Axenda de outubro

Instalad@s xa no outono, resignad@s ás noites cada vez máis longas e os días que son un suspiro, outubro déixanos no padal un certo gusto a mércores. Entre a contaxiosa ledicia estival e a conta atrás para o final do ano, este é un mes aparentemente eslamiado, sen a expectación que precede outros nin a parafernalia que levan asociados. Ao seu favor, unha impagable ponte festiva a medio traxecto e o serán máis feiticeiro a xeito de despedida. Se algo bo había de ter…

Para engadirlle un toque de sal e pementa á mestura, na axenda de outubro anotamos propostas que nos activen as neuronas e nos fagan saír da zona de confort, reflexionar, debater, indignarnos, e, en definitiva, aprender. As grandes citas da estación que comeza traen memorias de subversión e prometen seren o mellor alimento para o pensamento. Porque, ás veces, cuestionar as ideas adquiridas -tamén no tocante á moda- pode resultar tan enriquecedor como entretido. E se non, compróbao poñendo en práctica a nosa axenda de outubro.

Somos plenamente libres. Las mujeres artistas y el surrealismo

Dorothea Tanning, surrealista no Museo Picasso

A historia da arte está sementada de voces femininas silenciadas. Voces que, nas primeiras décadas do século XX, atoparon acubillo na esperanza teórica da liberación respecto ao xugo da razón e das convencións, xa fosen sociais ou estéticas, que propoñía o surrealismo. Germaine Dulac, Dorothea Tanning, Dora Maar, Frida Kahlo ou Maruja Mallo sumáronse á construción da utopía, mais acabarían sendo engulidas pola inercia patriarcal do sistema, que priorizou a canonización de compañeiros, maridos, amigos. Para saldar a conta da Historia con elas, o Museo Picasso celebra unha exposición con acento surrealista e xénero exclusivamente feminino. Porque delas tamén é o mérito.

Cando: 10/10/2017 – 28/01/2018

Onde: Museo Picasso Málaga. Málaga

Máis info: museopicassomalaga.org

Manual anticapitalista de la moda

En outubro, polemizamos sobre capitalismo e moda

Reunir a Karl Marx e Karl Lagerfeld nun mesmo volume non só podería semellar chocante, senón mesmo provocador. E en certo modo éo. Porque o que Tansy E. Hoskins pretende con esta obra é sacudir as nosas conciencias consumistas, situarnos fronte a realidades incómodas que a miúdo optamos por agochar debaixo da alfombra para seguir mercando, e, en definitiva, inspirar unha revolución real na industria da moda. Unha crítica radical que promete non deixarnos indiferentes.

Hoskins, Tansy E. Manual anticapitalista de la moda. Txalaparta. Tafalla, 2017. 357 páxinas.

Items: Is Fashion Modern?

Velaquí unha viaxe pola historia da moda

Que a moda se faga un oco nos museos resulta, a estas alturas, escasamente rompedor. Pero se a institución que acolle a exposición é o MoMA neoiorquino e a mostra é a primeira en 73 anos dedicada á chamada “oitava arte”, iso son palabras maiores. Items: Is Fashion Modern? (herdeira temática de Are Clothes Modern?, dirixida por Bernard Rudofsky en 1944) é un percorrido pola historia da industria do vestir empregando 111 obxectos icónicos como fío condutor. Desde os Levi’s 501 ao burkini, das lentes de sol modelo aviador á camiseta bretona, a viaxe polo universo do estilo anúnciase rica en matices.

Cando: 01/10/2017 – 28/01/2018

Onde: Museum of Modern Art. Nova York

Máis info: moma.org

Dalí and Schiaparelli

Na axenda de outubro, unha exposición internacional

Salvador Dalí e Elsa Schiaparelli foron máis que dous espíritos afíns. Amigos e aliados nunha mesma misión, a de romper coas cadeas da realidade convencional, a súa comuñón naceu dunha mesma maneira de concibir a arte, ese terreo de exploración, experimentación e delirio creador para ambos. E así, as coleccións de Schiaparelli traduciron aos códigos da moda o ideario surrealista compartido. O sombreiro con forma de zapato ou o vestido coa lagosta estampada son só dúas pequenas mostras desa sinerxía. Para afondar nela, paga a pena cruzar o Atlántico.

Cando: 18/10/2017 – 14/01/0217

Onde: Dalí Museum. St Petersburg (Florida)

Máis info: thedali.org