Axenda de maio

Coa primavera no seu apoxeo, este maio non só revive a natureza. A unha velocidade directamente proporcional á que agroman flores e verdegan árbores, recuperamos o impulso por facer ducias de plans e buscamos calquera desculpa para pasar fóra da casa o maior tempo posible. O lecer adquire un sabor novo, preparándonos para o verán que xa se albisca no horizonte. O bo tempo chegou para quedar, e con el unha chea de propostas culturais interesantes. Porque a axenda de maio é a proba tanxible de que a primavera non só altera o sangue, senón tamén o xeito de vivirmos o ocio.

No noso xardín particular, reunimos unha selección para o lecer deste mes moi colorida. Despois de visitarmos dúas das exposicións máis comentadas nos circuítos da arte contemporánea en Galicia, cambiaremos de rexistro para gozar en vivo e en directo da última -e histórica- tournée de Producións Excéntricas. Tan inesquecible como de seguro será o concerto co que Sés levará o sabor das Letras Galegas a terras catalás. Unha axenda de maio ben florida.

“Alén dos xéneros”

Visita a exposición "Alén dos xéneros" en Vigo

Non, o feminismo non é só cousa de mulleres. Ánxela Caramés encárgase de deixalo claro a través desta exposición, da que é comisaria, e que resulta da estreita colaboración entre o MARCO e o Auditorio de Galicia. En “Alén dos xéneros”, reúnese unha selección de obras de 50 artistas vencellad@s ao discurso feminista en Galicia, poñendo en valor o seu traballo comprometido desde os anos ’90 ata a actualidade. A estrutura da montaxe convida á reflexión sobre cuestións de xénero que van desde a relación entre o feminino e o feminista ata o corpo e as sexualidades queer, pasando pola revisión do concepto da masculinidade. Unha cita imprescindible para coñecer de preto algunhas das voces máis comprometidas do panorama artístico galego contemporáneo.

Cando: 27/01/2017 – 11/06/2017

Onde: Museo de Arte Contemporánea (MARCO). Vigo

Máis info: marcovigo.com

A cabeza do dragón

"A cabeza do dragón", obra de teatro de Valle-Inclán en galego

Que tivesemos que agardar ata 2017 para que o teatro de Valle-Inclán fose representado en galego é unha anomalía da que moit@s estaban desexando desquitarse. Quico Cadaval e cía. levan á escena A cabeza do dragón, unha farsa de influencia xaponesa con sabor a esperpento e moita fantasía. A clásica loita do home contra a besta tínguese de denuncia social e comentarios políticos, nunha obra na que a risa funciona como mecanismo liberador e catalizador das críticas. Un espectáculo ideal para lembrar ao xenial autor cando se cumpren 80 anos do seu pasamento.

Producións Excéntricas

Cando: 03/03/2017 –

Onde: Consultar localidades da xira

Máis info: excentricas.net

Sés

Sés estará en concerto en Badalona

Os concertos de Sés cóntanse por entradas esgotadas en poucas horas e cheos ata a bandeira. Os seus directos conquistan, e non só pola forza das súas letras e a riqueza das súas influencias musicais. Sés é pura enerxía sobre o escenario. Que mellor xeito de poñerlle a guinda á semana cultural galega de Badalona que contando coa súa presenza? Entre temas de Opoñerse á extinción, Tronzar os valos e Co xenio destrozado, o público catalán poderá gozar dalgún bonus track e moito, moito alimento para o intelecto. Toda unha experiencia.

Cando: 19/05/2017

Onde: Plaça Pompeu Fabra. Badalona

Máis info: ses.gal

“[Ex]posicións críticas. Discursos críticos na arte española 1975-1995”

O GCAC repasa a arte desde a Transición

En tan só dúas décadas -as que abrangue esta exposición, dirixida por Santiago Olmo e comisariada por Armando Montesinos e Mariano Navarro-, España pasou de estar sometida a un réxime ditatorial a subirse ao carro da modernidade de pleno dereito. A transición entre ambos períodos foi convulsa, e trouxo con ela profundos cambios sociais, culturais e económicos. O sistema da arte foi testemuño dos mesmos, en múltiples sentidos e con resultados desiguais. Reivindicando o pensamento crítico n@s artistas dese período clave, esta retrospectiva recupera o pulso da arte comprometida.

Cando: 17/02/2017 – 28/05/2017

Onde: Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Santiago de Compostela

Máis info: cgac.xunta.gal