Axenda de decembro

Con toda a festa e as interminables celebracións que temos por diante, decembro esixe de nós que o recibamos co ánimo e a enerxía que merece. Así encaramos a recta final do ano sinalando en vermello na nosa axenda algunhas das citas culturais e de entretemento máis rabiosamente actuais do momento.

Mentres decidimos se asistimos ou non á cea de Nadal da empresa e se mercamos regalos a presas ou nos damos de baixa do club dos Reis Magos, por que non tomar un respiro deses de sofá e manta co último en ficción en streaming ou cun libro tan tenro como transgresor? Aínda que se o mellor plan é saír da casa cunha boa excusa, nos museos e nas rúas atopamos coartada. É decembro, pura maxia.

Alias Grace

'Alias Grace', ficción na axenda de decembro

Margaret Atwood está máis de moda que nunca. Despois do éxito colleitado pola premiada serie El cuento de la criada (HBO), baseada na súa distopía feminista homónima, Netflix toma o relevo e fai doutra adaptación da escritora canadense o seu reclamo para este final de ano. Alias Grace é igual de desacougante e fascinante, e xira rredor da historia real dunha inmigrante irlandesa de 16 anos que chegou ao Canadá a mediados do século XIX. Empregada como criada, un operario das cortes acúsaa de asasinar a ama de chaves e o patrón da finca. É un caso de tolemia? Pode ser perdoada? Para sabelo, terás que ver os seis capítulos que compoñen a serie.

Cando: 03/11/2017 –

Onde: Dispoñible en Netflix

Máis info: netflix.com

Manolo Blahnik : El arte del zapato

Visita a retrospectiva dedicada a Manolo Blahnik

Poida que Carrie Bradshaw fose a encargada de presentarllos ao público xeral, pero os zapatos de Manolo Blahnik levan décadas instalados no cumio do calzado de luxo. En concreto, catro e media. E porque non pode ser en España aínda non recibise unha homenaxe acorde, a revista Vogue trae ao Museo Nacional de Artes Decorativas esta mostra retrospectiva que xa pasou polo Hermitage de San Petersburgo ou o Palazzo Morando de Milán. 212 zapatos e 80 bocetos orixinais son só un aperitivo do que nela atoparemos. Dividida en seis seccións diferentes, permitiranos penetrar nos gustos, obsesións e fontes de inspiración deste artesán dos tacóns de vertixe.

Cando: 28/11/2017 – 08/03/2018

Onde: Museo Nacional de Artes Decorativas. Madrid

Máis info: mecd.gob.es/mnartesdecorativas

Estamos todas bien

Unha lectura ideal para decembro, esta novela gráfica

Que pouco falamos da vellez, e menos aínda da das nosas avoas. Algo así foi o que debeu de pensar Ana Penyas cando andaba a buscar un tema para esta novela gráfica. Despois de moitas conversas coas súas, Maruja e Herminia, convenceuse de que a historia pequena, a das mulleres fortes á forza que viviron a miúdo baixo a abafante sombra de homes, pais, fillos, etc. merecía saír á luz. E así tamén o considerou o xurado que lle outorgou o X Premio Internacional de Novela Gráfica Fnac-Salamandra Graphic. Cunha enorme tenrura, Estamos todas bien serve de tributo a tantas e tantas avoas ás que non sempre prestamos atención e das que sen dúbida aínda nos queda moito por aprender.

Penyas, Ana. Estamos todas bien. Salamandra Graphic. Barcelona, 2017. 112 páxinas.

Mercado da estrela

O Mercado da estrela, cita este decembro en Santiago

Os mercados de Nadal están a consolidarse no noso país. Tomando o exemplo nórdico, cada vez son máis as cidades que se animan a encher as rúas con postos de artesanía, comercio e gastronomía para que vaiamos entrando no espírito festivo. En Santiago, o Mercado da estrela xa vai pola súa terceira edición, e este ano promete. Con tres localizacións distintas, a longa lista de atractivas propostas que comprende van desde espectáculos musicais a comida exótica ou tendas pop-up de marcas galegas emerxentes. Entre o 15 e o 17 de decembro, preparémonos para peregrinar á capital de Galicia.

Cando: 15/12/2017 – 17/12/2017

Onde: Museo do Pobo Galego, Praza 8 de marzo, Matadoiro. Santiago de Compostela

Máis info: mercadodaestrela.es