Axenda de novembro

Mentres imos deixando atrás as cabaciñas para a decoración do Samaín e contamos con paciencia os días que quedan para que chegue unha nova edición do Black Friday á galega, vaiamos enchendo os ocos libres na axenda de novembro.

As próximas semanas anúncianse repletas de citas imprescindibles e para tódolos gustos. Teremos ocasión de ir de concerto e gozar da música en directo dunha das figuras emerxentes do pop internacional, faremos cola nas librarías para mercar un dos libros máis agardados do ano -por non dicir da década!- e deixarémonos levar pola nostalxia na última homenaxe a un dos heroes da Movida madrileña.

Se despois de tanta actividade nos faltan os folgos, sempre podemos quedar na casa e apuntarnos á maratón por excelencia do momento en Netflix. Descubre aquí e agora os segredos para espremer ao máximo este mes de San Martiño. Fai túa a nosa axenda de novembro.

Birdy

Birdy visita España nunha xira de concertos

Xa choveu desde a súa canción de debut, “Wings”, aquela tenra canción convertida en himno adolescente grazas á banda sonora de The Fault in Our Stars (2014). Varios éxitos e un novo disco despois, a británica Birdy visita España nunha mini-xira de tan só dous concertos. Unha ocasión inmellorable para gozar en directo dunha das voces máis persoais do panorama actual.

Cando: 07/11/2016

Onde: Sala Razzmatazz. Barcelona

Máis info: salarazzmatazz.com

“Tino Casal, el arte por exceso”

Tino Casal foi unha icona estética dos '80

Se no Reino Unido David Bowie foi todo un ídolo musical e estético, en España non fomos menos. Nos anos ’80, Tino Casal brillou con luz propia, e non só polas súas calidades vocais. Looks excesivos, con ombreiras XXL, cores rechamantes e unha maquillaxe recargada fixeron del unha das iconas da Movida madrileña. Co gallo do 25 aniversario do seu pasamento, celébrase unha retrospectica centrada na súa posta en escena.

Cando: 15/10/2016 – 19/02/2017

Onde: Museo del Traje. Madrid

Máis info: museodeltraje.mcu.es

El laberinto de los espíritus

Carlos Ruz Zafón publica a segunda parte do seu maior éxito

Este outono está marcado polo agardado regreso de dous escritores que acadaron o éxito a unha idade temperá e marcaron un antes e un despois na literatura contemporánea: Jonathan Safran Foer e Carlos Ruiz Zafón. O barcelonés publica agora a segunda parte do seu xa clásico La sombra del viento. A especial maxia que imprime a personaxes e situacións volverá a inundar de novo as librarías.

Ruiz Zafón, Carlos. El laberinto de los espíritus. Planeta, 2016. 928 páxinas.

Gilmore Girls: A Year In the Life

As Gilmore están de volta, e a expectación é máxima

Lorelai e Rory Gilmore están de volta! Case unha década despois do punto (e seguido) da serie, o poder de Netflix fará que poidamos volver rir coas súas conversas surrealistas, a súa peculiar relación materno-filial e as aventuras d@s veciñ@s de Stars Hollow. Seguirán xuntos Lorelai e Luke? Triunfaría Rory como xornalista? Esa e outras moitas preguntas están a piques de ser contestadas.

Cando: 25/11/2016 –

Onde: Dispoñible online

Máis info: netflix.com

@Ce_FerSan