Axenda de novembro

Atendendo á nosa axenda de novembro, este mes ben podería ser oficialmente declarado como o da mitomanía. Casualidades marabillosas, nas próximas semanas vanse celebrar eventos que nos achegarán un anaquiño de grandes figuras do cine, da música, das letras ou da moda ás que admiramos con fervor.

Aproveitamos esa conxunción astral para rememorara pegada que algúns deses ídolos deixaron na estética de toda unha xeración, para renderlle tributo a un dos pais da alta costura española e para volver gozar do cine “coixetiano” en estado puro. E para poñerlle a tanta actividade unha banda sonora á altura das circunstancias, guindamos a casa pola fiestra e facemos unha escapadiña para deleitarnos coa música de James Rhodes.

Si, a axenda de novembro é, sen dúbida, doutra galaxia.

“Manuel Pertegaz”

Detalle dunha das pezas da exposición "Manuel Pertegaz"

Sería simplista reducir a traxectoria do modisto turolense a unha única prenda, pero non todos os días un recibe o encargo de vestir de noiva á futura Princesa de Asturias (e actual Raíña de España). De aí que a colección nupcial de Pertegaz ocupe o seu propio espazo dentro desta necesaria mostra organizada pola Comunidad de Madrid en colaboración con Pertegaz Studio e  institucións como o Museo del Traje CIPE ou o Centre de Documentació i Museu Tèxtil de Terrassa. O obxectivo: honrar o legado dun dos maiores xenios do deseño español, referente da alta costura nacional e pioneiro do prêt-à-porter nos 70.

Cando: 09/09/2017 – 12/11/2017

Onde: Sala de exposicións Canal de Isabel II

Máis info: madrid.org

Instrumental: An Evening With James Rhodes

Na axenda de novembro, un concerto de James Rhodes

Se Bach ou Beethoven erguesen a cabeza, sen dúbida estarían orgullosos de escoitar as súas pezas interpretadas por James Rhodes. Este pianista clásico, tan pouco ortodoxo como brillante, ten máis dos Rolling Stones que dun Shostakóvich. A maxia dos seus concertos nace da súa proximidade co público, da súa vea didáctica e da enorme carga emotiva que desprende cada unha das súas interpretacións. Se liches o seu brutal Instrumental. Memorias de medicina, música y locura, non deixes pasar a oportunidade de experimentar en directo o poder terapéutico da súa música. Da música. James Rhodes estará participando no Misty Fest, todo un acontecemento no veciño Porto.

Cando: 13/11/2017

Onde: Casa da música UG. Sala Suggia. Porto

Máis info: bol.pt

Legendary authors and the clothes they wore

A moda e a literatura, dúas disciplinas vencelladas

Que sería da moda sen literatura?, preguntábase Diana Vreeland en 1984. Esta pregunta, case retórica, é o punto de partida dun fascinante percorrido pola Historia contemporánea da man de escritores e escritoras que fixeron da súa roupa e do seu aspecto outra ferramenta de expresión complementaria. Porque, como sostén Terry Newman, na creación dun perfil público xoga un papel esencial a postura estética elixida. Que simbolismo agochan as lentes redondas e metálicas de James Joyce, o característico turbante de Zadie Smith ou o chic atemporal de Joan Didion? Este orixinal estudo condúcenos polos roupeiros d@s literat@s para ensinarnos que a moda, en realidade, está moi lonxe da frivolidade.

Newman, Terry. Legendary authors and the clothes they wore. Harper Design. Londres, 2017. 208 páxinas.

La librería

Isabel Coixet destaca na axenda de novembro

Por fin hai data para a estrea da nova película de Isabel Coixet, a súa volta á largometraxe despois de dous anos consagrada a outros proxectos audiovisuais. La librería é unha adaptación da novela homónima de Penelope Fitzgerald, unha tenra historia de superación e amor polos libros. Florence Green, a súa protagonista, instálase nunha tranquila cidade da costa inglesa dos anos 50 co soño de abrir unha librería. Mais ese desexo baterá coa oposición dunha sociedade conservadora á cabeza da cal está Violet Gamar, unha gran dama que poñerá a proba a súa determinación. Cun reparto internacional de luxo e o inconfundible selo emocional de Coixet, este drama promete ser un dos filmes deste final de ano.

Cando: 10/11/2017 –

Onde: Cines e multicines (consultar carteleira)

Máis info: instagram.com/thebookshopfilm