Axenda de febreiro

Este febreiro ten un brillo especial. E non é porque nel se agarde ningunha “superlúa” como a de xaneiro. É, simplemente, que neste mes conflúe unha mestura estelar dentro da nosa axenda mensual.

Nela, os astros alíñanse para que fagamos plans cun toque mitómano. Este é o mes no que poderemos asistir a un deses concertos imprescindibles canto menos unha vez na vida, ao peche dunha merecida exposición de homenaxe a unha estrela fugaz da costura española, á estrea da derradeira (si, derradeira) película do xenial Daniel Day-Lewis ou á da polémica serie sobre os últimos días do non menos brillante Gianni Versace.

Unha axenda de febreiro verdadeiramente rutilante.

“Pedro Rovira. De la alta costura al prêt-à-porter

Na axenda de febreiro 2018, a exposición de Pedro Rovira

Grazas aos amplísimos fondos da Fundació Antoni de Montpalau, podemos gozar desta exposición retrospectiva arredor do que foi un dos grandes da alta costura española, malia que o seu nome non resistise ben o paso do tempo. Pedro Rovira foi un dos protagonistas -xunto con Manuel Pertegaz ou Elio Berhanyer- da época dourada da confección en letra maiúscula, así como un dos principais promotores da adopción do comercial prêt-à-porter desde finais dos anos 60. Centos de pezas asinadas por el, debuxos, obxectos e fotografías completan o documental que serve para reivindicar o papel de Rovira na evolución da moda en España e a súa modernización.

Cando: 16/11/2017 – 18/02/2018

Onde: Museo del Traje. Madrid

Máis info: mecd.gob.es/mtraje

El hilo invisible

Daniel Day-Lewis despídese con esta pelicula de moda

Despois dos biopics sobre Chanel e Yves Saint Laurent, a gran pantalla volve regalarnos unha nova pílula da Historia da moda occidental con este retrato de Reynolds Woodcock, o modisto que revolucionou o concepto de clase e estilo no Reino Unido dos anos 50. A realeza, as estrelas de cine e a alta sociedade do momento sucumbiron ao inconfundible estilo de The House of Woodcock. Toda unha maquinaria creativa confeccionada ao milímetro, sostida co apoio da súa irmá e cómplice, Cyril Woodcock, e  nutrida pola inspiración que para el foron as mulleres da súa vida. Só a irrupción dunha delas, Alma, foi capaz de alterar a férrea disciplina do deseñador. O resto xa é película.

Cando: 02/02/2018 –

Onde: Cines e multicines (consultar carteleira)

Máis infofocusfeatures.com

Bob Dylan

Na axenda de febreiro de 2018, Bob Dylan en concerto

Como os Rolling Stones, Paul McCartney ou Bruce Springsteen, cada xira de concertos de Bob Dylan convértese nun éxito de público antes mesmo de que as entradas saian á venda. O flamante Nobel de Literatura en 2016, que vén de reeditar o xa mítico Troube No More, fai unha parada en España dentro do extenso tour mundial no que se atopa inmerso. O seu paso polo noso país inclúe desta volta varias citas en Madrid, Barcelona e Salamanca. Só a falla de localidades poderá impedir que @s fans do cantautor de Minnesota o vexan interpretar en directo algúns dos seus grandes temas.

Cando: 26/03/2018

Onde: Auditorio Nacional de Música, Sala Sinfónica. Madrid

Máis info: bobdylan.com

American Crime Story: The assassination of Gianni Versace

A polémica serie sobre Versace, na axenda de febreiro de 2018

Poucas segundas partes espertaron tanta expectación como a de American Crime Story. Despois de colleitar un notable éxito de crítica e público con The People v. O. J. Simpson, este formato de Fox Extended creado por Scott Alexander e Larry Karaszewki volve en 2018 cunha serie baseada no libro Vulgar Favors: Andrew Cunanan, Gianni Versace, and the Largest Failed Manhunt in U.S. History, de Maureen Orth. Nela retrátanse as circunstancias do asasinato de Gianni Versace a mans de Andrew Cunanan, así como os días posteriores á súa morte. Un controvertido proxecto que, sen contar co visto e prace da familia Versace, ten no seu reparto (con Penélope Cruz e Ricky Martin á cabeza) a súa principal baza.

Cando: 17/01/01 –

Onde: Dispoñible en FX (proximamente en Netflix)

Máis info: fxnetworks.com