Axenda de marzo

Este marzo, a nosa axenda para o lecer ten unha importante compoñente visual. Os plans éntrannos polos ollos -nunca mellor dito- e, así, apuntámonos xa sexa a exposicións pictóricas moi de moda, a concertos con ecos estéticos doutro tempo ou á lectura do último libro dunha das ilustradoras máis TOP da actualidade.

E se a iso lle sumamos unha maratón da serie en streaming da que o universo enteiro está a falar, pódese dicir que a axenda de marzo é tan imprescindible como as propias citas culturais que inclúe. A vista non nos engana. Prepárate para tomar nota.

The end of the f***ing world

Na axenda de marzo 2018, unha serie que causa adicción

Hai mellor campaña de publicidade para unha serie que que o creador de Netflix a defina como a súa última obsesión? E non é porque a plataforma sexa a co-produtora da mesma (xunto con E4). The end of the f***ing world é a sensación do momento no universo da Internet e con motivo. Así que mentres agardas polas novas temporadas de Stranger Things e Big Little Lies, velaquí unha proposta que ameaza con causarche igual adicción.

The end of the f***ing world é unha mestura de comedia adolescente, Dexter, Wes Anderson en versión violenta e unha marabillosa banda sonora. James, unmozo de 17 anos, está convencido de que é un psicópata. E non porque leve anos matando animais, senón porque agora sente o impulso de probar cunha persoa. Será a rebelde Alyssa, que lle pide para saír e o convence para fuxir da casa, a elixida?

Cando: 05/01/2018 –

Onde: Dispoñible en Netflix

Máis info: netflix.com

“Sorolla y la moda”

Na axenda de marzo 2018, unha exposición de Sorolla

Joaquín Sorolla é o pintor da luz, do Mediterráneo rico en matices e contrastes, mais, por enriba de todo, é un cronista do seu tempo. As súas obras son testemuño da evolución dunha sociedade a medio camiño entre a tradición e a modernidade. Virtuoso retratista, as mulleres dos seus cadros entre os anos 1890 e 1920 serven de fío condutor para entender o estilo de vida, os gustos e as modas imperantes nas distintas clases.

A moda foi, precisamente, unha das grandes paixóns do mestre do Impresionismo español, e á súa relación coa mesma está adicada esta exposición conxunta do Museo Thyssen Bonemisza e o Museo Soroya. Unhas setenta pinturas -algunhas nunca exhibidas- danlle a man a complementos e vestidos da época para recrear os albores do século XX.

Cando: 13/02/2018 – 27/05/2018

Onde: Museo Thyssen Bornemisza. Madrid

Máis info: museothyssen.org

Por el olvido

O novo libro de Paula Bonet, na axenda de marzo 2018

Moito choveu desde que aquel cartel de Paula Bonet para o festival La Cabina se convertese en obxecto de desexo e durase menos nas rúas de Valencia que un caramelo á porta dun colexio. Cunha querencia especial polos proxectos editoriais, a pintora e ilustradora acumula ás súas costas non só numerosas colaboracións, senón tamén textos propios.

Despois de La sed (2016) e Quema la memoria (2017), Bonet volve cun libro nacido da complicidade co debuxante e poeta Aitor Saraiba. O resultado é un labirinto onde a amizade, a morte e o amor se enlean. É a historia da súa nenez, de cando se perderon e buscaron o camiño de regreso… ou a dirección contraria, esa que os había de levar á literatura. É tamén un tributo a Roberto Bolaño, autor que admiran. Unha xoia, en definitiva.

Bonet, Paula e Aitor Saraiba. Por el olvido. Lunwerg Editores. Barcelona, 2018. 370 páxinas.

Lana del Rey

Lana del Rey en concerto, na axenda de marzo de 2018

Polémicas pola venda e a revenda de entradas á parte, a primavera musical en España anúnciase cargada de citas ineludibles. Unha delas é o retorno de Lana del Rey aos nosos escenarios despois de cinco anos de ausencia. Inmersa na xira do seu último álbum, Lust for Life (2017), a neoiorquina fai dúas únicas paradas no noso país para presentar os novos temas e repasar os seus grandes éxitos.

Barcelona será a primeira cidade en acollela, e as expectativas son altas. A diva de voz lánguida e rascada, que fascina tanto pola súa posta en escea e a súa pose como pola súa faceta estrictamente vocal, fará vibrar o Palau Sant Jordi ao ritmo de clásicos contemporáneos como Born to Die, Videogames ou Summertime Sadness.

Cando: 19/04/2018

Onde: Palau Sant Jordi. Barcelona

Máis info: ticketmaster.es