Axenda de maio

O mes de maio está de moda. Literalmente. Ao longo de algo máis de catro semanas, ameazan con acumularse na nosa axenda as citas relacionadas coa industria, xa sexa no marco de instalacións museísticas, en formato 8 milímetros ou en plena rúa.

Pero non só imos gozar descubrindo as luces e sombras do universo do deseño, senón que tamén teremos ocasión de vivir o glamour das grandes estrelas… sen ter que viaxar a Hollywood. E é que maio é tamén o tempo da primeira visita de Adele a España despois da súa volta aos escenariosdo, mais tamén do festival de cine galego por antonomasia, unha escusa inmellorable para revisar a súa saúde e facer balance.

The first Monday in May

Vogue e o Met únense neste fashion film

Devil wears Prada puxo de manifesto o ambiente de competitividade extrema que se vive nalgunhas publicacións de moda. Se entón a sempre brillante Meryl Streep interpretou a unha especie de Anna Wintour mesturada con Cruella De Vil, a todopoderosa editora vén de facer a súa primeira aparición na gran pantalla, e pola porta grande. The first Monday in May é xa o fashion film do ano, unha cinta visualmente fascinante na que se retrata a última gala do Metropolitan Museum of Art de Nova Iorque. De fondo, unha única pregunta: a moda é arte?

Cando: 15/04/2016 –

Onde: Cines dos Estados Unidos (pendente de entrea en Europa)

Máis info: firstmondayinmay.com

“Modamorfosis”

"Modamorfosis" é a exposición máis concorrida do Museo del Traje

Estamos acostumad@s a escoitar dicir que na moda todo volve. As tendencias van e veñen, describindo ciclos máis ou menos longos. Para entender esas dinámicas, nada mellor que visitar a exposición “Modamorfosis”, que está a piques de botar o peche no Museo del Traje madrileño. Grazas a ela, por exemplo, seremos un pouco máis conscientes da influencia d@s grandes modist@s do século XX no deseño actual. Para @s curios@s, as visitas guiadas son unha opción inmellorable.

Cando: 03/03/2016 – 29/05/2016

Onde: Museo del Traje. Madrid.

Máis info: museodeltraje.mcu.es

Festival de Cans

O Festival de Cans é unha plataforma para o cine galego

Pasaron trece anos xa desde aquela terceira fin de semana de maio en que 500 persoas se xuntaron en Cans, unha aldea remota de Pontevedra, para representar unha particular parodia do Festival de Cannes, que se estaba a celebrar polas mesmas datas. A broma mudou en cita de culto e nas últimas edicións congregou máis de 13.000 afeccionad@s ao cine e a cultura galegos. Alpendres, galpóns, adegas e casas convértense en salas de proxección improvisadas. No cartel figuran curtas de ficción, de animación, documentais, series para a Internet e videoclips.

Cando: 18/05/2016 – 21/05/2016

Onde: Cans (O Porriño). Pontevedra.

Máis info: festivaldecans.com

Adele

Adele está inmersa na xira de presentación de 25

Tralo éxito do seu disco 21, Adele decidiu facer un alto no camiño. Catro anos máis tarde, volve bater récords con 25. Se Someone like you se converteu nun himno, Hello, o single de presentación, é xa un dos temas do ano. Ambas cancións formarán parte, sen dúbida, do repertorio na xira europea de concertos que a traerá a España dentro dunhas semanas. As localidades dispoñibles esgotáronse ás poucas horas de poñerse á venda, sinal de que ninguén quere deixar pasar un dos espectáculos do ano (con permiso de Beyonce).

Cando: 24/05/2016 – 25/05/2016

Onde: Palau Sant Jordi. Barcelona

Máis info:  adele.com