxésimo aniversario. Para homenaxear o seu fundador e para regalarnos a vista con algunhas das xoias clásicas e contemporáneas da marca, o Musée des Arts décoratifs de París está a acoller a exposición Christian Dior. Couturier du rêve. E este magnífico tributo ao “New Look” e as súas derivadas vén acompañado por un catálogo no que se condensa boa parte do seu soporte fotográfico e visual. París vén vale unha misa, pero este suculento libro merece ser venerado na intimidade.

VV. AA. Christian Dior. Couturier du rêve. Musée des Arts décoratifs. Paris, 2017. 368 páxinas.

Craft Brew – Las recetas de tus cervezas favoritas

Un bo plan para agosto: fabricar cervexa

Se algo nos deixou o pico máximo de efervescencia da cultura hipster foi o amor polo DIY e a cervexa. E da mestura de ambas cousas, xurden propostas tan suxestivas como este manual para amantes da escumosa bebida con espírito científico. Agora que a calor aperta e aumenta o consumo de cervexa, aprender a fabricala soa mesmo apetecible. Porque se algo ensina este libro é que a súa versión artesá non é precisamente cuestión de física cuántica. Lager, belga, negra, amarga: ningunha calidade ou etiqueta terá xa segredos de aquí en diante.

Ferguson, Euan. Craft Brew – Las recetas de tus cervezas favoritas. Cinco Tintas. Barcelona, 2016. 208 páxinas.

Mierda de música

Este agosto, repasamos a música das nosas vidas

A música (sobre todo na súa versión máis festeira e popular) é un elemento imprescindible de calquera verán con letra maiúscula. Así que na axenda non podía faltar unha guía completa para gozar dela. Esta non é, porén, unha compilación ao estilo tradicional, senón un irreverente corpus de artigos arredor da música -boa ou mala-, e dos prexuízos que pesan sobre ela. Por que mirarmos por enriba do ombreiro á comunidade de fans de Camela? Pode ser o Barroco o verdadeiro berce do underground? Esas e outras cuestións case existenciais e medio humorísticas guiarán este percorrido por unha banda sonora vital sui generis. 

VV. AA. Mierda de música. Blackie Books. Barcelona, 2017. 144 páxinas.

Annus horríbilis e outros musicais

Homenaxe a Chévere na axenda de agosto

Fai tempo que o teatro rachou coa cuarta parede para trascenderse a si mesmo. Pisos que se converten en escenarios improvisados, performances en lavabos ou experiencias participativas están á orde do día. Se o teatro off é cada día máis in, este agosto probamos que tamén o podemos montar pola nosa conta. Para comezar, nada mellor que sumarnos aos festexos polos trinta anos da popular compañía Chévere levando para a casa unha escolma dos textos das súas representacións máis coñecidas. O ton un chisco canalla e o humor inclasificable prometen diversión. Como carta de presentación, o drama operístico dos Cunters e os Tamara.

Chévere. Annus horríbilis e outros musicais. Kalandraka. Pontevedra, 2017. 160 páxinas.