Axenda de marzo

Días cada vez máis longos e o bo tempo chamando á porta (polo menos teoricamente) piden por un cambio no xeito en que aproveitamos os momentos de lecer. Porque levamos meses espremendo ao máximo as posibilidades que nos ofrecen os recintos cubertos e xa non sabemos que máis facer nun centro comercial sen caer (demasiado) na tentación, vai sendo hora de renovar a axenda.

As propostas para o mes de marzo recenden a primavera, a aire libre, a plans pseudo-improvisados e a novidade. Vexamos algunhas das ideas máis cool para darlle a benvida á nova estación e despedir o frío das últimas semanas cun sorriso.

“Con fío en Galicia”

No Gaiás réndese tributo á historia recente da moda galega

Malia as dificultades que o sector textil galego vén atravesando nos últimos anos, non cabe dúbida de que é un dos motores da nosa economía. E para renderlle un tributo a tod@s os que loitaron e loitan por poñer a nosa moda no mapa, o Museo Centro Gaiás reúne nunha exposición aos grandes nomes da industria. Adolfo Domínguez ou Verino danlle a man a novas promesas como Sara Coleman ou Eva Soto. E nunha mostra tan completa non podían faltar as curiosidades e mesmo as sorpresas, pero para descubrilas haberá que achegarse á Cidade da Cultura.

Cando: 11/03/2016 – 11/09/2016

Onde: Museo Centro Gaiás. Santiago de Compostela

Máis info: cidadedacultura.gal

Campionato de España – Food Trucks

O campionato de food trucks é una cita imprescindible para foodies

Por moito que a costume anglosaxona de comer a fume de carozo e sen sentar á mesa nos horrorice, pouco a pouco imos deixándonos seducir polo concepto street food. As camionetas antigas e os menús con petiscos cada vez máis exóticos son xa habituais nas rúas das nosas cidades. Para @s amantes desta tendencia gastronómica, chega o Campionato de España de food trucks. Catro días nun marco incomparable e cunha oferta de lecer que vai máis alá da inexcusable degustación das delicias en concurso.

Cando: 24/03/2016 – 27/03/2016

Onde: Parque Isabel la Católica. Xixón

Máis info: campeonatofoodtrucks.es

SanSan Festival

O SanSa Festival de Gandía inaugura a temporada de concertos

Buscando un bo plan para a paréntese de Semana Santa? Se o teu é a música indie e es habitual de festivais e concertos ao aire libre, en Gandía teñen unha proposta que non poderás rexeitar. Praia e un cartel de luxo encabezado por Loquillo e Supersubmarina son os seus principais reclamos. Malia que aínda falta para Coachella, o SanSan Festival é unha excusa insuperable para irlle quitando o po á tenda de campaña.

Cando: 24/03/2016 – 27/03/2016

Onde: Sequía del Rey. Gandía

Máis info: sansanfestival.com

Cabaret – El musical de Broadway

Edu Soto e Cristina Castaño protagonizan Cabaret

Ir a Nova Iorque e non asistir a unha función en Broadway é case un sacrilexio para @s amantes do teatro. Mais para @s que vexan moi lonxe a Gran Mazá, na Gran Vía madrileña estase a representar unha das obras máis representativas de Broadway: Cabaret. Poida que Liza Minnelli non estea sobre o escenario, pero o elenco nacional non deixa de colleitar boas críticas e gabanzas. Vas deixar pasar a ocasión de gozar do que xa se converteu no espectáculo da temporada?

Cando: 01/10/2015 –

Onde: Teatro Rialto. Madrid

Máis info: cabaret.es