Axenda de agosto

Viaxar é un dos xeitos máis sutís e amenos de cultivarse, abrindo a mente ás realidades doutros pobos e ás particularidades. O simple feito de adaptarse por uns días ou unhas semanas aos horarios alleos, de probar os pratos típicos da súa gastronomía e de fundirse coa vaga de transeúntes que anima as súas rúas axúdanos a entendel@s mellor, así como a nós mesm@s.

Os museos, un elemento clásico das vacacións, ofrécennos pequenas pílulas da historia e da evolución das nosas sociedades. E non só os de etnografía ou artes plásticas, senón tamén os de deseño. Este mes, collemos a maleta e saímos de viaxe para descubrir os mellores centros e exposicións sobre moda do momento. De Londres a Florencia, a creatividade non ten fronteiras na axenda de agosto!

“Fashion Forward, Trois Siècles de Mode (1715 – 2016)”

Fashion Forward é a exposición do ano en París

Que París ten un vencello especial co mundo da moda é xa proverbial. E vén de tan vello que o Musée des Arts Décoratifs quixo facer del o motivo central dunha exposición moi especial: a que serve para conmemorar o seu trinta aniversario. “Fashion Forward” é unha das maiores retrospectivas que se teñen feito, cunha marabillosa escolma de prendas de vestir de muller, home e nen@ que nos permiten remontarnos no curso da historia. Os vestidos da época da raíña María Antonieta conviven con espectaculares traxes de noite de Elsa Schiaparelli ou Cristóbal Balenciaga, accesorios doutra época e mesmo escritos persoais dos grandes nomes da moda contemporánea.

Cando: 07/04/2016 – 14/08/2016

Onde: Les Arts Décoratifs, Nave 107. París

Máis info: lesartsdecoratifs.fr

“Undressed: A Brief History of Underwear”

O V&A de Londres presenta unha retrospectiva sobre roupa interior

Se o ano pasado a firma de calzado Clarks patrocinaba unha exitosa exposición sobre a dor e o placer ligado aos zapatos  no Victoria & Albert Museum de Londres, este ano Agent Provocateur toma o testigo. A marca de roupa íntima, coñecida internacionalmente polo seu concepto provocador, é a principal valedora deste panorama sobre a evolución das prendas interiores, desde os primeiros modelos puramente funcionais aos máis innovadores. Pero non só se trata de expoñer roupa, senón de invitar á reflexión sobre os costumes sociais, a moralidade e o sexo.

Cando: 16/04/2016 – 12/03/2017

Onde: Victoria & Albert Museum. Londres

Máis info: shop.vam.ac.uk

Museo della Moda e del Costume

Florencia ten un novo centro de exposicións sobre moda

Ao Gucci Museum, vén de sumárselle en Florencia un novo centro de peregrinación para @s amantes da moda. Nas instalacións da Galleria del Costume, en pleno Palacio Pitti, inaugurouse en xuño de 2016 este novo espazo no que nos próximos tres anos se celebrarán actividades (exposicións, conferencias, etc.) arredor da moda italiana e internacional. A Galleria degli Uffizi e a fundación  Pitti Immagine Discovery están detrás desta iniciativa. Para ir abrindo boca, unha mostra de fotografía asinada por Karl Lagerfeld baixo o nome “Visions of Fashion”.

Onde: Palacio Pitti. Florencia

Máis info: uffizi.it

ModeMuseum – MoMu

Bélxica é unha perla descoñecida no circuíto da moda

Raf Simons, Dries Van Noten, Ann Demeulemeester, Anthony Vaccarello, Maison Margiela… velaquí unha pequena mostra dos talentos belgas que transcenderon as fronteiras do seu país para conquistar as pasarelas internacionais. Suzy Menkes, editora internacional de Vogue, tomaba prestado o título dunha exposición de 2015 para falar da súa “historia inesperada”. Porque Bélxica foi a miúdo eclipsada por París e a súa mastodóntica industria. Afortunadamente, o MoMu, cos seus extensos fondos (25.000 pezas), compite xa cos grandes centros de moda e senta cátedra desde a cidade de Antwerp.

Onde: Antwerp. Bélxica

Máis info: momu.be